Cetáceos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Cetáceos
Cetacea

Rango fósil: eoceno - holoceno (presente)
Xibardo
Xibardo
Clasificación científica
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
Superfilo: Deuterostomia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Eutheria
Orde: Cetacea
Brisson, 1762
Subordes

Os cetáceos (Cetacea) son unha orde de mamíferos adaptados á vida acuática que comprende 79 especies [1] distribuídas por todo o mundo: baleas, cachalotes, candorcas, golfiños, arroaces, toniñas, etc. Case todas as especies son animais mariños, aínda que existen especies de golfiños que viven nas augas doces.

O nome destes animais procede do latín cetus (grande animal mariño), e este do grego antigo κήτος kétos (monstro mariño).

Os grandes cetáceos foron obxecto da caza comercial durante séculos, como un recurso mariño máis, ata poñelos en perigo de extinción. Aínda hoxe algúns países coma Xapón, Noruega ou Islandia seguen cazando baleas para comer a súa carne, escudándose no argumento da caza científica. Puntualmente tamén se cazaron os golfiños, tanto para aproveitar a carne como por consideralos inimigos dos pescadores e aínda hoxe o fan en Xapón, os inuit (esquimós) do Canadá ou nas illas Feroe en Dinamarca.

O termo balea debe reservarse ós misticetos, concretamente ós integrantes da familia Balaenidae. Porén, está imposto o seu uso para outras especies non pertencentes á familia dos balénidos e incluso tamén para cetáceos con dentes, como é o caso da denominación de balea asasina para a candorca (que nin é balea nin é asasina), de balea de esperma para o cachalote ou de balea piloto para o caldeirón.

Características[editar | editar a fonte]

Oito especies de cetáceos debuxados a tamaño proporcional: 1. Balea vasca; 2. Candorca; 3. Balea de Groenlandia; 4. Cachalote; 5. Narval; 6. Balea azul; 7. Rorcual común; 8. Beluga.

Externamente posúen un corpo pisciforme, adaptado á vida acuática, con amplas variacións no tocante ó tamaño (desde as toniñas de ó redor de un metro de lonxitude ata a balea azul, de ata 30 metros e 180 toneladas, o animal máis grande coñecido), a forma da cabeza e o tamaño das aletas.

Os cetáceos, coma tódolos demais mamíferos, son animais de sangue quente (endotérmicos), respiración pulmonar e reprodución vivípara (paren e aleitan as súas crías). A presenza de pelo sobre a pel é vestixial e só se observa, moi ralo, nos fetos. As extremidades anteriores transformáronse en aletas pectorais (sen función locomotriz) e as posteriores atrofiáronse case totalmente, quedando unicamente un pequeño óso pélvico no abdome.

O rabo transformouse nunha aleta caudal que, a diferenza dos peixes, é horizontal. Esta aleta caudal é o mecanismo que utilizan para propulsarse e desprazarse. Presentan tamén unha aleta dorsal, sen base ósea, que pode ser moi destacada (como na candorca) ou inexistente (como na balea vasca ou na beluga).

O problema da respiración pulmonar nun medio acuático resolvérono mediante a transformación do cranio, alongado en horizontal, e a migración dos orificios nasais (narinas ou aventadores) á cara superior da cabeza. Os misticetos (baleas e rorcuais) posúen dous orificios nasais mentres que os odontocetos (golfiños, cachalote, etc.) só presentan un. Outras transformacións fisiolóxicas permítenlles espazar extraordinariamente os movementos respiratorios e permanecer períodos prolongados de tempo baixo a auga (o cachalote, por exemplo, pode permanecer baixo a auga ata dúas horas sen necesitar saír á superficie para respirar).

Carecen de aparato auditivo externo e só teñen uns pequenos orificios detrás dos ollos e, ademais, en moitas especies estes condutos están obstruídos. Aínda así posúen un sentido do oído moi desenvolvido e son quen de determina-la orixe dos sons baixo o mar grazas ó seu sistema de ecolocalización. Tamén poden comunicarse entre si mediante un amplo repertorio de sons, que varían, segundo a especie e a familia, entre breves chasquidos a cancións prolongadas.

Evolución[editar | editar a fonte]

A orixe dos cetáceos hai que buscala en mamíferos terrestres normais de hábitos anfibios, probablemente durante o Eoceno, hai entre 55 e 34 millóns de anos. Concretamente, evolucionaron a partir de mamíferos da orde dos artiodáctilos (mamíferos provistos de dedos articulados), hoxe representados polas vacas, cabalos, porcos, hipopótamos, etc.

