Zeltia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Este artigo é sobre a empresa química. Para saber sobre o desaparecido equipo de fútbol Zeltia Deportiva Porriño, vexa Porriño Industrial Club de Fútbol.
Zeltia
Medalla de Galiza.svg
Zeltia-logo.jpg
Zeltia
TipoSociedade Anónima
Fundación1939
MatrizPharmamar
LocalizaciónAvda. De los Reyes, 1 Pol. Ind. La Mina-Norte 28770-Colmenar Viejo Madrid
FundadorIrmáns Fernández López
Persoas claveJosé María Fernández Sousa (presidente)
IndustriaQuímica
ProdutosZelnova, Xylazel, Pharma Mar, Noscira, Genomica e Sylentis
Beneficio76 millóns de dólares (en 2009)
Páxina webzeltia.es
editar datos en Wikidata ]

Zeltia é un grupo galego de empresas químico-farmacéuticas e de biotecnoloxía. Está composto polas empresas biofarmacéuticas PharmaMar (produtos antitumorais de orixe mariña), Noscira (fármacos para enfermidades neurodexenerativas), Sylentis (fármacos baseados en silenciamento xénico - RNAi), Zelnova (insecticidas, ambientadores), Xylazel (produtos de protección da madeira) e Genomica (análise molecular).

O grupo Zeltia cotiza na bolsa (co identificativo ZEL), e aposta pola I+D como eixo da súa actividade.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Zeltia foi fundada en Vigo en 1939 como escisión do laboratorio Miguel Servet. Os seus impulsores foron os irmáns lucenses Fernández López (os fillos de Antón de Marcos, entre eles Antonio e Xosé). Nun primeiro momento a empresa nutriuse coas achegas científicas de Fernando Calvet, procedente da Universidade de Santiago, e que fora represaliado polo franquismo ao final da guerra civil. Calvet achegou os seus coñecementos técnicos á empresa até que foi reintegrado na Universidade de Salamanca no curso 1944-45.

Fernando Calvet, que traballaba como director técnico nos laboratorios Miguel Servet de Vigo (Instituto Bioquímico) ao final do curso 1935-36, tiña como misión organizar un laboratorio para estudar métodos de conservación, análise e extracción do cornizó do centeo para obter alcaloides que se empregan para fabricar o preparado "Pan-Ergot", indicado para a afección de xaquecas e glaucomas. O director desta empresa farmacéutica era o doutor e militante galeguista Ramón Obella Vidal, asociado cun farmacéutico chamado Rubira, xunto co economista e político galeguista Alexandre Bóveda, que levaba os labores de contabilidade. Tralo Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, Calvet exiliouse en Suecia e Obella en Portugal. Bóveda é detido e fusilado. En agosto de 1937, Obella rexistrou neste país unha marca co nome de Zeltia para a explotación do cornizó. Entre outras cousas, conseguiu unha concesión para sementar plantas medicinais na zona do Porriño, zona onde os irmáns Fernández López tiñan instaladas a maior parte das súas empresas.

Debido a esta proximidade xeográfica entre as sedes das empresas e á sintonía ideolóxica, xurdiu o proxecto empresarial entre os irmáns Fernández López e Obella Vidal. Posiblemente Obella Vidal, nun momento precario desde o punto de vista económico e político, e logo dalgunhas experiencias negativas, debeu venderlle a idea aos irmáns Fernández López, introducindo no trato a vinculación á nova empresa do persoal adscrito coa empresa anterior.

O obxectivo inicial da empresa foi explotar a flora medicinal de Galicia e o aproveitamento dos produtos procedentes de glándulas de animais que se obtiñan das empresas cárnicas coas que operaban os irmáns Fernández López a través dos matadoiros do Porriño e de Mérida.

Tras chegar a un acordo con Obella, Calvet regresou a Galiza e retomou o seu posto na empresa. Na fundación de Zeltia inscribíronse os catro irmáns Fernández López con 200 accións cada un, o doutor Obella Vidal con 200 accións, José Ruiz con 25, Fernando Calvet Prats con 25, e Fidel Isla Couto con 10 accións.

