Greenpeace

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Logotipo de Greenpeace

Greenpeace (do inglés green: verde, e peace: paz) é unha organización ecoloxista fundada en Canadá en 1971, de ámbito internacional, independente económica e politicamente, que non acepta doazóns nin presións de gobernos, partidos políticos ou empresas, e que se autofinancia polas achegas dos socios e doadores (95% dos seus fondos[Cómpre referencia]), así como a través da venda de produtos co nome de Greenpeace.

Historia[editar | editar a fonte]

Segundo cifras de Greenpeace, o número dos seus socios en todo o mundo en 2005 era de tres millóns. No mesmo ano, en España eran 85.000.

Acción de Greenpeace contra a multinacional petroleira Esso, dona nesa altura do Exxon Valdez, naufragado nas costas de Alaska

O obxectivo da organización é protexer e defender o medio ambiente, intervindo en diferentes puntos do planeta onde se cometen atentados contra a natureza. Greenpeace leva a cabo campañas para deter o cambio climático, protexer a biodiversidade, en contra dos transxénicos, contra a contaminación, para acabar co uso da enerxía nuclear e das armas e fomentar a paz.

Cunha oficina principal en Ámsterdan, traballa en estreita colaboración coas 38 seccións nacionais, ademais de cos diferentes barcos que posúe, o máis coñecido deles quizais o Rainbow Warrior. A toma de decisións faise tendo en conta a maioría de sectores que conforman a súa estrutura interna, intentado que ninguén poida tomar decisións unilaterais non acordes coa maioría dos membros representativos.

Salvando as baleas[editar | editar a fonte]

Quizais as accións e imaxes máis coñecidas e recoñecidas de Greenpeace dende a súa fundación foron aquelas nas que se vían os activistas de Greenpeace interpoñer as súas lanchas, e as súas vidas, entre os arpóns dos barcos baleeiros e os cetáceos que estes querían capturar. Quizais por iso sexa un paradoxo que tras 14 anos de moratoria na caza de baleas, en setembro de 2003 o Rainbow Warrior se atopase de novo en augas de Islandia para impedir e denunciar a pretensión por parte do goberno deste país de continuar coa industria baleeira.

A finais do 2005 dous barcos da flota de Greenpeace, o MV Artic Sunrise e o MV Esperanza, comezaron a sucar os océanos da Terra durante un ano, denunciando os perigos que os axexan. A súa primeira acción foi interceptar a flota baleeira xaponesa e esixirlles que abandonasen inmediatamente o Santuario Baleeiro da Antártida.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ecoloxía