Os fósiles máis antigos de animais con características propias dos cetáceos pertencen ós arquocetos (Archaeoceti). Descubríronse exemplares de diferentes tipos, entre os 2 e os 21 m de lonxitude, con corpo fusiforme, aletas anteriores con forma de remo, presenza de aleta dorsal e un pedúnculo caudal longo. Habitaban zonas pantanosas costeiras e mares pouco profundos. Extinguíronse hai uns 30 millóns de anos.

Clasificación taxonómica[editar | editar a fonte]

Os cetáceos divídense en tres subordes:

Alimentación[editar | editar a fonte]

A dieta dos cetáceos é moi variada, o que determina importantes transformacións na dentición. Atendendo ás características desta clasifícanse en dúas subordes:

  • Misticetos ou, antes, mistacocetos (Mysticeti): sen dentes pero dotados dunhas estruturas no maxilar superior, chamadas barbas ou baleas, coas que filtran a auga e reteñen os pequenos peixes ou crustáceos (krill) que constitúen o seu alimento. A boca é grande e moi ancha.
As barbas dos misticetos están constituídas de queratina (a mesma substancia que forma as nosas uñas ou o pelo). Penduran do bordo da mandíbula superior pechando a cavidade bucal. O sistema que utilizan é avanzar coa boca aberta e enchela dun gran volume de auga (no que axuda a dilatación da pel da gorxa). A seguir, pechan a boca e coa axuda da lingua expulsan a auga, que é filtrada polas barbas retendo todos os animais que viñan nela.
Golfiño común (Delphinus delphis), adulto e cría.
  • Odontocetos (Odontoceti): dotados dun número variable de dentes, segundo a especie. Son animais cazadores que se alimentan de peixes, cefalópodos ou, no caso da candorca, de aves, focas ou outros cetáceos. A boca pode describirse como fina ou aguzada.
Os odontocetos (golfiños, arroaces, candorcas etc.) posúen normalmente un elevado número de dentes (ata 160-180 no caso do golfiño común) distribuídos de forma simétrica en ambas as mandíbulas, pero hai especies que só teñen dentes na mandíbula inferior (coma o cachalote) e noutras chegan a faltar totalmente ou a perder a funcionalidade (como nos zifios ou no narval).
A dentición dos cetáceos con dentes é homodonta (todos os dentes son iguais, non diferenciados en incisivos, caninos e molares) e utilízase exclusivamente para atrapar as presas, que tragan enteiras, sen mastigar. A candorca, que caza animais de gran tamaño como focas ou outros cetáceos pequenos, arrancan porcións de carne do tamaño adecuado para engulila.

Reprodución[editar | editar a fonte]

Os cetáceos son vivíparos: paren as súas crías vivas. Paren unha soa cría de cada vez aínda que se coñecen casos excepcionais de partos e xestacións dobres. As crías acabadas de nacer deben saír axiña á superficie, a respirar, acto no que son axudados pola nai ou por outras femias do mesmo grupo familiar.

Os cetáceos na cultura popular[editar | editar a fonte]

Refraneiro[editar | editar a fonte]

  • A balea é un animal de moita chea.
  • A candorca leva ou trae/trai.
  • Arroaces na ría, moita sardiña.
  • Arroaces na ría, boureles tiran.
  • ¡Balea!, levanta a pata e mea.
  • Balea no mar, a pescar.
  • Cando as candorcas saltan, o bon tempo espanta
  • Cando os golfiños saltan, vento traen ou a calma espantan.
  • Candorcas na ría, arroaces á costa.
  • Golfiños a choutar, acaba o calmo no mar.
  • Golfiños que moito saltan, vento traen e a calma espantan.
  • ¿Os arroaces brincan no mar? Forte norte vai dar / van dar.
  • Os arroaces brincan no mar, forte norte vai dar / van dar / vai entrar.
  • Os arroás na ría, miña nai, para a casa.
  • Tramalleiros ó mar, arroaces ó par.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Incluíndo un zífido non identificado do que só se atoparon uns restos varados.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Carwardine, M. (1995): Ballenas, delfines y marsopas. Guía visual de todos los cetáceos del mundo. Barcelona: Omega. ISBN 84-282-1037-3.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) [1]
  • Sociedad Española de Cetáceos (SEC) [2]
  • FAO-OMS (1993): Marine mammals of the world [3]
  • Taxonomía ilustrada dos cetáceos (inglés) [4]