Eduardo Pondal
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (gl) Eduardo María González-Pondal Abente 6 de febreiro de 1835 Ponteceso, España |
Morte | 8 de marzo de 1917 (82 anos) A Coruña, España |
Lugar de sepultura | cemiterio de Santo Amaro da Coruña |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | poeta, escritor, político |
Período de actividade | Romanticismo |
Membro de | |
Xénero artístico | Poesía |
Movemento | Rexurdimento |
Influencias | |
Lingua | Galego, castelán |
Obra | |
Obras destacables | |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | Ensayo de un catálogo de periodistas españoles del siglo XIX (1903-1904), (sec:Pondal (Eduardo), p.354) |
Eduardo María González-Pondal Abente, nado en Ponteceso o 6 de febreiro[2] de 1835 e finado na Coruña o 8 de marzo de 1917, foi un poeta rexionalista galego, en lingua castelá e lingua galega. Un fragmento do seu poema "Os Pinos" constitúe a letra do Himno de Galicia. Foi unha das tres grandes voces líricas do Rexurdimento, xunto con Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez. En 1965 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Cronobiografía de Eduardo Pondal.
Foi o derradeiro irmán de entre sete fillos nunha familia de orixe fidalga enriquecida coa emigración a América. Eduardo quedou orfo de nai, Ángela Abente Chans, ao ano de nacer. Seu pai, Juan González Pondal, era comerciante.[3] Estudou dende 1844 gramática latina na escola que tiña un parente seu crego (Cristóbal de Lago) en Vilela de Nemiña. En 1848 instalouse en Santiago de Compostela para cursar o bacharelato en Filosofía e, a seguir, a carreira de Medicina. De estudante frecuentou o Liceo de Santo Agostiño, onde había faladoiros literarios, e revelouse como poeta, co seu íntimo amigo Aurelio Aguirre, nunha ocasión que se fixo célebre: o banquete de Conxo. Foi un acto organizado en 1856 por estudantes liberais en homenaxe ao terceiro estado, no que estes fraternizaron con obreiros. Os brindes de Aguirre e de Pondal, cun sentido político moi avanzado, leváronos á Audiencia da Coruña que chegou a considerar a deportación destes ás Illas Marianas. Desta época datan os seus textos manuscritos máis antigos, atopados no arquivo do arcebispado de Santiago Compostela.[4]
Ao rematar a carreira en 1860, exerce como médico militar da Armada Española en Ferrol. En 1861 obtivo praza no Corpo de Sanidade Militar ao aprobar a oposición en Madrid. Porén, tras conseguir un posto na fábrica de armas de Trubia (Asturias), abandonou de maneira definitiva a profesión médica e retornou á casa paterna. O 2 de xullo de 1861 celebráronse na Coruña os primeiros Xogos florais de Galicia, no que Pondal participou con A campana d'Anllóns, o seu primeiro poema en galego, que se publicou ao ano seguinte no Álbum de la Caridad.
Pondal apenas exerceu a medicina. Retirouse axiña á súa casa paterna e alí viviu, con frecuentes viaxes a Santiago de Compostela e á Coruña. Nesta última cidade visitaba habitualmente a imprenta-libraría de Uxío Carré Aldao, bautizada por Celso García de la Riega como "Cova Céltica". Alí mantiñan un parladoiro, entre outros, Andrés Martínez Salazar, Manuel Murguía, Florencio Vaamonde Lores, Evaristo Martelo Paumán e Manuel Lugrís Freire. Alí accedeu a través de Murguía aos poemas ossiánicos de James Macpherson. Será entón cando Pondal asuma o papel de "bardo" da nación galega.
No ano 1877 saíu do prelo Rumores de los pinos, un conxunto de vinte e un poemas en galego e castelán que serviu de base a Queixumes dos pinos (1886). Esta obra recuperou da versión bilingüe as composicións en galego, incluíu aínda algúns dos poemas en español agora traducidos e tivo ampliacións nas edicións posteriores. Un fragmento d' "Os Pinos", poema xurdido das sucesivas reelaboracións de "Rumores de los pinos", constituíu o himno galego, ao que Pascual Veiga lle puxo música.
