Jaume Matas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Jaume Matas no 2006.

Jaume Matas i Palou, nado en Palma o 5 de outubro de 1956, é un político balear vinculado ao Partido Popular. Foi ministro de Medio Ambiente de España e presidente do Partido Popular de Baleares e presidente do Goberno Balear en dúas ocasións, entre 1996 e 1999 e desde 2003 até as eleccións autonómicas do 27 de maio de 2007. Atópase imputado por doce delitos[1] presuntamente cometidos durante a súa etapa no goberno balear: prevaricación, suborno, malversación, apropiación indebida, falsidade documental, tráfico de influencias, branqueo de capitais, delito fiscal e delito electoral, especialmente no contexto do caso Palma Arena.[2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudou economía e empresariais (especialidade en Facenda Pública) na Universidade de Valencia. Tras ingresar no corpo de inspectores de Facenda e traballar en negocios familiares, entrou en política en 1989, cando foi nomeado director xeral de orzamentos do Goberno Balear. Desta maneira gañou a confianza do daquela presidente, Gabriel Cañellas (PP).

En 1976 afiliouse a Alianza Popular de Baleares. En 1978 accedeu á candidatura a Alcalde de Palma, cargo que ocupou un mes despois de que AP gañase as eleccións municipais en Palma no ano seguinte. Nas eleccións de 1983 volveu gañar e foi reelixido alcalde desa cidade. O cargo renovouno nas eleccións de 1987 xa como membro do Partido Popular de Baleares. Un mes despois das eleccións dese ano, o Presidente das Illas Baleares, Gabriel Cañellas nomeouno Conselleiro de Economía e Facenda, cargo que compaxinou até o final da súa alcaldía e o final da hexemonía de Gabriel Cañellas no Goberno Balear.

En setembro de 1991 foi nomeado Presidente do PP de Mallorca, así quedou automaticamente situado como candidato á Presidencia do Consello Insular de Mallorca nas eleccións de 1995. En 1992 Matas pasou a ser Vicepresidente do PP Balear. Nas eleccións de 1995, o PP gañou, o que permitiu a Matas formar un pacto de apoio parlamentario con Unió Mallorquina no Consello Inular de Mallorca e ser investido Presidente do mesmo. En 1996 foi nomeado Presidente das Illas Baleares por primeira vez. Ao suceder isto, puxo a Presidencia do Consello Insular de Mallorca en mans da até agora Vicepresidenta, Maria Antonia Munar (UM). Por último foi nomeado Presidente do PP Balear e deixou a Presidencia do PP de Mallorca en mans de Rosa Estaràs que foi a Vicepresidenta do Goberno Balear. Nas eleccións de 1999, gañou as eleccións pero o PSOE, UM e PSM-Entesa formaron un Pacto de Progreso que nomeou a Francesc Antich (PSOE) Presidente das Illas Baleares.

De 2000 a 2003 foi Ministro de Medio Ambiente no segundo goberno de José María Aznar, época na que creou o Plan Hidrolóxico Nacional. Como ministro de Medio Ambiente procedeuse á ratificación do Protocolo de Kyoto, momento no que España ocupaba a presidencia da Unión Europea.

En 2003 volveuse a presentar ás eleccións autonómicas ao Parlamento Balear, obtendo a maioría absoluta e recuperando a presidencia do Goberno Balear. Durante o seu mandato (2003-2007) derrogouse a "ecotaxa" e suprimiuse o Imposto de Sucesións, entre outras políticas. Así mesmo impulsáronse autoestradas e autovías en Mallorca e Eivissa abrindo a polémica polo impacto ambiental. Durante a súa presidencia reformouse o Estatuto de Autonomía que amplía a capacidade de autogoberno coa incorporación de novas competencias.

Nas eleccións do 27 de maio de 2007 obtivo a maioría de votos pero non conseguiu formar goberno. O 21 de xuño de 2007 deixou a política. En setembro incorporouse ao Grupo Barceló, onde exerceu de comercial internacional da multinacional nos Estados Unidos, cargo que abandonou a finais de xaneiro de 2009.

Rosa Estaràs, candidata do PP ao Consello Insular de Mallorca asumiu a dirección do partido até o Congreso Rexional en 2008 e substituíu a Matas como xefa da oposición no Parlamento Balear. O 7 de setembro de 2007, Jaume Matas abandonou o cargo de Presidente de Partido Popular de Baleares, sendo elixida en substitución Rosa Estarás.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. El fiscal pide ocho años de cárcel para Jaume Matas, nova en El País o 26 de marzo de 2011. (en castelán)
  2. Jaume Matas, imputat pel cas Palma Arena, nova en VilaWeb o 14 de outubro de 2009. (en catalán)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]