Saltar ao contido

Chapela, Redondela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Chapela
Casco urbano coa ponte de Rande ó fondo.
ConcelloRedondela[1]
ProvinciaPontevedra
Coordenadas42°16′06″N 8°40′12″O / 42.26833333, -8.67
Área1,37 km²
Poboación7.233 hab. (2023)
Densidade5.279,56 hab./km²
Entidades de poboación5[1]
[ editar datos en Wikidata ]

San Fausto de Chapela é unha parroquia que se localiza no concello de Redondela. Dunha extensión de 1'37 km2 elévase sobre o nivel do mar a 350 metros de altura. Segundo o IGE, en 2023, tiña 7.233 habitantes, distribuídos en 5 entidades de poboación, o que supón un descenso en relación ao ano 2013 cando tiña 7.538 habitantes. Eclesiasticamente pertence ao arciprestado de Vigo-Teis.

Xentilicio

[editar | editar a fonte]

O seu xentilicio é chapeleiro[2].

Non se ten claro cando se creou a parroquia de Chapela pero destácase que é a única das 3.771 que existen en Galicia dedicada a San Fausto. Xa no ano 196, a vía romana pola costa pasaba por Chapela.

Na Idade Media, Chapela dependía do mosteiro cisterciense de Melón e, polo século XIII, pasou a mans do arcebispado de Santiago. O trobador de Chapela Joham Soares, morreu no 1247 deixando 24 cantigas de amor e unha de escarnio, recollidas no Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa. En 1371, foi ocupada por Fernando I de Portugal. En 1589, a veciñanza de Chapela, armada con chuzos e trabucos impediron que o pirata Drake se apoderase da parroquia. Posteriormente, quedou incorporada á xurisdición do Val do Fragoso.

Durante os tempos do Catastro de Ensenada (1752) xa aparece coas seus actuais lindes rodeada xa das parroquias de Transmañó, Abeiro, Candeán e Teis. No ano 1820 integran a Chapela no "partido" de Redondela e aí se mantén cando crean os novos concellos en 1837. Dende o primeiro momento Chapela ten unha relación económica, xeográfica e de mobilidade con Vigo, con intentos de máis achegamento ou segregación.[3]

Economía

[editar | editar a fonte]

A parte alta da parroquia de Chapela estivo moi marcada pola agricultura, e no século XVIII estivo cultivada a quinta parte da parroquia, case a metade de regadío, un 20% parras, sendo o resto para secaño e algunhas hortas. Os montes estaban cubertos de devesas, o 25% del en man común. Destacaba o cultivo de cereais: millo, trigo e centeo. Por aquel entón había once muíños e en 1895 chegaron a ser 24. Producíase tamén liño pra facer tecidos.

A parte baixa de Chapela era principalmente mariñeira e, no 1758, contábase con 19 mariñeiros e 2 embarcacións, ademais dun barco de 10 quintas de porte compartido entre catro propietarios.

A tradición pesqueira e marisqueira de Chapela reflíctese nos barcos cheos de mexillón das bateas que chegan a diario ao porto da parroquia; as mariscadoras levan os produtos que apañan nos areais á lonxa de Redondela. A primeira fábrica de conservación de alimentos fundárona os irmáns cataláns Curbera Puig na praia de Arealonga en 1861; a principios do século XX hou o unha factoría de salgadura de peixe en Angorén e en Laredo outra de conservas. En 1944 constrúese COPIBA, factoría con lavadoiros, cámaras de secado e frigoríficos de conservación. No 1964, a empresa Pescanova chega a Chapela despois de adquirir COPIBA, sendo esta expansión clave para unha empresa que en apenas 10 anos tería máis de 100 barcos navegando en mares de todo o mundo. Nos anos 80 unha nova factoría de conxelación, Frioya, que se instala no lugar de Cubillón.

Ferrocarril

[editar | editar a fonte]

En 1939, construíuse o apeadoiro da liña entre Ourense e Vigo con parada en Chapela. O tranvía comunicaba a Chapela con Vigo pero a compañía encargado do servizo, fundada en 1913, non prolonga o tramo cara a parroquia até 1921. Está recollido que en 1944 vendéronse 300.000 billetes. Por desgraza o 30 de decembro do 1968 desapareceu a liña 6 que ligaba a Chapela con Vigo.

Outras infraestruturas

[editar | editar a fonte]

As instalacións do Faro de Vigo, fundado en 1853, chegarían a Chapela nos anos 60 cando Álvaro Cunqueiro era o seu director. No 1991, tras varias mobilizacións, abre o instituto de ensino secundario que se suma ás tres escolas de ensino infantil e primario. En 1992, inaugúrase o Centro de Saúde de Chapela e no 1999, o Multiusos do Piñeiral do Crego cun auditorio que tamén alberga a Biblioteca Xela Arias.

