Laureano López Rodó

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Laureano López Rodó
Datos persoais
Nacemento18 de novembro de 1920
 España Barcelona
Falecemento11 de marzo de 2000
 España Madrid
OrganizaciónAcción Regional
Alianza Popular
Alma máterUniversidade de Barcelona
ProfesiónPolítico, diplomático e avogado
editar datos en Wikidata ]

Laureano López Rodó, nado en Barcelona o 18 de novembro de 1920 e finado en Madrid o 11 de marzo de 2000, foi un político español.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudou Dereito na Universidade de Barcelona doutorándose na Universidade Central de Madrid trala guerra civil. En 1945 obtivo a cátedra de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela e en 1961 trasladouse a Madrid.

Membro do Opus Dei, está considerado como un dos principais impulsores da política económica de desenvolvemento da década de 1960 en España. A principios da década Franco confiou a política económica a un grupo de expertos que lle aconsellaron acabar coa autarquía e acercarse ao mercado común, seguindo as recomendacións do Banco Mundial e o FMI. O grupo, coñecido como os "tecnócratas" (termo despectivo utilizado por certos sectores do réxime criticando a súa falta de compromiso cos ideais do "Movemento"), sendo López Rodó un dos principais membros. A súa carreira política estivo moi vencellada ao almirante Carrero Blanco.

En 1956 foi nomeado Secretario Xeral Técnico da Presidencia de Goberno polo ministro da Presidencia Carrero Blanco, realizando unha reforma profunda da Administración Pública do Estado, ademais da creación da Escola Nacional de Administración Pública en 1960. Entre 1962 e 1973, como Comisario do Plan de Desenvolvemento (cargo elevado á categoría de Ministro sen carteira[1] en 1965), dirixiu a preparación e aplicación dos tres Plans de Desenvolvemento Económico e Social que significaron un importante crecemento da economía española.

En xuño de 1973, ao ser nomeado Carrero Blanco Presidente do Goberno, converteuse en Ministro de Asuntos Exteriores, cargo no que só estivo uns meses, debido ao asasinato de Carrero en decembro dese ano. Entre 1974 e 1975 foi embaixador en Viena. Nas últimas Cortes franquistas formou un grupo parlamentario, o Grupo Parlamentario Regionalista.

Despois da morte de Franco participou no proceso de reforma política. Fundou o partido Acción Regional, que apostaba polo rexionalismo fronte ao uniformismo do Estado propio do ideario franquista[2]. Máis adiante, sacrificou dito partido para integrarse en Alianza Popular (coalición conservadora encabezada por Manuel Fraga), con miras a aglutinar o voto dun amplo sector da sociedade española. Porén, AP non logrou os resultados esperados nas primeiras eleccións democráticas de xuño de 1977, ás que López Rodó se presentara como cabeza de lista pola provincia de Barcelona, resultando elixido deputado ao Congreso, participando activamente con emendas na elaboración da Constitución española de 1978, como membro da Comisión de Asuntos Constitucionais e Liberdades Públicas.

Posteriormente foi elixido deputado por Barcelona no Parlamento de Cataluña, integrando o grupo de vinte escollidos para redactar o Estatuto de Autonomía de Cataluña de 1979. En 1979 abandonou a política por desacordos con AP, reincorporándose á súa cátedra da Universidade Complutense de Madrid e ao exercicio da avogacía.

Posicionándose a favor da modernización do réxime franquista e da súa evolución cara a unha monarquía parlamentaria similar a outras democracias occidentais, converteuse nun dos máis firmes partidarios do nomeamento do Príncipe Xoán Carlos como sucesor do Xeneral Franco á fronte da Xefatura do Estado, á vez que facilitou o camiño á Lei para a Reforma Política.

Foi académico numerario da Real Academia de Jurisprudencia y Legislación (1984), da Real Academia de Ciencias Morales y Políticas (1963) e da Real Academia de Ciencias Económicas y Financieras (1979). Doutor honoris causa polas universidades de Coimbra e Aix-Marseille. Membro numerario do Consello Superior de Investigacións Científicas (1953) e do Consello Internacional de Ciencias Sociais da Unesco (1981). Membro da Asociación Internacional de Dereito Comparado. Presidente do Comité Executivo do Instituto Internacional de Ciencias Administrativas (1977 a 1983).

É autor dun gran número de publicacións, artigos e traballos sobre teoría política e xurídico-administrativa, así como importantes Anteproxectos e Proxectos de Lei.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Urquijo Goitia, J.R., Dicionario biográfico de ministros Arquivado 13 de decembro de 2009 en Wayback Machine., Instituto de Historia, CSIC (en castelán).
  2. Cosgaya García, J.: La actividad política de Laureano López Rodó durante la transición a la democracia, Instituto de Historia, CSIC (en castelán).

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Obras de López Rodó[editar | editar a fonte]

  • El Coadyuvante en lo Contencioso-administrativo, Madrid, 1943
  • El Patrimonio Nacional, Madrid, 1954
  • Justicia y Administración en el Reino Unido, Madrid, 1958
  • Estructura y funciones de la Administración Financiera, Madrid, 1963
  • La Administración Pública y las transformaciones socio-económicas, Madrid, 1963
  • Política y Desarrollo, Madrid, Aguilar, 1970
  • Nuevo horizonte del Desarrollo, Aguilar, 1972
  • La larga marcha hacia la monarquía, Barcelona, Noguer, 1977, 5ª, 691 pp.
  • Aspectos económicos y fiscales de la autonomía, Barcelona, 1979
  • Las autonomías, encrucijada de España, Aguilar, 1980
  • Estado y Comunidades Autónomas, Abella, 1984
  • Testimonio de una Política de Estado, Editorial Planeta, 1987
  • Memorias (I), Esplugues de Llobregat, Plaza & Janés, 1990, 1ª, 789 pp.
  • Memorias:(II) Años decisivos, Espluges de Llobregat, Plaza & Janés, 1991, 1ª, 730 pp.
  • Memorias:(III) El principio del fin, Esplugues de Llobregat, Plaza & Janés, 1992, 1ª, 736 pp.
  • Memorias:(IV) Claves de la Transición, Plaza & Janés, 1993

Sobre López Rodó[editar | editar a fonte]


Predecesor:
Nova creación
 Ministro sen carteira:
Comisario do Plan de Desenvolvemento de España
 
1965 - 1973
Sucesor:
Cruz Martínez Esteruelas
Predecesor:
Gregorio López-Bravo
 Ministro de Asuntos Exteriores de España 
1973 - 1974
Sucesor:
Pedro Cortina Mauri