Xosé Luís Barreiro Rivas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xosé Luís Barreiro Rivas
Nacemento5 de xuño de 1949
Lugar de nacementoForcarei
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade Complutense de Madrid e Universidade Pontificia Comillas
Ocupaciónpolítico
ProfesiónPolítico e profesor de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago de Compostela
CargosVicepresidente da Xunta de Galicia (1987-1988)
Conselleiro da Presidencia (1982-1986)
PremiosJovellanos International Essay Award e Premio Ramón Piñeiro de Ensaio
Na rede
Dialnet: 620947
editar datos en Wikidata ]

Xosé Luís Barreiro Rivas, nado en Forcarei o 5 de xuño de 1949[1], é un político, politicólogo e escritor galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de Manuel Barreiro Ouro e Dolores Rivas Gulías, naceu na aldea de Sorribas pero ao pouco tempo a súa familia trasladouse á nova casa en Forcarei. Estudou no Seminario Menor de Santiago (1961-1966), na Universidade Pontificia Comillas (1966-1970) e na Universidade Complutense de Madrid Filosofía (1970-72) e Ciencias Políticas (1971-1976).

En decembro de 1975 casou con María González González e logo de rematar os seus estudos universitarios entrou, a finais de 1976, como técnico na entón asociación Acción Democrática Española, que xa como partido se integraría na Federación de partidos de Alianza Popular. Nas eleccións xerais de 1979 formou parte do equipo de campaña de Coalición Democrática en Pontevedra.

Traxectoria política[editar | editar a fonte]

Redactor dunha postura estatutaria que AP presentou na Asemblea dos 16, representou o partido nas conversas do Hostal para reformular o Estatuto galego saído desta asemblea. As súas teses favorables a que AP asumise o autonomismo contaron co apoio de Manuel Fraga e foron aceptadas no Congreso Extraordinario de Alianza Popular de Galicia celebrado en Vigo en 1980.

Nas eleccións autonómicas de 1981 encabezou a lista de AP na provincia de Pontevedra e saíu elixido deputado. Neses comicios estivo á fronte da estratexia electoral do seu partido, creou comités electorais provinciais e un comité electoral rexional que organizou unha campaña electoral, baixo o lema Galego coma ti, centrada na figura de Fraga e que deixaba en segundo plano a figura do candidato á presidencia da Xunta, Xerardo Fernández Albor. AP gañou as eleccións contra prognóstico e Barreiro converteuse no verdadeiro home forte do partido en Galicia e no primeiro goberno da autonomía foi conselleiro da Presidencia.

Foi deputado por Alianza Popular no Parlamento de Galicia (1981–1987), conselleiro da Presidencia (1982–1986), e home forte do goberno galego durante a presidencia de Xerardo Fernández Albor, sempre co pleno apoio de Manuel Fraga, así como o principal responsable da posta en funcionamento da TVG e do seu carácter monolingüe.

Moción de censura a Albor[editar | editar a fonte]

O 30 de outubro de 1986, nunha manobra para conseguir a dimisión de Fernández Albor, Barreiro dimitiu co resto do goberno. Porén Albor non dimitiu e co apoio de Fraga recompuxo o goberno con Mariano Rajoy como vicepresidente. Barreiro permaneceu no partido pero progresivamente foi perdendo posicións, deixou de ser o secretario xeral de AP de Galicia e o presidente do partido na provincia de Pontevedra. En xuño de 1987 deixou AP canda outros catro parlamentarios e fundou a Unión Democrática Galega, na que se adscribiron outros catro deputados. O partido integrouse inmediatamente en Coalición Galega en agosto, e apoiou a moción de censura de Fernando González Laxe, converténdose en vicepresidente no seu goberno por Coalición Galega.