Nesa época, Fernando Calvet xunto cun grupo de científicos formado por destacados catedráticos das facultades de Ciencias, Farmacia e Medicina da USC patentaron en pouco máis dun ano e medio máis de dez especialidades farmacéuticas, cada unha co seu correspondente rexistro sanitario. Nos seus laboratorios elaborábanse fármacos como a efedrina, dixitalina, extractos hepáticos, foliculina, insulinas, Purpuripán e vitaminas de todo tipo, comercializadas como Zeltivit. Tamén se elaboraron e comercializaron vacinas, pesticidas e funxicidas, o máis coñecido deles o DDT (dicloro-difenil-tricloroetano), principal compoñente dos insecticidas e pesticidas da época. Cos produtos derivados do DDT a empresa Zeltia creou unha nova división dedicada a fins agrícolas, chegando a unha gran distribución dos produtos ZZ, que se converteron nos primeiros en cota de mercado en España.

Trala marcha de Fernando Calvet a Salamanca en 1944, onde continuou o seu labor docente, en 1945 Zeltia participou na creación de Antibióticos S.A., xunto cos laboratorios Abelló, Ibys, Leti, LLorente e Uquifa, mantendo unha participación accionarial do 23 % até 1985, cando foi comprada por Mario Conde.

Novas divisións[editar | editar a fonte]

En 1952 estableceu relacións científicas e comerciais con Imperial Chemical Industries (ICI) e con Cooper McDougall e Robertson Limited, creando catro divisións: médica, agroquímica, insecticidas e veterinaria. En 1964, estas catro divisións convertéronse en tres novas compañías: Zeltia Agraria, ICI Farma e Cooper Zeltia, baixo a dirección e xestión de Zeltia S.A. Na década de 1960 naceron dúas empresas pertencentes ao grupo Zeltia de gran relevancia a nivel estatal: pinturas e vernices Xylazel, S.A. e a compañía de insecticidas e ambientadores Zelnova, S.A., ambas as dúas con sede na área metropolitana de Vigo.

No 1986, creouse a filiar Pharmamar, enfocada na investigación de fármacos antitumorais de orixe mariña. En 1993, Zeltia vende a súa filial Cooper-Zeltia tomando o nome de CZ Veterinaria, que anos máis tarde pasaría a denominarse Zendal.[1] No 2003, a filial Pharmamar situou a súa sede fóra de Galiza, na vila madrileña de Colmenar Viejo. No 2015, Pharmamar realizou unha fusión inversa coa súa matriz Zeltia co obxectivo de centrarse no sector da oncoloxía e cotizar en bolsa directamente por este.[2] Esta fusión supuxo que todos os activos e filiais do grupo empresarial fixasen a súa sede social en Madrid.[3]

En 2018, PharmaMar vendeu Xylazel á empresa holandesa AkzoNobel.[4][5] En 2019, PharmaMar vendeu Zelnova, última filial en Galicia do grupo, á sociedade galega de inversión Allentia Invest por 33 millóns de euros.[6]

Dirección[editar | editar a fonte]

José María Fernández Sousa é presidente de PharmaMar desde a súa fundación en 1986, e nese mesmo ano pasou a ser presidente do grupo Zeltia.[7]

Empresas do grupo Zeltia[editar | editar a fonte]

O grupo Zeltia estaba formado polas seguintes empresas:

