Mar Cantábrico
O Cantábrico é un mar litoral do océano Atlántico que baña a costa norte de España e a costa suroeste de Francia. Esténdese desde a Punta Estaca de Bares na provincia da Coruña, ata a desembocadura do río Adour nas costas do departamento Francés das Landes preto de Bayonne. No seu parte máis oriental, xunto ás costas do País Vasco recibe o nome de golfo de Biscaia ou tamén de golfo de Gascuña. Baña 800 quilómetros de costa compartida polas provincias de A Coruña, Lugo, Asturias, Cantabria, Biscaia, Guipúscoa e Lapurdi, esta última en Francia.
Constitúe un mar de transición entre os mares fríos do Norte e os tépedos do trópico, o que fai que sexa ecotono de especies vexetais e animais de augas frías.
Os fortes ventos do Noroeste que sopran sobre el teñen a súa orixe nas baixas presións centradas sobre as Illas Británicas e o mar do Norte en combinación co anticiclón das Azores. A distancia percorrida polo vento e o mantemento da súa dirección e velocidade constantes fai que se xeren ondas que oscilan entre 2,5 e 3 metros de altura, o que orixina un mar moi axitado. En condicións moi particulares, máis propicias nos meses de abril-maio e setembro-outubro, os ventos do Oeste poden alcanzar magnitudes de galerna con ondas que chegan a superar os 9 metros de altura.
A medida que nos aproximamos á costa francesa as augas van sendo máis cálidas. Posúe unha salinidade media do 35%, aínda que este dato varía moito en función do réxime de choivas imperante na zona. Ten unha significativa amplitude de marea e é atravesado pola Corrente do Golfo.
Foi bautizado polos romanos no século I a. C. como Cantabricus Oceanus e noutras citas clásicas máis antigas aparece co nome de Britannicus Oceanus e Gallicus Oceanus.
[editar] Localidades importantes
Principais municipios da beira do mar Cantábrico:
- O Vicedo, Viveiro, Burela, Foz e Ribadeo, en Galicia.
- Navia, Luarca, Cudillero, Avilés, Xixón, Ribadesella e Llanes, no Principado de Asturias.
- San Vicente de la Barquera, Comillas, Santander, Camargo, Santoña, Laredo e Castro-Urdiales, en Cantabria.
- Getxo, Bermeo, Zarautz, Donostia/San Sebastián, Pasaia e Hondarribia, no País Vasco.
- Hendaia, Saint-Jean-de-Luz, Biarritz e Baiona, en Francia.