A saudade de Pondal, poeta da liberdade, que ansiaba levantar un pobo, orientouse cara a un pasado que el imaxinaba libre e independente, e que o seu impulso lírico ansiaba reconquistar. A poesía de Pondal propoñíase, entón, renovar a historia. Como do pasado céltico non quedaban máis que vagos vestixios, Pondal esforzouse en adiviñalo, guiándose polos poemas de Ossian, por algunhas citas do Lebor Gabála Érenn e polas investigacións de Murguía. Creou así un mito fragmentario, distante da historia, indeterminado, arredor de dous arquetipos: o Heroe e o Bardo. Trátase dun pasado de gran beleza e dunha forza de suxestión extraordinaria.
Eduardo Pondal finou no hostal "La Luguesa", na rúa Juana de Vega da Coruña, no mediodía do 8 de marzo de 1917. Sufría unha cegueira moi avanzada e crises mentais cada vez maiores.[3] Os seus restos xacen no Cemiterio de Santo Amaro da Coruña.
Obra
[editar | editar a fonte]Pondal é o máximo expoñente da literatura do rexionalismo galego. Idealiza o pasado céltico de Galicia, e como apenas quedan vestixios da época, inspírase nas fontes da invasión romana, nos poemas ossiánicos de James MacPherson, nalgunhas citas do Lebor Gabála Érenn e nas investigacións de Manuel Murguía e Benito Vicetto. O simbolismo do celtismo dentro da poesía de Pondal é claro: así como os celtas combateron heroicamente a invasión romana, os galegos deben tomar o seu exemplo e combater igualmente a opresión castelá. Ao mesmo tempo a súa poesía incorpora unha tendencia helenista, que entronca co seu afán de crear unha lírica culta. Os mitos creados por Pondal baséanse en dous arquetipos: o Heroe e mailo Bardo.
Tamén é interesante como poeta lírico. Xunto coa natureza, e as paisaxes da súa terra natal (a comarca de Bergantiños), o amor é outra das claves da súa poesía.
Utilizou unha lingua aristocratizante, fuxiu do coloquial e incorporou no seu léxico e na súa sintaxe numerosos cultismos. Para isto serviuse dos seus profundos coñecementos das linguas clásicas e en ocasións botou man tamén da lingua portuguesa. É famosa a súa frase no leito de morte: "déchedesme unha lingua de ferro i eu douvos unha lingua de ouro".
Himno galego
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Himno galego.
En 1890 o músico Pascual Veiga pedíralle unha letra para unha obra que pretendía presentar a un certame na Coruña. Eduardo Pondal compuxo para a ocasión o poema "Os Pinos", do cal as dúas primeiras estrofas formaron parte da letra da melodía de Veiga. Aínda que a obra non chegou a estrearse, o poema aparecerá publicado ese mesmo ano nun folleto do certame, así como en xornais galegos da emigración cubana. En 1907, xa finado Veiga, a súa composición foi estreada nunha homenaxe a el na Habana. Dende entón, é considerada como o Himno de Galicia. En 1981 foi recoñecida como himno oficial polo Estatuto de autonomía de Galicia.
Dende 1935 (edición da Real Academia Galega) ese poema integrouse, xunto con outros inéditos, nas edicións de "Queixumes dos Pinos".
Obra publicada en vida
[editar | editar a fonte]- Rumores de los pinos, 1877, 21 poemas (8 en castelán, 11 en galego e 2 bilingües).
- Queixumes dos pinos, Biblioteca Gallega, 1886, A Coruña: Latorre e Martínez Editores.[5]
Obra póstuma
[editar | editar a fonte]- Pondal. Versos iñorados ou esquecidos, reunidos, prologados e anotados por Carballo Calero, Centro de estudos Fingoy,[6] 1961, Galaxia.
- Os Eoas: unha aproximación, 1992, A Coruña: Real Academia Galega.
- Poesía galega completa I. Queixumes dos pinos, 1995, Santiago de Compostela: Sotelo Blanco. Edición de Manuel Ferreiro.
- Poesía galega completa II. Poemas impresos, 2001, Santiago de Compostela. Sotelo Blanco. Edición de Manuel Ferreiro.
