Gran Cisma

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Cisma de Oriente")

O Gran Cisma é a denominación que se dá ao acontecemento que dividiu a Cristiandade en Catolicismo Occidental e Ortodoxia Oriental. Aínda que se acostuma datar no ano 1054, O Cisma entre Occidente e Oriente vese na actualidade como o resultado dun dilatado período de estrañamento entre as dúas Igrexas. As causas primarias do Cisma foran as disputas sobre a autoridade papal ( o Papa reclamaba que el posuía autoridade sobre os catro patriarcas orientais de fala grega) e sobre a admisión, por parte das Igrexas Orientais, da cláusula de filioque no Credo de Nicea. Aínda hoxe a Ortodoxia Oriental sostén que a primacía do Patriarca de Roma era só honoraria, e que só posúe autoridade sobre a súa propia diocese e que non ten autoridade para mudar as decisións tomadas por un Concilio Ecuménico. Houbo outras diferencias, menos significativas, como variantes sobre prácticas litúrxicas e queixas conflitivas sobre xurisdicións territoriais.

Orixes[editar | editar a fonte]

Desde os primeiros tempos, a Igrexa recoñeceu a posición especial de tres bispos, que eran denominados patriarcas: O bispo de Roma, o patriarca de Alexandría e o patriarca de Antioquía. A estes engadiuse o patriarca de Constantinopla e máis o patriarca de Xerusalén, ambos confirmados como tales polo Concilio de Calcedonia, no 451. Os patriarcas mantiveron a súa preeminencia sobre os bispos da Igrexa. De entre eles, o bispo de Roma e o patriarca de Constantinopla eran considerados con un status maior a causa de que as súas sés eran as dúas capitais do Imperio romano.

A división posterior do Imperio romano contribuíu á desunión da Igrexa. Teodosio o Grande, morto no 395, foi o último Emperador que gobernou sobre un Imperio romano unido. Logo do seu falecemento, o territorio foi dividido en dúas partes: oriental e occidental, cada unha co seu propio Emperador. A fins do século V, o Imperio romano occidental, fora destruído polas tribos xermánicas, en tanto o Imperio romano oriental (coñecido tamén como o Imperio bizantino) continuou subsistindo. Así que a unidade do Imperio romano foi o primeiro en caír.

Moitos outros factores contribuíron ao apartamento entre Oriente e Occidente. A lingua oficial no Occidente era o latín, mentres a do Oriente era o grego. Moi logo da caída do Imperio occidental, o número de persoas capaces de falar tanto grego como latín comezou a minguar, de xeito que a comunicación entre ambas as dúas zonas foi máis difícil. Con a ruptura da comunicación lingüística, a unidade cultural comezou tamén a quebrarse. As dúas metades da Igrexa dividíronse dun modo semellante; usaban ritos diferentes e tiñan variantes diferentes de interpretación das doutrinas relixiosas. Aínda que o Gran Cisma tería lugar varios séculos despois, os seus alicerces eran perceptíbeis xa antes.

Motivos do cisma[editar | editar a fonte]

Os motivos que desataran o cisma foran:

  • A xa citada inserción do filioque no Credo nicénico, por parte da Igrexa romana, acto definido como non canónico pola Igrexa oriental, aínda que con violación de mandato específico do Concilio de Éfeso (o Credo só pode ser cambiado por consenso conciliar). A controversia sobre o filioque parece ser orixinada na Hispania visigoda do século VI, onde a herexía ariana estaba particularmente difundida. Os arianos afirmaban que a primeira e a segunda persoa da Trindade non son coeternos e iguais. Para reforzar a doutrina tradicional, o clero hispano introduciu o filioque no Credo de Nicea:"Creo no Espírito Santo, [...] que procede do Pai _e do Fillo_ [= filioque], e que co Pai e o Fillo é adorado e glorificado". No Oriente, teoloxicamente máis formal, tal inserción parecía afectar non só o Credo universal, senón tamén a doutrina oficial sobre a Trindade.
  • Disputas sobre o primado do Papa, é dicir, se o Patriarca de Roma debía ser considerado unha autoridade superior á dos restantes patriarcas. Os cinco patriarcas da Igrexa unida estaban de acordo en que o Bispo de Roma debía recibir honras maiores que os outros, mais non concordaban sobre se o romano tiña autoridade sobre os outros catro, e se lle fose conferida, que amplitude podería ter tal autoridade.
  • A designación do Patriarca de Constantinopla como Patriarca Ecuménico (atributo que Roma entendía como "patriarca universal", o cal rexeitaba).
  • O concepto de cesaropapismo, unha maneira de manter unidas a autoridade política civil e a relixiosa, que estaban separadas moito tempo antes, cando a capital do Imperio foi mudada de Roma a Constantinopla. As controversias neste punto xiraban en torno a canto cesaropapismo existía de feito e canto, por contra, era invención dos historiadores occidentais en séculos posteriores.
  • A relativa perda de influencia dos patriarcas de Antioquía, Xerusalén e Alexandría, como consecuencia da expansión do Islam, feito que conduciu a política interna da Igrexa a ser vista sempre como unha rivalidade entre Roma e Constantinopla.
  • Certas prácticas litúrxicas occidentais que o Oriente cristián interpretaba como innovacións: un exemplo era o uso do pan ácimo (sen lévedo) para a Eucaristía. As innovacións orientais, como a inmersión do pan consagrado no viño consagrado para a Comuñón, fora condenada varias veces por Roma, aínda que non no momento do Cisma.

A ruptura[editar | editar a fonte]

A ruptura comezou a fraguarse a raíz da preocupación do Papado por uniformizar os ritos no Sur de Italia, recentemente conquistada polos normandos aos bizantinos. Chocou con a oposición do patriarca de Constantinopla, Miguel Cerulario (Kerularios), que a súa vez estaba preocupado por uniformalos nos dominios de Constantinopla. Seguiu un intercambio de cartas desgraciadas nas que se subliñaba o Ecumenismo do patriarcado constantinopolitano, á par que o Emperador bizantino Constantino IX era partidario dunha alianza con Roma e desexaba a conciliación.

O Papa León IX enviou a Constantinopla os legados Humbert de Moyenmoûtier, Frédéric de Lorraine (máis tarde Papa co nome de Estevo IX) e Pierre d'Amalfi. Humbert e Miguel Cerulario manteñen susceptibilidades mutuas. O debate tornouse un intercambio de insultos francamente inxuriosos. Humbert subliña o problema do filioque. O 16 de xullo de 1054, Humbert e os outros legados depositan a bula de excomuñón contra Cerulario sobre o altar da catedral de Santa Sofía, saen e sacoden o po do seu calzado. Isto semella unha alusión a unha pasaxe do Evanxeo de San Lucas (9:6): « E, se as xentes non vos reciben, saíde desa cidade e sacudídevos o po dos pes, en testemuña contra eles ». O 24 de xullo, o sínodo permanente bizantino replica botando un anatema contra os legados. O Papa non foi posto en tea de xuízo. O asunto non foi tomado demasiado en serio na época, a pesar da excomuñón, algúns anos despois, contra o Emperador Aleixo I Comneno, por outra parte levantada polo Papa Urbano II.

Será a partir do século XII cando o asunto se acedou coincidindo con as Cruzadas e o declinar do Imperio bizantino e medran as rivalidades entre os Estados occidentais. O saqueo de Constantinopla, durante a Cuarta Cruzada, en 1204, sería o acontecemento determinante.