Calado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Marcas de calado no casco dun navío.

O calado dun corpo é a diferenza entre a súa parte máis sumerxida e o nivel que acada a auga no corpo, polo tanto pódese definir coma a altura dun corpo somerxida nun líquido, aínda que xeralmente se fala de barcos, bateas, boias e demais obxectos marítimos ou fluviais na auga.

Este calado dependerá da densidade do líquido, da superficie na que o corpo toca co líquido e da densidade do corpo principalmente. Por estas razóns mentres que un petroleiro, por exemplo, leva varios metros de barco afundidos, unha lancha planeadora apenas leva uns centímetros.

Os barcos de gran calado adoitan levar unha escala métrica na súa parte inferior dende a cal é posíbel visualizar o nivel ao que está a embarcación e detectar algún tipo de problema.

Tamén falamos de calado ao referirnos á diferenza entre o leito fluvial ou mariño e a superficie da auga, e xeralmente mídese con baixamar para coñecer o calado máximo dos corpos que poden pasar por esa ruta. Polo tanto o calado inflúe e moito no desenvolvemento dos portos, xa que a maior calado maiores serán os barcos que poidan entrar e polo tanto máis florecente será a industria dese porto.