Vilalba

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°17′52.48″N 7°40′52.82″O / 43.2979111, -7.6813389

Vilalba
Bandeira de Vilalba
Escudo de Vilalba
Casa do Concello.
Torre da homenaxe. Igrexa de Santa María.
Casa do Concello, Torre dos Andrade e Igrexa de Santa María
Situacion Vilalba.png
Situación
Xentilicio[1]vilalbés - chairego
Xeografía
ProvinciaProvincia de Lugo
ComarcaComarca da Terra Chá
Poboación13.881 hab. (2022)[2][3]
Área379,0 km²[3]
Densidade36,63 hab./km²
Entidades de poboación30 parroquias[4]
Capital do concelloVilalba
Política (2019[5])
AlcaldesaElba Veleiro (PSdeG[6] [7])
Concelleiros
PPdeG: 7
PSdeG-PSOE: 8
Outros: Vilalba Aberta-SC 2
Eleccións municipais en Vilalba
Uso do galego[8] (2011)
Galegofalantes73,29%
Na rede
vilalba.org
editar datos en Wikidata ]

Vilalba é un concello da provincia de Lugo, capital da comarca da Terra Chá. Segundo o IGE en 2020 tiña 14 079 habitantes, dos que máis dun terzo viven no núcleo urbano. O seu xentilicio é «vilalbés» e tamén «chairego». O concello posúe unha densidade de poboación de 38,64 hab./km², e unha superficie de 379 km², o que o converte no segundo concello galego en extensión despois da Fonsagrada. Vilalba é a vila principal da súa comarca e a cuarta na provincia, xusto despois de Viveiro.

O concello de Vilalba atópase na metade norte da provincia de Lugo; limita polo norte cos concellos de Abadín, Muras e Xermade, polo sur, con Cospeito, Begonte e Guitiriz, polo leste, con Abadín e Cospeito e polo oeste, con Xermade e Guitiriz. A poboación de Vilalba distribúese nas 29 parroquias do concello, ademais do núcleo urbano da vila[9].

Vilalba (do latín Villam Albam, 'vila branca'), posúe un rico patrimonio arqueolóxico e cultural. O concello conserva un bo número de mostras de castros galaicos, entre os que destacan os castros de Gondaísque e Belesar. Dentro do seu patrimonio cultural destaca a Torre da homenaxe do desaparecido castelo de Vilalba, vencellada historicamente á casa dos Andrade, e convertida no século XX en parador de turismo.

Con respecto á industria, o concello caracterízase pola súa escasa industrialización, sendo as escasas industrias existentes derivadas do sector primario, é dicir a agroalimentaria, representada por unha empresa multinacional de produtos lácteos, e algunhas pequenas industrias de embutidos, xamóns e de elaboración do queixo D.O. de San Simón.

A gastronomía é un dos meirandes atractivos da vila na que hai que destacar o queixo de San Simón da Costa[10], o roscón de améndoas e os célebres capóns de Vilalba[11] que se comercializan nunha feira anual, que ten lugar o 21 de decembro.

Poboación[editar | editar a fonte]

Censo total 2014 14.788 habitantes
Menores de 15 anos 1.529 (10.34 %)
Entre 15 e 64 anos 9.065 (61.3 %)
Maiores de 65 anos 4.194 (28.36 %)
Fonte IGE[12]; 1857-2020

Xeografía[editar | editar a fonte]

Placa altimétrica de Vilalba, situada no exterior do edificio do concello.
Placa altimétrica de Vilalba, situada no exterior do edificio do concello.

Dita a 'capital da Terra Chá', o concello ten no límite norte un cordal montañoso, a serra da Carba, mentres o resto é ocupado por perfís de suaves cumes e vales. Entre os moitos ríos e regos, que van en xeral cara ó sur para atoparse cun afluente do Miño, destaca o río Ladra.

Historia[editar | editar a fonte]

Segundo o historiador Manuel Mato Vizoso, as primeiras referencias á vila actual datan do século VI, nuns documentos nos que se alude á vila de Santa María de Montenegro baixo a protección da familia do mesmo nome. No século VIII sufriu un incendio que a destruíu completamente.

Posteriormente, no século XII, aparece citada co nome de Vilarente e vincúlase coa dinastía dos Andrade. No século XV, no ano 1431, destruíuse o castelo durante a primeira revolta irmandiña. Foi Nuno Freire de Andrade, o Mao, quen despois obrigou ós veciños a reconstruílo.

Posteriormente, en 1467, se efectuaría a segunda e verdadeira revolta irmandiña, na que Afonso de Lanzós, Pedro Osorio e Diego de Lemos dirixiron un auténtico exército popular que acabou con todas as fortificacións dos Andrade, con excepción da de Moeche.

A historia de Vilalba está ligada ser un cruzamento de camiños. Aínda se conserva un camiño ó que se lle chama 'real', e de cruzamento de camiños pasou a selo de estradas: en 1860 rematouse a de Ferrol, logo a de Mondoñedo e no 1881 a de Baamonde.[13]

A torre da homenaxe do castelo dos Andrade, de planta octogonal, serve como Parador de Turismo, mandado restaurar polo exministro de Información e Turismo Manuel Fraga.

Xornalismo vilalbés[editar | editar a fonte]

Vilalba ten contado ao longo do século XX cunha ampla tradición xornalística, que se inicia en 1902 co Ideal Villalbés, xornal manuscrito do poeta e xornalista Antonio García Hermida. A esta primeira tentativa seguirá, xa de forma máis profesional, a edición de El Eco de Villalba (1908) da man de Manuel Mato Vizoso e José Novo Pardo. Tras este virán: El Ratón (1910), El Vigía Villalbés (1913), Azul y Blanco (1914), Villalba y su Comarca (1915), Galicia Pintoresca (1916) ou Heraldo de Villalba (1916) que suporá a consagración definitiva de García Hermida no mundo do periodismo.