Nesa época (finais de 1986 e principios de 1987), sendo aínda vicepresidente de Albor, foi denunciado polo seu propio partido por feitos acaecidos un ano antes e nos que era acusado por prevaricar nunha autorización de xogo, antes de que entrase en vigor a lei. O partido fixo a denuncia pouco antes de levarse a cabo a moción de censura contra o goberno de Albor e na cal el era un dos participantes. Dimitiu tralo auto do 28 de xullo de 1988 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que o procesaba por irregularidades moi graves na concesión da lotaría autonómica. En 1989, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou a súa absolución, mais a Fiscalía recorreu e o 17 de setembro de 1990 o Tribunal Supremo condenouno polo delito de prevaricación a 6 anos e un día de inhabilitación,[2][3] confirmada con posterioridade polo Tribunal Constitucional.

Nas eleccións ao Parlamento de Galicia de 1989 fracasou ao non obter escano de deputado e quedar Coalición Galega con só dous parlamentarios.

Despois da política[editar | editar a fonte]

Xosé Luís Barreiro Rivas é profesor de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago de Compostela, onde dirixe a Revista de Investigaciones Políticas y Sociológicas (RIPS).[4] Como xornalista, escribe columnas de opinión en La Voz de Galicia,[5] publicou diversos ensaios e libros de conversas, e dirixiu e presentou un programa de entrevistas na Televisión de Galicia chamado Volver ao rego (2005-06). Tamén colaborou en Grial.[6]

Obra en galego[editar | editar a fonte]

Ensaio[editar | editar a fonte]

Libros de conversas[editar | editar a fonte]

Obras colectivas[editar | editar a fonte]

  • Os partidos políticos en Galicia (2003). Vigo: Xerais.
  • Prestige: a catástrofe que despertou a Galiza? (2003).
  • A lección do "Prestige" (2004).
  • Á beira de Beiras. Homenaxe nacional (2011). Vigo: Galaxia.

Premios[editar | editar a fonte]

Obra en castelán[editar | editar a fonte]

Ensaio[editar | editar a fonte]

Obra en inglés[editar | editar a fonte]

Ensaio[editar | editar a fonte]

  • The construction of political space: symbolic and cosmological elements.: a study of the Way of St. James (1999). Jerrusalen/Santiago de Compostela: Al-Quds University/The Araguaney Foundation.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Barrera, Feliciano, ed. (2002). "Barreiro Rivas, Xosé Luis". Gallegos. Quién es quien en la Galicia del siglo XXI (en castelán). Santiago de Compostela: El Correo Gallego. p. 58. ISBN 84-8064-113-4. 
  2. Reinero, David (16-5-2019). "praza.gal". praza.gal. Consultado o 19-5-2019. 
  3. Lázaro, Julio M. (22-9-1990). "El Supremo inhabilita a Barreiro para ejercer cargos públicos durante 6 años". elpais.com. Consultado o 19-5-2019. 
  4. 4,0 4,1 "Xosé Luís Barreiro Rivas". lavozdegalicia.es. Consultado o 19-5-2019. 
  5. "Artículos de Xosé Luis Barreiro Rivas. La Voz de Galicia". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2021-11-16. 
  6. Barreiro Rivas, Xosé Luís (xullo, agosto, setembro 2021). "Outra autonomía foi posible". Grial LIX (231): 20–7. ISSN 0017-4181. 
  7. "Xosé Luís Barreiro Rivas". editorialgalaxia.gal. Arquivado dende o orixinal o 23-02-2019. Consultado o 19-5-2019. 
  8. "Barreiro Rivas recoge el I Premio de Columnismo José Luis Alvite". esradio.libertaddigital.com (en castelán). 21-5-2016. Consultado o 19-5-2019. 


Predecesor:
non existiu
 
Conselleiro da Presidencia
 
1982–1986
Sucesor:
Manuel Anxo Villanueva Cendón
Predecesor:
Mariano Rajoy
 
Vicepresidente da Xunta
 
1987–1988
Sucesor:
Xavier Suárez Vence

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]