Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive (EGPGC)
Egpgc.jpg
Organización armada de Galiza
Líderes Antón Arias Curto
Manuel Chao Dobarro
Creación 1987
(Operativo até 1991)
Área de operacións Galiza
Ideoloxía Independentismo galego
Socialismo
Vencellado a Galiza Ceive-OLN
Assembleia do Povo Unido
Status Derradeiro atentado en 1991

O Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive (EGPGC) foi un grupo armado galego terrorista cuxo obxectivo era a independencia de Galiza e a instauración dun réxime socialista, operativo en Galicia entre 1987 e 1991.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fundouse en 1986 e estivo formado no inicio por militantes de Galiza Ceive-OLN e algún membro do PCLN, partido escindido da UPG. En xaneiro de 1987 realizan a súa primeira acción ao roubaren dinamita nas minas das Pontes de García Rodríguez. O 5 de febreiro poñen a súa primeira bomba na Audiencia provincial da Coruña.

O 1 de maio de 1988 atentaron contra Celulosas de Pontevedra, e durante o resto do ano roubaron bancos e diversos depósitos de armas. O 27 de maio dese ano atentaron contra un chalé propiedade de Manuel Fraga en Perbes, e como consecuencia foron detidos Alfredo Santos Conde, Manuel Álvarez Fernández, Xohan Arias López, Maria Pilar Casanova Fernández e Miguel Campuzano, que daquela era xefe de propaganda do sindicato INTG. Tamén se descubría un zulo en Abeleda[Cómpre referencia]. O 5 de xuño dese ano explotaron un coche-bomba no aparcadoiro da comisaría de policía nacional de Ourense, e o 30 de xuño eran detidos como consecuencia desta acción Antón Arias Curto, J.A. Matalobos Rebolo e José Manuel Sanmartín Bouza, todos eles formantes do Estado Maior Irmandiño (EMI). En resposta, atentaron contra a estatua de Franco en Ferrol con dinamita, e o 7 de setembro colocaron unha bomba nunha sede do Barclays Bank. Deste último feito foi acusada a portuguesa Alexandra de Queiroz Vaz Pinheiro.

En 1989 chega a dirixir o EGPGC Manuel Chao Dobarro, e o 1 de febreiro o grupo asasinou a un garda civil e feriu de gravidade a outro cando pretendían roubarlles armas, no concello de Irixoa[1]. A policía nacional e a Garda Civil desartellaron o comando, coa detención de Josefa Rodríguez Porca, xefa do comando, Francisco Javier Filgueira, Juan Carlos Deibe Varela, Manuel Irago Pereira, Francisco Xavier Niño Ricoy, Manuel Quintáns López e Eduardo Abad Loxo. Ademais, descubríronlles un zulo con 14 kgs de xelamonite e goma 2. Un informe policial da altura sinalaba a 14 empresarios galegos como vítimas dunha chantaxe que permitía financiar as actividades do grupo.

O 3 de xullo de 1990 fixo estourar tres artefactos en dúas oficinas do INEM de Ferrol e no Banco Pastor de Cerceda. O 11 de outubro de 1990 cometeu varios atentados con bomba contra negocios de persoas relacionadas co tráfico de drogas (en Cambados, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vilanova de Arousa), entre eles o realizado contra a discoteca Clangor, en Santiago de Compostela, alegando que era un centro de narcotráfico[2]. No atentado morreron tres persoas: unha estudante que estaba na discoteca e os dous terroristas Xosé Ignacio Villar Regueiro e Dolores Castro Lama. Como consecuencia, produciuse a detención en Les (Val de Arán) o 21 de novembro de 1991 de Manuel Chao Dobarro Álvaro e de Alexandra de Queiroz Vaz Pinheiro Patricia e de Maria do Carmo Viso Rubín, dirixente da Assembleia do Povo Unido (APU)[3].

O último atentado tivo lugar o 13 de setembro de 1991 voando varias torres de alta tensión nas Pontes o que deixou sen enerxía eléctrica a comarca de ferrolterra, unhas 300.000 persoas, durante unha noite e dous días. Realizaron un total de 90 accións terroristas.

En 1994 Chao Dobarro foi condenado a 17 anos de cárcere, De Queiroz a 10 (que despois chegarían a 56), e a seis os membros da APU Maria do Carmo Viso Rubín, Ignacio Jesús Martínez Orero, Isabel Cabarco Pemuy e Oliva Rodríguez Valladares. Ademais, foron condenados a longas penas de cárcere Josefa Rodríguez Porca (76 anos), Juan Carlos Deive (72 anos) e Fancisco Javier Filgueira (76 anos)[4].

Visibilidade política[editar | editar a fonte]

A súa expresión política foi Galiza Ceive-OLN, primeiro integrada na Frente Popular Galega e logo dando orixe á Assembleia do Povo Unido.

Notas[editar | editar a fonte]

Vésaxe tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]