Percebe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Percebe
Pollicipes pollicipes
Pollicipes pollicipes.jpg
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Subfilo: Crustacea
Clase: Maxillopoda
Infraclase: Cirripedia
Orde: Pedunculata
Familia: Pollicipedidae
Xénero: Pollicipes
Especie: P. pollicipes
Nome binomial
Pollicipes pollicipes
(Gmelin, 1789) [1]
Distribución do percebe

Distribución do percebe
Sinonimia
  • Lepas gallorum Spengler, 1790 [2]
  • Lepas pollicipes Gmelin, 1789 [2]
  • Mitella pollicipes (Gmelin, 1789) [3]
  • Pollicipes cornucopia Leach, 1817 [1][3]

O percebe, tamén denominado mixote, percebe da pedra, percebe da sombriza e percebe mexón, segundo M. C. Ríos Panisse [4] e máis Rosa Ramonell,[5] é unha especie de artrópodo pertencente á familia dos policipédidos da orde dos pedunculados e infraclase dos cirrípedes, do subfilo dos crustáceos, estando en consecuencia ligado de lonxe cos cangrexos e as lagostas. Algunhas autoridades académicas consideran os cirrípedes como clase plena.

Das ao redor de 1 220 especies de percebes coñecidas na actualidade, Pollicipes pollicipes (antes Pollicipes cornucopia) é a común nas nosas augas.

A especie foi descrita por primeira vez polo químico e naturalista alemám Johann Friedrich Gmelin en 1789, baixo o nome de Lepas pollicipes.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O nome galego, percebe, remonta ao latín pollicipes, composto de pollex "polgar" e pes "pé" (literalmente: 'o dedo gordo do pé').

Fases vitais[editar | editar a fonte]

Os percebes viven adheridos ás rochas en zonas moi batidas polo mar e formando grupos. Teñen dúas fase larvarias: a primeira larva denomínase nauplius, que evoluciona como parte do plancto, flotando a onde o vento, as ondas, as correntes ou as mareas as leven, tempo durante o cal muda. Esta fase dura sobre dúas semanas, até acadar a fase seguinte. Chegado ese momento, a nauplius metamorfoséase nunha nova larva cypris, que é máis apta nadando. As cypris estabelécense nunha zona onde os signos ambientais denoten un entorno seguro e produtivo. Se non o atopan, as larvas morrerán.

Cando atopan un sitio axeitado, a larva cipris enraíza ela soa, primeiro a cabeza, na superficie, e de seguido comeza a se metamorfosear nun diminuto percebe. O corpo está formado por un pedúnculo carnoso (que é a parte que se aproveita para comer) e unha uña da que saen os cirros polos que se alimentan. O percebe típico desenvolve seis armaduras ou capas sucesivas para envolver e protexer o seu corpo. Durante o resto da súa vida, estará soldado ao chan, utilizando os seus tentáculos para capturar o plancto ou os gametos na época da posta. Os percebes, polo xeral, acostuman encontrarse na zona intermareal.

Reprodución[editar | editar a fonte]

Como moitos outros invertebrados, os percebes son hermafroditas, alternando os roles masculinos e femininos no paso do tempo. O percebe que fai o rol de macho introduce os espermatozoides na cavidade do que fai de femia, que incubará os ovos no seu interior. Cando saen dos ovos pasarán polas distintas fases larvarias anteditas até fixarse ás rochas onde seguirán medrando.

Dise que o percebe posúe o pene máis longo en proporción á lonxitude do seu organismo: segundo algunhas fontes alcanza 20 veces a lonxitude do animal. Con todo, nun recente experimento realizado no Aquarium Finisterrae da Coruña conseguiuse gravar por vez primeira a cópula do percebe, observándose que realmente o tamaño do pene en erección se multiplica aproximadamente por un e medio.

Outros[editar | editar a fonte]

Os perceben poden fixarse a estruturas construídas por humanos, ás veces en prexuízo das tales estruturas. En particular, con respecto aos barcos son considerados como animais prexudiciais[Cómpre referencia].

Con todo, algúns membros deste grupo teñen un modo de vida algo diferente. Por exemplo, os do xénero Sacculina son parasitos dos cangrexos.

Gastronomía[editar | editar a fonte]

Venda de percebes nun mercado. É un marisco que destaca polo seu alto prezo.

Explótase sobre todo desde Galicia e Asturias, Cantabria, País Vasco, Portugal e Francia (especialmente en Belle Isle), sendo a costa galega un dos mellores lugares para esta especie, que constitúe un produto típico da súa gastronomía. Recóllese manualmente nas rochas situadas na zona intermareal das rías, acantilados, illas, etc., con risco considerable para os operarios, localmente chamados percebeiros.

A parte comestible é a que forma o pedúnculo. O seu equivalente comestible americano é o picoroco.

O percebe en Galicia[editar | editar a fonte]

O percebe galego, debido á riqueza nutritiva das augas de Galicia, é máis groso e escuro que o de Marrocos, e ten a uña máis avermellada e con menos placas que o percebe do Canadá (que é doutra especie, parecida, Pollicipes polymerus Sowerby, 1833), facendo toda esta suma que sexa dunha gran calidade. Destaca sobor de todo o percebe do Roncudo, en Corme (concello de Ponteceso), e o de Cedeira pola súa calidade.

