República Árabe Unida

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
الجمهوريّة العربيّة ﺍﻟﻤﺘﺤﺪﺓ
República Árabe Unida
Flag of Egypt (1952-1958).svg
Bandeira
1958 — 1961 Flag of Egypt.svg
Flag of Syria.svg
Bandeira Escudo
Bandeira Escudo
Situación de {{{nome_común}}}
Capital O Cairo
Goberno Non especificado
Presidente Gamal Abdel Nasser
Historia
 • Establecido 1 de febreiro de 1958[1]
 • Golpe de estado en Siria 1961

A República Árabe Unida (en árabe, ﺍﻟﺠﻤﻬﻮﺭﻳﺔ ﺍﻟﻌﺮﺑﻴﺔ ﺍﻟﻤﺘﺤﺪﺓ, Al-Yumhūriyya al-'Arabiyya al-Muttahida) foi un estado árabe produto da unión entre Exipto e Siria entre 1958 e 1961. Posteriormente, seguiu sendo até 1971 o nome oficial de Exipto.

A RAU creouse por iniciativa siria como primeiro paso cara a unha futura unidade de todos os estados árabes, obxectivo do panarabismo, ideoloxía compartida polos gobernos sirio e exipcio. Foi establecida o 1 de febreiro de 1958 cuns 1.186.630 km² e na súa creación influíu o gran prestixio do presidente exipcio, Gamal Abdel Nasser, tras a crise da canle de Suez, que fixo que converxeran nel as miradas dos panarabistas dos estados veciños. O 5 de febreiro, Nasser foi nomeado presidente da RAU e o 5 de marzo aprobouse a súa Constitución.

Non obstante, tivo unha vida breve. As diferenzas lexislativas, a diferente composición social e das respectivas clases políticas e a presión dos nacionalismos locais, exacerbados polo proceso de unificación, suscitaron todo tipo de problemas. A presidencia de Nasser e a capitalidade no Cairo foi percibida por algúns sectores da sociedade siria como unha anexión de Siria por Exipto. Ao mesmo tempo, a residencia de moitos dos artífices sirios da unificación no Cairo, capital da RAU, afastounos das súas bases de poder. O golpe militar sirio do 28 de setembro de 1961 puxo fin á experiencia de unión, aínda que Exipto seguiu utilizando o nome de República Árabe Unida até 1971.

A bandeira da RAU, de deseño común a moitos Estados árabes, constaba de tres franxas horizontais de cores vermella, branca e negra, con dúas estrelas verdes na franxa branca central que representaban aos dous países. Segue sendo a bandeira da República de Siria.

Orixes[editar | editar a fonte]

A mediados de 1957, Siria estivo a piques de ser comunista; tiña un partido comunista altamente organizado e o Xefe de Persoal do Exército, Afif Bizri, era un simpatizante do Comunismo. O Presidente de Exipto, Gamal Abdel Nasser, comentoulle a unha delegación siria, na que estaba incluídos o presidente Shukri al-Quwatli e o primeiro-ministro Khaled al-Azem, que precisaban librar os seus gobernos de comunistas, mais a delegación rebateu e avisou que só a unión total co Exipto acabaría coa "ameaza comunista". De acordo con Abdel Latif Boghdadi, Nasser resistiu a unha unión total con Siria, favorecendo porén unha unión federal. Mais Nasser tiña "medo dunha conquista comunista" e concordou unha fusión total. A crecente forza do Partido Comunista de Siria, sobre o liderado de Khalid Bakdash, preocupaba aos dirixentes do Partido Baath, que tamén estaba sufrindo unha crise interna a partir da cal membros prominentes estaban ansiosos por encontrar unha solución. Siria tivera un goberno democrático desde o derrocamento do réxime militar de Adib al-Shishakli, en 1954, e a presión popular pola unidade árabe foi reflectida na composición do parlamento.

Cando Iraq liderou unha segunda delegación siria composta por oficiais militares o 11 de xaneiro de 1958, Nasser optou por unha fusión total. Só os sirios defendían a unidade, como Salah al-Din Bitar e Akram al-Hawrani que tiñan coñecemento previo da delegación; Quwatli e Azem foron notificados un día despois e consideraron a mesma un "golpe militar".

Fundada o 1 de febreiro de 1958, como un primeiro paso para un estado pan-árabe, a RAU foi creada cando un grupo de líderes políticos e militares en Siria propuxeron unha fusión dos dous estados ao presidente exipcio Abdel Nasser. O sentimento pan-árabe era moi forte en Siria, e Nasser unha popular figura heroica en todo o mundo árabe despois da Guerra de Suez, en 1956. Había, polo tanto, un considerábel apoio popular en Siria para a unión. Os protocolos foron asinados polas principais autoridades exipcias e sirias, aínda que Azem fíxoo con certa resistencia. Nasser tornouse presidente da república e rapidamente realizou unha represión contra os comunistas sirios e opositores da unión, que incluía o cesamento de Bizri e Azem dos seus postos.

