Falange Española Tradicionalista y de las Juntas de Ofensiva Nacional Sindicalista (FET y de las JONS, en galego: Falanxe Española Tradicionalista e das Xuntas de Ofensiva Nacional Sindicalista) era o nome do partido único da España franquista creado o 19 de abril de 1937, a iniciativa da xefatura do denominado Estado Nacional, por fusión dos distintos partidos e movementos que apoiaban a sublevación militar (denominada Alzamento Nacional) que iniciou a guerra civil española, e que non desapareceron realmente, senón que se articularon nas denominadas familias do franquismo.
FET y de las JONS adoptou unha combinación de símbolos que reflectía a distinta procedencia das forzas que conformaron o partido. Así, vestíase como uniforme a camisa azul da Falanxe e a boina vermella dos requetés. Engadiuse así mesmo unha gravata negra en sinal de loito por José Antonio Primo de Rivera.
As bandeiras que presidían os actos correspondían tamén ás principais forzas que conformaron a organización. Presidía todos os actos do partido a Bandeira Nacional de España, flanqueada polas de Falanxe e a Cruz de Borgoña dos tradicionalistas.
O saúdo co brazo no alto e os berros rituais, como "¡Arriba España!" ou "España, Una, Grande y Libre", de procedencia falanxista, completaban a imaxe externa que se proporcionou ao partido.