Fillos de Antón de Marcos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Fillos de Antón de Marcos
 Lugo
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónempresario
editar datos en Wikidata ]

Coñécense como os fillos de Antón de Marcos a catro irmáns lucenses, Antonio, Xosé, Manuel e Concepción Fernández López, fillos de Antonio Fernández Fernández, máis coñecido polo alcume de Antón de Barreiros ou Antón de Marcos.

Os catro irmáns foron relevantes empresarios e filántropos creadores de empresas como Zeltia en 1939, Frilugo en 1941, Transfesa en 1942, Antibióticos S.A. en 1949, Frigsa en 1951, Cementos Oural (más tarde Corporación Noroeste) en 1958, Pescanova en 1960 ou a Caixa de Aforros Provincial de Lugo en 1964. Tamén axudaron na creación do Museo Provincial de Lugo, ao que Antonio Fernández López, xunto co seu amigo e colaborador Álvaro Gil Varela, doou gran cantidade de obras de arte.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Ascendencia familiar[editar | editar a fonte]

O seu pai, Antonio Fernández Fernández, foi un empresario nado en 1876 en Barreiros (Sarria). O seu capital procedía do tráfico de gando cara á Península Ibérica. Fixo construír un edificio na esquina da praza de Ángel Fernández, deseñado por Eloy Maquieira. Finou en 1931, con 55 anos, nun accidente de circulación. O seu pai, Marcos Fernández González, fora tratante de gando, actividade que iniciou con aforros procedentes da emigración a Cuba.

O irmán de Marcos, Clemente, foi un dos pioneiros no negocio de embarque de gando vacún cara ao mercado catalán e madrileño, comezando en 1883 co embarque de 40 reses para Madrid desde a estación de tren de Toral de los Vados (León). Clemente deixou o negocio en mans do seu irmán logo de partir cara ao norte de África e investir nas Minas do Rif. Alí foi conselleiro delegado e un dos principais accionistas da Sociedad Española de Minas del Rif, xunto co rei Afonso XIII, o conde de Romanones, o marqués de Comillas e o duque de Tovar. Tamén foi Deputado Provincial de Madrid e Conselleiro do Banco Mercantil e Industrial[1]. Casou con Antonia Gómez Fernández e tivo catro fillos: Dolores, Pilar (viúva de Arias), Avelina e Honorio. Finou en Madrid o 1 de outubro de 1942[2].

Formación[editar | editar a fonte]

Os irmáns Fernández López estudaron en Madrid na década de 1920. Antonio fixo Enxeñaría de Camiños e José Dereito. Formaron parte do grupo Celta, xunto con Fermín Penzol, os irmáns López Cortón, Álvaro Gil Varela e Emilio González López[3].

Trala morte de Antonio Fernández Fernández, os fillos decidiron continuar cos negocios do pai, manténdose sempre xuntos. Alugaron os matadoiros do Porriño e Mérida, cos que iniciaron un proceso de comercialización da carne, primeiro en conserva (coa axuda das factorías de Massó) e máis tarde conxelada. Durante a guerra civil, ao estar as súas fábricas en territorio nacional, convertéronse en provedores únicos do exército franquista, o que lles reportou enormes beneficios. Con eles crearon algunhas industrias, revertindo case sempre en beneficio de Galiza, do seu desenvolvemento económico e do aproveitamento racional dos recursos naturais.

A primeira das empresas creadas foi Titania S.A., fundada en 1936 para a explotación mineira do titanio e o volframio en Balarés (Ponteceso). En 1939 fundaron Zeltia no Porriño, dedicada á elaboración de produtos químicos e farmacéuticos. En 1941 crearon Frilugo en Lugo, dedicada á conxelación de carne. En 1942 a compañía de transportes por ferrocarril Transfesa, con sede en Madrid. En 1949 a empresa farmacéutica Antibióticos S.A., en León. En 1951 a empresa de elaboración cárnica Frigsa, en Lugo. En 1958 a fábrica de cementos Oural (máis tarde Corporación Noroeste) en Sarria. En 1960 a empresa de extracción e congelado en alta mar de peixe Pescanova, con sede en Vigo. En 1964 a Caixa de Aforros Provincial de Lugo, máis tarde absorbida por Caixa Galicia. En 1964 Actinidias Chinensis S.A máis tarde Kiwi España S.A.). Outras empresas fundadas pola familia son Cotasa, dedicada á fumigación, Gamasa, con prefabricados de formigón, ou Corchera Extremeña[4].

Entre as actividades filantrópicas dos irmáns destacan as doazóns ao Museo Provincial de Lugo e ao Museo de Pontevedra, a creación de Editorial Galaxia en 1950, a Fundación Penzol en 1963 e outras obras sociais.

Antonio Fernández López[editar | editar a fonte]

Antonio Fernández López, nado en Lugo en 1903 e finado en 1971, foi enxeñeiro de camiños. Dos catro irmáns foi o que tivo unha postura máis progresista, chegando a ser represaliado polo seu compromiso nacionalista e republicano, prohibíndoselle exercer como enxeñeiro. Ademais das empresas familiares creou o proxecto pedagóxico da Granxa de Barreiros en 1948, o Colexio Fingoi e o Centro de Estudos Fingoi en 1950, ademais da Fundación Menela. En 1971 foi nomeado fillo predilecto da provincia de Lugo.

Xosé Fernández López[editar | editar a fonte]

Xosé Fernández López, nado en Lugo o 8 de setembro de 1904 e finado en Madrid en 1986, foi avogado. Foi o encargado de xestionar as empresas do Porriño e Mérida, dedicadas á comercialización de carne de vacún e porcino. Unha das súas achegas á economía galega foi a implantación do cultivo do kiwi[5].

Apoiou as escavacións arqueolóxicas na Alcazaba e a creación do laboratorio xeolóxico-mineiro de Estremadura, dirixido por Vicente Sos Baynat, xeólogo represaliado polo franquismo. Tivo seis fillos: José María (nado en Madrid en 1945, doutor en Ciencias Bioquímicas. Presidente de Zeltia), Luis Carlos, Manuel María (Presidente de Pescanova e de Kiwi España S.A.), María Paloma, María Margarita e Fernando Javier.

Manuel Fernández López[editar | editar a fonte]

Manuel Fernández López foi o terceiro dos irmáns, dedicado á xestión das diversas empresas.

Mª Concepción Fernández López[editar | editar a fonte]

Concepción Fernández López, coñecida en Lugo como Conchita, tivo o mesmo nivel de participación cós seus irmáns en todas as iniciativas empresariais. Na década de 1930 estudou en Madrid, residindo na Residencia de Estudiantes por influencia do seu irmán Antonio, quen á vez era o seu titor. Esta experiencia educativa foi a que máis tarde o levou a realizar unha experiencia similar no Colexio Fingoi de Lugo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Aniversario del Sindicato Español de Minas del Rif" Arquivado 21 de novembro de 2009 en Wayback Machine., artigo en Melilla Hoy, 6 de xuño de 2007 (en castelán).
  2. Esquela, no ABC, 1 de outubro de 1946 (en castelán).
  3. Gurriarán Rodríguez, R.: Obella Vidal. Investigador, empresario e galeguista. Foro Peinador, maio de 2009.
  4. "Corchera Extremeña"[Ligazón morta], artigo de Fernando Delgado en El Periódico de Extremadura (en castelán).
  5. "Kiwi, la fruta mágica", artigo de Carmen Pérez-Lanzac en El País, 5 de decembro de 2004 (en castelán).