  • PharmaMar, S.A. Madrid. Dedicada á procura de fármacos antitumorais de orixe mariña.
  • CZ Veterinaria, S.A. O Porriño. Dedicada á fabricación de vacinas veterinarias. Deu lugar a Zendal en 1993.
  • Noscira, S.A. Madrid Dedicada á procura de tratamentos fronte a enfermidades do sistema nervioso central. Actualmente filial de PharmaMar en liquidación.
  • Sylentis, S.A.U. Madrid. Dedicada á aplicación médica de fármacos RNAi e tecnoloxías de silenciamento xénico. Actualmente filial de PharmaMar.
  • Genomica, S.A.U. Madrid. Dedicada a diagnóstico. Actualmente filial de PharmaMar.
  • Zelnova, S.A. O Porriño. Dedicada á fabricación de insecticidas, ambientadores e produtos do fogar. Foi vendida en 2019.
  • Xylazel, S.A. O Porriño. Dedicada á fabricación de pinturas e outros produtos para madeira. Foi vendida en 2018.

Yondelis e PharmaMar[editar | editar a fonte]

Aínda que o campo de acción do grupo Zeltia é amplo, un dos seus piares fundamentais é o desenvolvemento de fármacos de orixe mariña, especialmente contra o cancro e o Alzheimer. PharmaMar desenvolveu o fármaco comercializado coa marca Yondelis (trabectedina, ecteinascidin 743 ou ET-743), derivado do tunicado mariño Ecteinascidia turbinata, o primeiro fármaco antitumoral desenvolvido en España.[8]

Yondelis para sarcoma de tecidos brandos[editar | editar a fonte]

Yondelis (trabectedina), obtivo o visto e prace da EMEA (Axencia Europea de Medicamentos) para a súa comercialización contra o sarcoma de tecidos brandos en xullo de 2007. PharmaMar comercializa o medicamento en Europa e a compañía estadounidense Johnson & Johnson ten os dereitos nos EUA e o resto do mundo agás no Xapón.

Yondelis para cancro de ovario[editar | editar a fonte]

O uso de Yondelis en combinación con DOXIL®/Caelyx para cancro de ovario recorrente foi aprobado o 25 de setembro de 2009 pola EMEA e o 2 de novembro de 2009 pola Comisión Europea.[9][10]

Yondelis en fase de estudo para outros cancros[editar | editar a fonte]

Realízanse ensaios de fase II con Yondelis® para outros cancros: cancro de mama, de próstata e de pulmón, así como para outros tumores pediátricos que deberán probar a súa eficacia e tolerancia.[11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cedrón, María (31 de agosto de 2015). "El pueblo que levantó una industria". La Voz de Galicia. Consultado o 24 de febreiro de 2021. 
  2. "Fusión inversa de Zeltia y su filial PharmaMar". EuropaPress. 20 de maio de 2015. Consultado o 24 de febreiro de 2021. 
  3. "De Zeltia a PharmaMar: de como Galiza perdeu parte dunha empresa punteira". www.nosdiario.gal. Consultado o 2021-02-24. 
  4. "Akzo Nobel compra la fabricante gallega Xylazel". alimarket.es. 20 de setembro de 2018. Consultado o 24 de febreiro de 2021. 
  5. "Pharma Mar vende su química gallega Xylazel por 21,8 millones". galicia.economiadigital.es. 20 de setembro de 2018. Arquivado dende o orixinal o 14 de febreiro de 2021. Consultado o 24 de febreiro de 2021. 
  6. "Zelnova buscará compras y crecer en el exterior para facturar 100 millones en 2024". El País. 24 de agosto de 2020. Consultado o 24 de febreiro de 2021. 
  7. "Executive Profile of José María Fernández Sousa-Faro Ph.D" (en inglés). Consultado o 11 de setembro de 2018. 
  8. Documento de actualidade de Zeltia Arquivado 29 de setembro de 2007 en Wayback Machine. (en castelán)
  9. "La agencia europea da su visto bueno al Yondelis", artigo en El País, 25 de setembro de 2009 (en castelán)
  10. "La CE autoriza el Yondelis de Zeltia para tratar el cáncer de ovario en la UE", artigo en El País, 2 de novembro de 2009 (en castelán)
  11. PharmaMar, Yondelis Arquivado 29 de marzo de 2010 en Wayback Machine. (en castelán)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]