- Poesía galega completa III. Poemas manuscritos, 2002, Santiago de Compostela: Sotelo Blanco. Edición de Manuel Ferreiro.
- Poesía galega completa IV. Os Eoas, 2005, Santiago de Compostela: Sotelo Blanco. Edición de Manuel Ferreiro.
Significado
[editar | editar a fonte]O significado político da obra de Pondal foi obxecto de moitas teorías e discusións.[quen?][Cómpre referencia] Por unha banda, é indiscutíbel que apela a conceptos raciais para devolverlle o orgullo ao pobo galego e para menosprezar Castela, á que considera invasora do país. Porén, o seu ideario político sempre estivo máis próximo a un socialismo emerxente, como demostra a súa participación no banquete de Conxo e o seu compromiso estético coa idea da liberdade. No momento histórico en que se desenvolveu a súa obra, as teorías raciais non só non foron desacreditadas, senón que eran profusamente empregadas polo romanticismo europeo como unha expresión do Volksgeist ("o espírito do pobo" en lingua alemá), especialmente nos países que vivían un conflito nacional.
Por outra banda, o seu ideario en relación coa cuestión territorial semellaba máis próxima a un iberismo federal ca a un nacionalismo galego aínda emerxente. Pondal expresa repetidamente o seu sentimento de irmandade con Portugal e a súa simpatía polo catalanismo. De feito, "Os Eoas" fala dunha xesta, o descubrimento do mundo, que incumbe todos os pobos ibéricos.
No que atinxe á crítica da misoxinia na súa obra, María Xosé Queizán publicou o ensaio Misoxinia e racismo na poesía de Pondal en 1998. A autora conclúe que, alén do formalismo da súa obra, da creación mitolóxica e da exaltación da terra galega, os textos de Pondal transmiten, en efecto, unha ideoloxía sexista e racista[7] fortemente polémica.[8]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]En 1965, a Real Academia Galega dedicoulle o terceiro Día das Letras Galegas, tras Rosalía de Castro (1963) e Castelao (1964).[3]
En Galiza hai seis centros de ensino que levan o seu nome: O Colexio Eduardo Pondal (concertado) de Cangas, o CEIP Eduardo Pondal e o IES Eduardo Pondal de Ponteceso, o IES Eduardo Pondal de Santiago de Compostela, o CEIP Eduardo Pondal de Vigo e o Centro Público de Educación e Promoción de Adultos (EPAPU) Eduardo Pondal da Coruña.[9]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes de Eduardo Pondal.
-
Pondal en 1874, retratado por Palmeiro
-
Pondal na súa derradeira residencia da Coruña
-
Tumba no cemiterio de Santo Amaro da Coruña
-
Busto erguido na Coruña en 1925, obra de Fernando Cortés Bugía
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Gómez & Queixas 2001, p. 149.
- ↑ Ferreiro Fernández, Manuel (2017). Eduardo Pondal, o cantor do eido noso (PDF). Edicións Laiovento. ISBN 978-84-8487-347-1.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 "Figuras homenaxeadas. Rel Academia Galega". Arquivado dende o orixinal o 02 de xaneiro de 2015. Consultado o 29 de xaneiro de 2015.
- ↑ Franco, Camilo (1 de xuño de 2011). "Localizan os textos autógrafos máis antigos de Eduardo Pondal". lavozdegalicia.es (en castelán). Consultado o 5 de xuño de 2019.
- ↑ Queixumes dos pinos na BVG.
- ↑ Pondal. Versos iñorados ou esquecidos imaxe da portada.
- ↑ Misoxinia e racismo na poesía de Pondal Arquivado 12 de decembro de 2017 en Wayback Machine. na páxina web de Edicións Laiovento
- ↑ González, Montse (24 de maio de 2012). "A pexa do sexismo". elpais.com. Consultado o 19 de xaneiro de 2018.
- ↑ Centros educativos. Xunta de Galicia
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Eduardo Pondal |
A Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Eduardo Pondal |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Pondal Abente, Eduardo María". Diccionario enciclopédico galego universal 50. La Voz de Galicia. 2003-2004. p. 10-11. ISBN 84-7680-429-6.
- "Pondal Abente, Eduardo María González". Dicionario biográfico de Galicia 3. Ir Indo. 2010-2011. pp. 120–123.
