Aegean Sea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Áncora do Mar Exeo no Aquarium Finisterrae.

O Aegean Sea, tamén coñecido pola súa tradución galega de Mar Exeo, foi un petroleiro de bandeira grega que accidentou na costa da Coruña o 3 de decembro de 1992.

Índice

[editar] Características do barco

O buque, construído en Xapón en 1973, tiña 261,02 metros de eslora por 40,67 de manga, con 15,93 m de calado máximo e unha capacidade de carga máxima de 114.000 toneladas de cru, dobre casco e 28 tripulantes [1] Procedente do mar do Norte, transportaba 79.081 toneladas de petróleo Brent Blend (cru lixeiro) cara á refinaría de Repsol na Coruña, das que verteu ao mar unhas 67.000. As investigacións posteriores comprobaron que superara satisfactoriamente todas as inspeccións e revisións ás que fora sometido.[2] O capitán era o grego Constantinos Stavridis.

[editar] O accidente

Na madrugada do 3 de decembro de 1992 o Aegean Sea entraba no porto da Coruña nunhas condicións meteorolóxicas adversas, cuns ventos por riba dos 100 km/h e unha visibilidade inferior aos 100 m. Por culpa dun golpe de mar —segundo o capitán do barco— ou por seguir unha manobra incorrecta —segundo a Dirección Xeral da Mariña Mercante— o buque non seguíu a enfilación fixada polos prácticos e rematou encallando contra os baixos rochosos da Torre de Hércules, preto da boca da Ría. Segundo a información do capitán, eran as 4:50 horas.

Ás oito da mañá o buque fende e estoura fronte á torre de Hércules, moi preto da bocana do porto. Ás 9:45 o buque estaba fendido e a proa afunde a 50 m de profundidade. Rapidamente o barco botouse a arder, pois o gas inerte dos tanques avivou a combustión. Dende algo máis de media hora antes o capitán autorizara a evacuación dos seus 28 tripulantes, que son rescatados polos helicópteros de rescate Helimer Galicia, Pesca I e Pesca II, xunto ao barco da Cruz Vermella Blanca Quiroga.

Non houbo vítimas humanas. Foi preciso evacuar os veciños do barrio de Durmideiras, o máis próximo, e unhas 300 familias pasaron unha noite fóra dos seus fogares. Unha nube de fume procedente do buque cubriu durante unhas horas o ceo da cidade, se ben á tarde rolou a oeste e a nube desprazouse cara a Ferrol.

A pesar de que se consiguiu extraer unhas 6.000 toneladas de cru, a maior parte verteu ó mar ou ardeu; outra parte da carga evaporouse grazas á volatibilidade dese tipo de petróleo. A escaseza de barreiras anticontaminantes e a rotura dalgunhas delas foron os primeiros problemas para frear unha marea negra que chegou a cabo Prior e afectou a ría da Coruña, a de Ares, a de Betanzos e a de Ferrol. En total resultaron afectados uns 300 km de costa, limitando a actividade de máis de 4.000 pescadores, mariscadores e operarios de depuradoras de moluscos e outras industrias da acuicultura. As reclamacións presentadas en concepto de indemnización aproximáronse ós 300 millóns de euros.

As cifras de animais mortos varían entre as 500 da Mariña Mercante[Cómpre referencia], e os 26.000 conforme os grupos ecoloxistas[Cómpre referencia]. A enferruxada popa do Aegean Sea, arrastrada polas ondas ata os cons da torre de Hércules foi durante anos un atractivo turístico. Finalmente foi vendido como chatarra nunha poxa a unha empresa asturiana. A áncora consérvase no Aquarium Finisterrae.

As indemnizacións ós afectados comezaron a pagarse no ano 2002 despois dun longo proceso xudicial no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

[editar] Notas

  1. 14 gregos e 14 filipinos. Ademais ía no barco a esposa dun daqueles.
  2. O 25 de novembro fora inspeccionado no porto inglés de Sullom Voe. Detectáranselle tres deficiencias menores que foron emendadas sen problemas e que non tiveron nada que ver co accidente.

[editar] Véxase tamén

[editar] Bibliografía

  • Colectivo de Marinos SLMM-CCOO: Aegean Sea, La verdad de una catástrofe repetida. Ed. Toxosoutos, Muros 1994.
  • "El Mar Egeo sigue varado tras 15 años", en Los domingos de La Voz de Galicia, nº 543, de 2 de decembro de 2007.

[editar] Outros artigos

[editar] Ligazóns externas

Ferramentas persoais
Espazos de nomes

Variantes
Accións
Navegación
Imprimir/exportar
Caixa de ferramentas
Outras linguas