Nasser asinando o pacto de unidade co presidente de Siria, Shukri al-Quwatli, formando a República Árabe Unida, en febreiro de 1958.

Os termos finais de Nasser foron decisivos e non negociábeis: "un plebiscito, a disolución dos partidos e a retirada do exército da política". Mentres que o plebiscito parecía razoábel para a maioría da elite siria, as dúas últimas condicións foron extremadamente preocupantes. Crían que isto destruiría a vida política en Siria. A pesar destas preocupacións, os oficiais sirios sabían que era tarde de máis para volver atrás. A crecente presión pública para a unión con Exipto estábase tornando demasiado forte para ignorala.

Historia[editar | editar a fonte]

Para as elites de Siria, a fusión era o menor dos dous males. Crían que os termos de Nasser eran inxustos, mais, dada a inmensa presión que había sobre o goberno, sabían que non tiñan escolla. A pesar destas preocupacións, crían que Nasser usaría o Baath como o método principal de control de Siria. Desafortunadamente para o Baath, nunca foi a intención de Nasser compartir unha medida igualitaria de poder. Nasser estabeleceu unha nova constitución provisional proclamando unha Asemblea Nacional de 600 membros (400 de Exipto e 200 de Siria) e a disolución de todos os partidos políticos, inclusive o Baath. Nasser deu a cada unha das provincias dous vicepresidentes, atribuíndo Boghdadi e Abdel Hakim Amer a Exipto e Sabri al-Assali e Akram al-Hawrani - un líder Baath - a Siria. Unha nova constitución federal foi aprobada.

A pesar de Nasser ter permitido que ex-membros do Baath mantivesen posicións políticas de relevancia, estes nunca chegaron a posicións tan elevadas no goberno como as autoridades exipcias. No inverno e na primavera de 1959-1960, Nasser lentamente desprazou sirios fóra das posicións de influencia. No Ministerio de Industria de Siria, por exemplo, sete dos trece altos cargos foron cubertos por exipcios. Na Autoridade Xeral de Petróleo, catro dos seis principais funcionarios eran de nacionalidade exipcia. No outono de 1958, Nasser formou unha comisión tripartita, composta por Zakaria Mohieddine, al-Hawrani e Bitar para supervisionar os desenvolvementos en Siria. Ao mover os dous últimos, que eran baathistas, ao Cairo, neutralizou importantes figuras políticas que tiñan as súas propias ideas sobre como debería ser administrada Siria dentro da RAU.

En Siria organizábase a oposición á unión con Exipto; oficiais do Exército Sirio resentíronse de seren subordinados aos oficiais exipcios; as tribos de beduínos de Siria recibiron diñeiro de Arabia Saudita para impedir que se tornasen leais a Nasser; o estilo exipcio de reforma agraria era acusado por prexudicar a agricultura de Siria; os comunistas comezaron a gañar influencia, e os intelectuais do Baath, que apoiaban a unión, rexeitaron o sistema unipartidario. Nasser non foi plenamente capaz de resolver os problemas de Siria porque estes eran novos para el e, en vez de nomear sirios para administrar Siria, entregoulle esta tarefa a Amer. En Exipto, a situación foi máis positiva, cun crecemento do PNB do 4,5% e un rápido crecemento da industria. En 1960, nacionalizou a prensa exipcia, reducíndoa a un portavoz persoal.

Relacións exteriores[editar | editar a fonte]

A bandeira de Iraq (1963-1991) parecíase á bandeira da RAU, porque Iraq estaba interesado en adherirse oficialmente á unión como o terceiro estado (de aí a terceira estrela).
A bandeira da antiga República Árabe do Iemen tamén se parecía á bandeira da RAU, debido en gran parte ao apoio de Exipto á Revolución no Iemen do Norte en 1962, e por haber sido Iemen do Norte membro dos Estados Árabes Unidos (1958-1961).

A unión era interpretada como unha grande ameaza para Xordania. Siria era vista como unha fonte de instigación e abrigo para conspiradores xordanos contra o Rei Hussein. O propio estatus do Exipto como un estado hostil ao desenvolvemento de Occidente na rexión (e, polo tanto, a estreita relación entre os británicos, en particular, e as monarquías de Iraq e de Xordania) aumentaron a presión. A resposta de Hussein foi propor a Faisal II de Iraq unha unión Xordania-Iraq para conter á RAU, que foi formada o 14 de febreiro de 1958. O acordo era para formar un comando militar unificado entre os dous estados, cun orzamento militar unificado, que debería ser fornecido polo Iraq nun 80%, e o 20% restante por Xordania.