- "Pondal Abente, Eduardo María". Diciopedia do século 21 3. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 1662. ISBN 978-84-8288-942-9.
- "Pondal Abente, Eduardo María González". Enciclopedia Galega Universal 14. Ir Indo. 1999-2002. p. 34-35. ISBN 84-7680-288-9.
- Angueira, A. (1995). De Rosalía a Dieste 33 anos das letras. Xerais. pp. 29–34. ISBN 84-7507-878-8. Prólogo de Fernández del Riego.
- Carballo Calero, R. (1975) [1963]. Historia da literatura galega contemporánea. Galaxia. pp. 235–333. ISBN 84-7154-227-7.
- Castelao, Manuel (2020). A máquina ousada. Pondal e a literatura. Laiovento. ISBN 978-84-8487-486-7. Arquivado dende o orixinal o 01 de novembro de 2020. Consultado o 08 de novembro de 2020.
- Fernández del Riego, F. (1971) [1951]. Historia da literatura galega (2ª ed.). Vigo: Editorial Galaxia. pp. 101–106.
- Forcadela, Manuel (1988). A harpa e a terra. Unha visión da poesía lírica de Eduardo Pondal. Universitaria. Xerais. ISBN 84-7507-355-7.
- ——— (2005). "Pondal, Eduardo". Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
- Ferreiro Fernández, M. (1991). Pondal: Do dandysmo á loucura (Biografia e correspondéncia). Laiovento. ISBN 84-87847-02-1. Arquivado dende o orixinal o 20 de outubro de 2020. Consultado o 08 de novembro de 2020.
- ——— (2017). Eduardo Pondal, o cantor do eido noso. Laiovento. ISBN 84-8487-347-1. Arquivado dende o orixinal o 26 de outubro de 2020. Consultado o 08 de novembro de 2020.
- Freixeiro Mato, X. R.; Gómez Sánchez, A. (1998). Historia da lingua galega. A Nosa Terra. ISBN 84-89976-31-7.
- García Soto, Luís (2020). Outros e novos queixumes. De filosofía e literatura en Queixumes dos pinos de Eduardo Pondal. USC. ISBN 9788417595401.
- Gómez, A.; Queixas, M. (2001). Historia xeral da literatura galega. A Nosa Terra. p. 148-158. ISBN 84-95350-79-3. Arquivado dende o orixinal o 02/07/2017. Consultado o 17/12/2016.
- Martínez Murguía, Manuel (1886). Los precursores. Biblioteca Gallega. A Coruña: La Voz de Galicia.
- Méndez Ferrín, Xosé Luis (1984). De Pondal a Novoneyra. Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-139-2.
- Otero Pedrayo, R. (1931). Romanticismo, saudade e sentimento da raza e da terra en Pastor Díaz, Rosalía Castro e Pondal (PDF). Nós. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de febreiro de 2017. Consultado o 29 de xaneiro de 2018.
- Pena, X. R.; Forcadela, Manuel (2005). Estudos sobre Os Eoas. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco.[1]
- ——— (2014). Historia da literatura galega II. De 1853 a 1916. O Rexurdimento. Xerais. pp. 251–295. ISBN 978-84-9914-764-2.[2]
- Queizán, María Xosé (1998). Misoxinia e racismo na poesía de Pondal. Laiovento. ISBN 84-89896-29-1. Arquivado dende o orixinal o 12 de decembro de 2017. Consultado o 11 de decembro de 2017.
- Ricón Virulegio, Amado (1981). Eduardo Pondal. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 978-84-7154-384-4.
- ——— (1985). Estética poética de Eduardo Pondal. Ediciós do Castro.[3]
- Vilavedra, D., ed. (1995). "Pondal Abente, Eduardo". Diccionario da Literatura Galega I. Galaxia. p. 475-480. ISBN 84-8288-019-5.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Pondal na páxina da Rel Academia Galega Arquivado 02 de xaneiro de 2015 en Wayback Machine.
- Méndez Ferrín: Pondal en Galicia letra a letra
- Pondal na páxina da Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
- Pondal Arquivado 13 de abril de 2020 en Wayback Machine. na Biblioteca Virtual Galega.