Pero a proliferación de prensa escrita non termina aí, senón que continuará nese mesmo ano e os seguintes co primeiro xornal escrito integramente en galego na vila, A Xusticia (1917), ó que seguirán: Aurora (1918), El Gato (1919), La Voz Villalbesa (1921), El Progreso Villalbés (1922), fundado por Enríquez Chanot, El Villalbés (1925) ou La Unión Ciudadana (1929). En Buenos Aires publicouse tamén El Villalbés a partir de 1927. Nos anos da II República editouse Ariete (1931), Luz (1931), e como continuación deste un periódico abertamente militante: Faro Villalbés (1932), que contaría entre os seus colaboradores coa poetisa Carmiña Prieto Rouco, autora do "Himno da Terra Cha". Nos anos da ditadura só dous xornais viron a luz, ambos de carácter netamente deportivo: Stadium (1949) e El Castillo (1950). Haberá que esperar ata a democracia para que un novo xornal saia á luz alcanzando entón unha ampla repercusión: A Voz de Vilalba (1983).[Cómpre referencia]

Cultura[editar | editar a fonte]

Patrimonio[editar | editar a fonte]

O monumento máis emblemático da vila é a torre dos Andrade, reconstruída a finais do século XV e da que se conserva a torre da homenaxe, que na actualidade forma parte do remodelado Parador de Turismo[14]. En todo o concello existen diversos exemplos de arquitectura civil e militar. En canto á arte relixiosa destacan as igrexas de Belesar, Distriz, Goiriz ou Ladra entre outras.

No seu centro está unha das Árbores senlleiras de Galicia (A Pravia, cód. 3A[15], un pradairo)

Camiño de Santiago[editar | editar a fonte]

A Ruta da Costa do Camiño de Santiago entra no concello vilalbés dende Abadín e pasa pola ponte vella de Martiñán, Goiriz, e sae do concello dirección Baamonde por San Xoán de Alba, Torre Pedrouzos e de aí a Guitiriz.

Festividades e eventos[editar | editar a fonte]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes de Vilalba.
Muíño no lugar dos Pasos 
Ponte de Saa 
Vista da confluencia dos ríos Madanela e Trimaz, no lugar dos Pasos. 

Lugares de Vilalba[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Vilalba véxase Lugares de Vilalba.

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Lugo | Parroquias de Vilalba

Alba (San Xoán) | Árbol (San Lourenzo) | Belesar (San Martiño) | Boizán (Santiago) | Carballido (Santa María) | Codesido (San Martiño) | Corvelle (San Bartolomeu) | Distriz (San Martiño) | Goiriz (Santiago) | Gondaísque (Santa María) | Insua (San Bartolomeu) | Ladra (San Salvador) | Lanzós (San Martiño) | Lanzós (San Salvador) | Mourence (San Xiao) | Nete (San Cosme) | Noche (San Martiño) | Oleiros (San Mamede) | Rioaveso (San Xurxo) | Román (Santalla) | Samarugo (Santiago) | San Simón da Costa (San Simón) | Sancovade (Santiago) | Santaballa (San Pedro) | Soexo (Santa María) | Tardade (Santa María) | A Torre (Santa María) | Vilalba (Santa María) | Vilapedre (San Mamede) | Xoibán (San Salvador)


Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Instituto Nacional de Estadística, ed. (27 de decembro de 2019). "Cifras oficiales de población resultantes de la revisión del Padrón municipal a 1 de enero". Consultado o 2 de xuño de 2020. (en castelán).
  3. 3,0 3,1 Instituto Galego de Estatística. (2022) "Vilalba".Información municipal. Sociedade e poboación. Xunta de Galicia.
  4. Nomenclátor de Galicia. Busca directa. Xunta de Galicia
  5. Goberno de España, Ministerio do Interior (ed.). "Elecciones 2019". resultados.eleccioneslocaleseuropeas19.es. Arquivado dende o orixinal o 25/06/2019. Consultado o 27/5/2019. 
  6. "Elba Veleiro al llegar a la Alcaldía de Vilalba, tierra de Fraga: "Es un día histórico para la democracia"". El Correo Gallego. 15/6/2019. Arquivado dende o orixinal o 30/07/2019. Consultado o 15/6/2019. 
  7. Federación Galega de Municipios e Provincias (ed.). "Vilalba". www.fegamp.gal. Consultado o 14/9/2019. 
  8. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Arquivado dende o orixinal o 5 de decembro de 2019. Consultado o 14 de outubro de 2014. Fonte: IGE. Datos dispoñibles nas Táboas Dinámicas de Google 
  9. "Xeografía do Concello de Vilalba". Arquivado dende o orixinal o 07 de maio de 2008. Consultado o 17 de febreiro de 2008. 
  10. Queixo de San Simon da Costa
  11. "Capóns de Vilalba". Arquivado dende o orixinal o 07/02/2008. Consultado o 17/2/2008. 
  12. IGE (ed.). "IGE - Nomenclátor de Galicia" (en galego). Arquivado dende o orixinal o 30 de decembro de 2020. Consultado o 28 de abril de 2021. 
  13. "Hace 110 años, Vilalba y Viveiro ya se unían por una línea de autobús". La Voz de Galicia (en castelán). 19/11/2019. Consultado o 27/12/2019. 
  14. Parador Nacional Condes de Vilalba en Proxecto ARGA: Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia.
  15. "Disposición do Diario Oficial de Galicia- Xunta de Galicia". www.xunta.gal. Consultado o 17/1/2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Carlos Díaz Martínez, José-Luís Novo Cazón (2006). A memoria de Vilalba. Vigo. Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-9782-470-9. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]