Dunas de Corrubedo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°33′0″N 9°2′0″W / 42.55000°N 9.03333°W / 42.55000; -9.03333

Complexo dunar de Corrubedo.

O parque natural Dunas de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán localízase no vértice occidental da península do Barbanza, entre a ría de Arousa e a ría de Muros e Noia, no concello coruñés de Ribeira.

Características[editar | editar a fonte]

A continua exposición á variábel meteoroloxía do litoral galego determina a vida neste espazo natural protexido. O elemento que máis destaca na súa paisaxe é a gran duna móbil, froito da acción combinada do mar e do vento. Ao non estar vexetada, os ventos do suroeste predominantes no inverno fan que se mova uns poucos centímetros tódolos anos cara o interior.

O parque conta cunha lagoa doce e outra salgada. A doce, a lagoa de Vixán, naceu ao pecharse unha frecha litoral, limitando así as achegas de auga a varios regatos. A lagoa de Carregal, de auga salgada, mantén a comunicación co mar, e por iso as súas augas teñen un maior salinidade. Ámbalas dúas forman hábitats tan singulares que a flora e a fauna presentes teñen características moi especiais, ó que se deben outras figuras de protección como zona de especial protección dos valores naturais (ZEPVN) e zona de especial protección para as aves (ZEPA).

A paisaxe complétase cunha longa cadea de dunas, marismas, extensas chairas, piñeirais e terras de labor.

Atópanse tamén numerosas pegadas dos primeiros asentamentos humanos desta zona da Galicia, tanto no interior do parque (Castro do Porto de Baixo) como nos seus arredores. Representan un valor engadido á súa importancia patrimonial. O dolmen de Axeitos ou os petróglifos da Pedra das Cabras, e restos da cultura castrexa, coma o Facho ou Tahume súmanse ós restos dos fornos de tella en Cortiza e Canosa e ós numerosos muíños da zona.

Flora[editar | editar a fonte]

Dunas de Corrubedo, Ribeira, Galicia (Spain).jpg

No Parque encóntranse representados 247 taxons vexetais. Podemos encontrar especies adaptadas á aridez e inestabilidade do substrato areoso, o cardo mariño, ou o feo de praia (Ammofila) que fixa os espaldóns de praia; outras adaptadas ao encharcamento permanente, xuncos, carrizos, ranúnculos, ou ben especies halófitas como a salicornia. Algunhas especies son endémicas do noroeste peninsular e están consideradas como vulnerables ou en perigo de extinción.

Fauna[editar | editar a fonte]

O Parque destaca pola súa gran riqueza faunística (o 70% das especies de anfibios e réptiles presentes en Galicia), entre a que destaca sobre todo a ornitofauna. Os censos de aves acuáticas invernantes efectuados nos últimos anos proporcionan unha media de 2.300 individuos pertencentes a máis de 35 especies. Entre as especies máis destacadas no parque destacan: o pato cullerete (Anas clypeata), o charneco (Anas crecca), o lavanco (Anas platyrhynchos), o pato asubión (Anas penelope), a cerceta do estío (Anas querquedula), o pernileiro (Burhinus oedicnemus), o pirlo bulebule (Calidris alba), a píllara papuda (Charadrius alexandrinus), a galiñola negra (Fulica atra), a mobella ártica (Gavia arctica), a píldora raiada (Arenaria interpres), a gabita (Haematopus ostralegus), a mobella grande (Gavia immer), a mobella pequena (Gavia stellata), a garza pequena (Ixobrychus minutus), o mazarico rabipinto (Limosa lapponica), o mazarico curlí (Numenius arquata), o mazarico galego (Numenius phaeopus), o cullereiro (Platalea leucorodia), a pillara dourada (Pluvialis apricaria) ou o carrán cristado (Sterna sandvicensis).

Tamén están presentes diversas especies de mamíferos que se moven no espazo e no seu contorno, como o raposo (Vulpes vulpes), o teixugo (Meles meles), o ourizo cacho (Erinaceus europaeus) ou o esquío (Sciurus vulgaris). Tamén a lontra (Lutra lutra) mantén unha presenza común.

Datos de interese[editar | editar a fonte]

Vistas de Corrubedo e da praia de Vilar

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]