Robot

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Robot.
Robot industrial

Un robot é un dispositivo, ou grupo de dispositivos, electromecánicos ou biomecánicos que poden realizar tarefas de maneira autónoma, preprogramada, ou so control humano. Un robot pode actuar baixo control directo dun ser humano (p.ex. o brazo robótico da lanzadeira espacial) ou autónomo baixo control dun ordenador preprogramado. Hai autores que fan fincapé na distinción entre mecanismo (cando precisa intervención humana para funcionar), autómata (cando o sistema reproduce un mesmo programa -unha mesma acción- unha e outra vez sen intervención humana, podendo incluso tomar decisións) e un robot, que se diferenciaría pola versatilidade: pode ser reprogramado e realizar diferentes accións en función do programa que execute, así por exemplo, unha porta que detecta a nosa presenza e abre e pecha automaticamente é un automatismo, non é un robot; só pode facer iso. O brazo mecánico controlado por un ordenador que pinta ou solda nunha cadea de montaxe distintos modelos de coches, si sería un robot. Os robots pódense utilizar para realizar as tarefas que son demasiado perigosas ou difíciles para que os seres humanos os executen directamente ou para automatizar tarefas repetitivas que se poden realizar de xeito máis barato por un robot que polo ser humano (p. ex. na produción do automóbil).

Orixe[editar | editar a fonte]

A palabra robot vén do vocábulo checo "robota" que significa "servidume", "traballo forzado", ou escravitude, especialmente os chamados "traballadores alugados" que viviron no Imperio Austrohúngaro ata 1848.

O termo "robot" utilizouno por primeira Karel Čapek na súa obra teatral R.U.R. (Rossumovi univerzální roboti) que se estreou en 1921, porén o autor indicou posteriormente que a palabra debíase a seu irmán Josef[1]. Aínda que os robots de Čapek eran humanos artificiais orgánicos, a palabra robot emprégase case sempre para referirse a humanos mecánicos. O termo androide pode referirse a calquera destes, mentres que un cyborg ("organismo cibernético" ou "home biónico") pode ser unha criatura que é a combinación de partes orgánicas e mecánicas.

Intelixencia[editar | editar a fonte]

Algúns científicos afirman que os robots serán capaces de se aproximaren a unha intelixencia semellante á humana na primeira metade do século XXI[Cómpre referencia]. O pioneiro da cibernética Norbert Wiener discutiu algúns destes temas no seu libro The human use of human beings (1950), no que especulou que a realización de traballos humanos polos robots pode levar a un aumento no desemprego e problemas sociais a curto prazo, porén que a medio prazo isto pode traer unha riqueza material ás persoas na maioría das nacións.

Notas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Robot