No veciño Líbano, o presidente Camille Chamoun, un adversario de Nasser, viu a creación da RAU con preocupación. As faccións pro-Nasser no país, na súa maioría compostas por musulmáns e drusos, comezaron a colidir coa poboación maronita que xeralmente apoiaba Chamoun, culminando nunha guerra civil en maio de 1958. Aínda que Nasser non tivese a intención de atacar o Líbano, vendo isto como un caso especial, sentiuse obrigado a volverse cara aos seus partidarios, entregando a Abdel Hamid Sarraj a tarefa de enviarlles diñeiro, armas lixeiras e oficiais de adestramento. O 14 de xullo, oficiais do Exército Iraquí deron un golpe militar contra o Reino de Iraq, que se acababa de unir con Xordania para formar a rival Federación Árabe. Nasser declarou o seu recoñecemento ao novo goberno, e afirmou que "calquera ataque ao Iraq era equivalente a un ataque á RAU". No día seguinte, fusileiros navais dos Estados Unidos e forzas especiais do Reino Unido desembarcaron no Líbano e Xordania, respectivamente, para protexer os dous países de caer tamén sob as forzas pro-Nasser. Para Nasser, a Revolución do 14 de xullo no Iraq deixou o camiño libre para o nacionalismo árabe. Aínda que a maioría dos membros do Consello Revolucionario de Comando Iraquí concordaba en unir Iraq coa RAU, o novo presidente Abdel Karim Qasim discordou. Said K. Aburish declarou razóns para iso, entre as que podería estar incluída o rexeitamento de Nasser a cooperar con el e encoraxar os oficiais iraquís libres un ano antes do golpe, e así Qasim vía a Nasser como unha ameaza á súa supremacía como líder do Iraq.

Máis tarde, en xullo, o Goberno dos Estados Unidos convenceu a Chamoun de non buscar un segundo mandato, e isto permitiu a Fuad Chehab ser electo novo presidente do Líbano. Nasser e Chehab reuníronse na fronteira sirio-libanesa, e Nasser explicoulle a Chehab que el nunca quixo a unión co Líbano, só que o país non fose utilizado como unha base contra a RAU. O resultado desta reunión foi a fin da crise no Líbano, cun Nasser deixando de abastecer aos seus partidarios e os Estados Unidos estabelecendo un prazo para a retirada da área.

O estado árabe máis favorábel á RAU foi inicialmente Iraq. Este procurou xuntarse á unión entre 1960 e 1961, para reunificar a unión despois de 1963, coa proposta do Exipto, Iraq e Siria reformando a República Árabe Unida. Unha nova bandeira foi proposta, con tres estrelas, simbolizando os tres estados que constituirían a unión. Mais ao final non se materializou a idea. Aínda así, Iraq continuou utilizando a bandeira de tres estrelas, e máis tarde adoptouna como bandeira nacional do país. A bandeira de tres estrelas permaneceu como a bandeira nacional iraquí (con algunhas modificacións) até 2007.

Nacionalización económica[editar | editar a fonte]

En xuño de 1960, Nasser tentou estabelecer reformas económicas que poñerían a economía siria máis de acordo co extremamente forte sector público exipcio. Infelizmente, esas mudanzas fixeron pouco para auxiliar a economía. En vez da cambios con intención de crecemento do sector privado, Nasser embarcouse nunha onda de nacionalizacións sen precedentes en Siria e en Exipto. Iso comezou en xullo de 1961, sen consultar ás principais autoridades económicas de Siria. O comercio total de algodón foi tomado polo goberno, así como todas as empresas de importación e exportación. O 23 de xullo de 1961, Nasser anunciou a nacionalización de bancos, compañías de seguros e toda a industria pesada.

Nasser tamén estendeu os seus principios de xustiza social. O límite da terra foi reducida de 200 a 100 feddans. As taxas de xuros para os agricultores foron drasticamente reducidas ao punto de seren eliminadas nalgúns casos. Un imposto de 90% foi instituído en todos os rendementos superiores a 10.000 libras. Os traballadores e empregados foron autorizados a ter representantes en consellos de administración. Estes tamén recibiron o dereito a unha cota de 25% do beneficio das súas empresas. A xornada media de traballo tamén foi reducida de oito horas a sete, sen unha redución da remuneración.

Colapso[editar | editar a fonte]

A pesar das dificultades económicas, o que realmente produciu a desaparición da RAU foi a incapacidade de Nasser para encontrar un sistema político adecuado ao novo réxime. Dada a súa axenda socialista no Exipto, o Partido Baath debería ter sido o seu aliado natural, mais Nasser estaba dubidoso de compartir o poder. Aínda que Amer tivese permitido algunha liberalización da economía, a fin de tranquilizar os empresarios sirios, a súa decisión de facer fraude nas eleccións da Unión Nacional (partido único, que substituíu o Baath), coa axuda do Coronel Abdel Hamid al-Sarraj (un oficial do Exército Sirio e simpatizante de Nasser), enviou os líderes do Baath a unha axitación. O Baath gañou apenas o 5% dos asentos nos altos comités, mentres que as partes conservadoras máis tradicionais obtiveron unha maioría significativa. Sarraj foi nomeado xefe da Unión Nacional en Siria, e na primavera de 1960 substituía a Amer como presidente do Consello Executivo de Siria. Baixo Sarraj, Siria foi gobernada por unha forza de seguranza brutal, proxectada para suprimir toda a oposición ao réxime.

Notas[editar | editar a fonte]