O percebe na gastronomía[editar | editar a fonte]

O mestre Álvaro Cunqueiro dicía que

Percebes no Porto do Son (entre Fisterra e Corrubedo).
Unha das grandes cousas das costas nosas, das bravas, do Ortegal, do Fisterre, das illas de Sálvora e de Ons, das penedosas costas dos ártabros, por onde anda co vento e as grandes olas a voz do bardo Pondal, son os percebes. (...) Parece coma si souperon, nos longos meses atemporalados do inverno, que hai que ofrecer ao golpe de marnos cons, na penedía mariñeira toda á que se pega, unha estructura resistente: non medrar, engordar, aguantar o golpe do mar na unlla. Así están, digo eu, estes coma viquingos de mouro vestidos nunha asamblea de cascos, que era unha das maneiras que os poetas escaldos tiñan pra decir batalla, na condicón óptima pra seren comidos. Longos, sempre está fraques, e o enrugo da súa pel perece que pasa a súa carne. Agora andan moi escasos, e máis caros que a langosta ou a centola, ou as ostras. Os mçáis que ún chega a xantar son pequeneiros, apenas se pode levar á boca máis que umnha miñoquiña colorada, e todo o que se para é auga salada.
Pro de cando en vez, de San Ciprián, dos farallóns orteganos, do Fisterre ou de Corrubedo, chegan á mesa na que está ún sentado uns percebes coma o pulgar dunj carpinteiro —que din que sempre o teñen máis esteso, por andar medido cartas, que os homes outros—, cheos, coma si non lles houberan feito a roupa pra as medras de aqueste inverno, cuspindo ao abrilos, polo aperetados que están, un zugo roxizo, que é unha perda, que están millor na boca que na camisa... I eses percebes xustifican unha longa espera, unha golosa espranza.
A. Cunqueiro, A cociña galega, pp. 71-72.

E pola súa parte, un seu discípulo, Jorge Víctor Sueiro, afirmaba que este crustáceo

hermafrotita, de negro aspecto en su cuerpo comestible y óseo y rojizo en la "pezuña", es uno de los reyes del marisco (...) e que En Galicia, donde los percebes son excepcionalmente sabrosos, han sido sometidos a tal predación que se teme fundadamente por su desaparición (...) unicamente que si tienen oportunidad y "una pasta" no dejen de disfrutar de una buena "percebada".
J. V. Sueiro, Manual del marisco, pp. 200-201.

Festas gastronómicas[editar | editar a fonte]

  • Festa do Percebe do Roncudo: Corme, 13 de xullo
  • Festa do Percebe: Cedeira, 26 de xullo
  • Festa do Percebe: Aguiño, 27 de xullo

Crenzas[editar | editar a fonte]

En Europa, até ben entrada a Idade Moderna creuse que algunhas especies de gansos (as do xénero Branta) eran a metamorfose madura dos percebes (chamándose en inglés barnacles tanto a estes cirrípedes como a esas aves); este era un dos modos en que a xente burlaba o xaxún de carnes durante a coresma, dado que segundo o cristianismo durante ese período as únicas carnes que se podían comer eran as de peixes e mariscos, deste xeito as aves chamadas do mesma xeito e até, nalgunha ocasión, outras similares (ánsares e patos) eran clasificadas como "moluscos" ou "crustáceos". Un dos argumentos para tan curiosa taxonomía era o feito de que os percebes teñen apéndices que recordan a plumas.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Alan Southward (21 de decembro de 2004). "Pollicipes pollicipes (Gmelin, 1789)". European Register of Marine Species.. http://www.marbef.org/data/aphia.php?p=taxdetails&id=106177. (en inglés)
  2. 2,0 2,1 Charles Darwin (1851). A monograph on the sub-class Cirripedia, with figures of all the species. Ray Society.. http://www.archive.org/stream/monographonsubcl01darw/monographonsubcl01darw_djvu.txt.
  3. 3,0 3,1 M. K. S. Barnes (February 10, 2009). "A stalked barnacle – Pollicipes pollicipes". Marine Life Information Network for Britain & Ireland. Marine Biological Association of the United Kingdom. http://www.marlin.ac.uk/species/Pollicipespollicipes.htm.
  4. Ríos Panisse, M. C. (1977): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. I. Invertebrados y peces. Verba, Anejo 7. Santiago: Univerdidad de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-008-X, pp. 56-57.
  5. Rosa Ramonell (1985), p. 183.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Percebe
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Percebe
Galizionario
Vexa a entrada do Galizionario acerca de percebe

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Cruz, Teresa (2000): Biologia e ecologia do percebe Pollicipes pollicipes (Gmelin, 1790) no litoral sudoeste português. Tese de doutoramento. Universidade de Évora, 306 pp. Vista en liña
  • Cunqueiro, Álvaro (1973): A cociña galega. Vigo: Editorial FGalaxia, S. A. ISBN 8471541815, 76 pp.
  • Pérez A. C. (1996): El percebe en Galicia. A Coruña: Fundación Caixa Galicia, Aula del mar. ISBN 8489231168, 60 pp.
  • Quéro J. C. e Vayne J. J. (1998): Les fruits de la mer et plantes marines des pêches françaises. Paris: Delachaux et Niestlé. ISBN 260301109X, 256 pp. Capítulo "Pouce-pied Vista en liña
  • Ramonell, Rosa (1985): Guía dos mariscos de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia, S. A. ISBN 8471545062, 293 pp.
  • Sueiro, Jorge-Víctor (1981): Manual del Marisco. Madrid: Penthalon Ediciones. ISBN 8485337492, 350 pp.</ref>

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]