Chapela ten unha historia de gran mobilización, temos referencia da Sociedade Agraria "La Progresiva" no ano 1909, no 1924 tiña 200 afiliados que realizaba reivindicacións sindicais coma celebrar o 1° de maio, solicitando a reparación da ponte de Pasán ou que non se elimínase os gardas de pasos a nivel nas vías de tren. Construíron un local social que lles foi incautado pola ditadura franquista a día de hoxe convertido en mercado. Coñecemos tamén a existencia de varios sindicatos mariñeiros en Chapela, no ano 1920 funcionaba a Unión Mariñeira fundada por activistas socialistas que loitaba para conseguir o cesamento da pesca con explosivos. En tempos da República temos "Solidariedad Marinera" de inspiración cenetista e estiveron presentes na primavera do 36 que paralizou toda a costa pontevedresa pola depreciación do prezo da sardiña. Cando volveu a democracia a reivindicación non faltou na parroquia de mans da Asociación de Veciños de Chapela e outros colectivos, nos anos 70 as protestas centráronse na inxusta división en dous da parroquia pola construción da AP9, nos 80 a veciñanza uniu forzas para conseguir un instituto que finalmente chegaría, nos anos 90 a mobilización foi arredor dunha mellora do transporte público é tamén sería éxitos, a día de hoxe a demanda máis común é a colocación de pantallas contra os ruídos.

Patrimonio

[editar | editar a fonte]

Hai dous cruceiros en Chapela. Un é o Cruceiro de Torreiro, no barrio da igrexa en bo estado de conservación e que, agás a súa base simple, data de 1975 porque o antigo cruceiro que o precedía fora esnaquizado por un camión durante as obras da autoestrada. O Outro, o Cruceiro da Encarnación, atópase no inicio do Camiño Real de Agorén e foi restaurado hai uns anos e relocalizado nun lugar máis protexido. A súa base ten inscricións moi deterioradas, de imposíbel lectura agás a data de 1776, está sobre unha plataforma de tres bancadas cuadrangulares. No fuste sobresae unha pedestal cun peregrino cunha pía con auga bendita. O capitel está ornamentado con debuxo floral e volutas. A cruz baixo unha cartela coa inscrición INRI, ten unha rústica efixie de Cristo e no reverso imaxe da Virxe Dolorosa. Este cruceiro ten suxeitos á base da cruz dous puntos de luz, cousa pouco frecuente.

Existiu unha capela no Alto da Encarnación, preto do cruceiro, hoxe desaparecida e sen rastro ningún. Hai un Peto de ánimas, localizado no barrio de Laredo onde comeza a subida á igrexa. Encóntrase encaixado no valado e en bo estado de conservación. Está formado por un pequeno retablo escavado en medio punto. Contén unha escenografía policromada, amosando a San Francisco e a dous anxos; debaixo tres almas entre lapas. A data é descoñecida

A antiga igrexa de Chapela, un templo de cruz latina e espadaña central, seguramente construído no século XVIII, é de escaso valor histórico-artístico e ten modificacións posteriores. Seguramente había aquí unha igrexa anterior de orixe románica. Fora defendida pola veciñanza de ser saqueada e queimada polos homes do pirata Drake máis no puideron evitar o saqueo despois da Batalla de Rande en 1702. No ano 2002, construíuse unha nova igrexa en formigón.

Aínda que nunca se materializou, o arquitecto de sona porriñés Antonio Palacios debuxou os planos e promoveu a construción do denominado Santuario de San Fausto de Chapela en 1944, que presentaría características similares ás doutros feitos por el como o de Panxón ou da Veracruz do Carballiño. A morte de Palacios un ano despois máis a escaseza de material e miseria do Franquismo remataron relegando e finalmente anulando a obra.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

Lugares e parroquias

[editar | editar a fonte]

Lugares de Chapela

[editar | editar a fonte]
Lugares da parroquia de Chapela no concello de Redondela (Pontevedra)

Angorén | Cidadelle | A Igrexa | Laredo | Parada

Parroquias de Redondela

[editar | editar a fonte]
Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Redondela

Cabeiro (San Xoán) | Cedeira (Santo André) | Cesantes (San Pedro) | Chapela (San Fausto) | Negros (Santo Estevo) | Quintela (San Mamede) | Reboreda (Santa María) | Redondela (Santiago) | Saxamonde (San Román) | Trasmañó (San Vicente) | Ventosela (San Martiño) | Vilar de Infesta (San Martiño) | O Viso (Santa María)

  1. 1 2 DECRETO 27/2026, do 30 de marzo, polo que se aproba o Nomenclátor de Galicia.
  2. "Xentilicios_0.pdf" (PDF). p. 26. Consultado o 22 de xullo de 2021.
  3. Grande, Xosé Luis (2025). Parroquias de Redondela CHAPELA. Servizo de Normalización Lingüística. pp. 7–8.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]