Airiños do Parque de Castrelos
Airiños do Parque de Castrelos era un grupo de gaitas que interpretaba música tradicional galega, fundado na parroquia de Castrelos (Vigo) en 1943.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Músicos autodidactas, formáronse co maxisterio de músicos maiores da bisbarra de Vigo. Juan González, nado no lugar da Laxe en Sárdoma o 18 de xuño de 1927 e finado en Castrelos o 3 de decembro de 2016, empezou a puntear nunha frauta de cana. Logo aprendeu o instrumento dos gaiteiros dos grupos Os Morenos de Lavadores e Os Peruchos de Castrelos. Este gaiteiro está na cerna da creación do grupo:
Sendo un rapaz de doce anos, acompañado polo tambor do "O Merello", e polo irmán deste ao bombo, conforman o trío "Airiños da Nogueira" en lembranza "daquela inmensa nogueira que nin dez homes eran capaces de rodear cos brazos abertos" e que estaba perto das súas casas na Laxe.
A enfermidade da súa nai, que non podía aturar o barullo dos ensaios, e o seu noivado con Lucita forzan o cambio do lugar de ensaios cara a casa de Manolo [Dávila] en Castrelos; este feito propiciaría a refundación no ano 1943 do grupo "Airiños do Parque de Castrelos" xunto a Severo, Manolo e Crispín.
Contando 21 anos, e coa oposición do seu pai republicano a que tivese carnet da Falanxe, entra a formar parte do grupo "Coros e Danzas", vinculado á Sección Femenina sen afiliación.[1]
Creado durante o primeiro franquismo, Airiños do Parque de Castrelos estivo vencellado durante os seus primeiros anos á Sección Femenina de Falange Española como moitos outros grupos folclóricos, que foron utilizados polo réxime como elementos de cohesión.[2] Na Sección Femenina o grupo de gaitas entra en contacto co bailador e percusionista Wenceslao Cabezas "Polo", quen aprendeu a tocar a pandeireta con José Iglesias "Melitón", nativo de Sárdoma.[3][4] O grupo medrou e tivo proxección internacional como grupo oficial do réxime.
Unha agrupación que tamén exterioriza coa súa traxectoria o papel do folclore nestes anos é a dos vigueses Airiños do Parque de Castrelos, conxunto que encarna dalgún xeito o ideal rexionalista do réxime. Permaneceu unido durante prolongados períodos de tempo á Sección Femenina de Falange, tocou para Franco e para os reis e foi o complemento musical axeitado de múltiples actos oficiais e celebracións populares.[5]
Airiños do Parque de Castrelos actuou en romarías, festas parroquiais, certames e eventos locais, festivais internacionais, acompañou os grupos de danza dirixidos por Wenceslao Cabezas "Polo" e colaborou coa Escola Municipal de Danza do Concello de Vigo. Cómpre salientar que esta escola e moitos dos eventos nos que Airiños participa fanse baixo unha corporación socialista, e en concreto con Manuel Soto como alcalde e Francisco Santomé Otero como concelleiro de cultura, o que, segundo Campos Calvo-Sotelo, permite comprobar tanto o efecto cohesionador da cultura popular nos primeiros anos democracia como a mirada reduccionista que as institucións políticas tiñan do folclore, fose no franquismo, fose no período autonómico: "Tanto a dictadura como o réxime autonómico levaron a cabo unha adopción sesgada e partidista do patrimonio cultural galego, o que forzaría os correspondentes procesos de selección de materiais acaídos".[6]
Desde 1970 é un grupo fixo nas celebracións do Día da muiñeira en Vigo, evento anual que xorde dunha idea do líder do grupo, "Polo". Nesa década convértese nun dos grupos máis activos da música rexional, un tempo no que a música folclórica gravada en disco e en casete pasa por un momento de grande expansión. Producen cinco gravacións, case sempre sen máis título que o nome do grupo, nos que inclúen temas de composición propia e mais pezas populares. Carlos Núñez salientou que o grupo Airiños do Parque de Castrelos era experto en incorporar os ritmos cubanos, como se evidencia na súa rumba "Cinco mariñeiros".[7]
En 1978 o grupo participou por primeira vez no Festival Intercéltico de Lorient xunto coa Escola de Gaitas de Ortigueira, Coral Casablanca e mais o grupo lugués Fuxan os Ventos. Os compoñentes de Airiños lembran o grande descoñecemento que na Bretaña había naquel momento de Galicia. Volve participar nese festival en 1981, desta vez canda Milladoiro e Xocaloma, o grupo Novos Ventos (gaiteiros de Beluso), a Coral de Ruada de Ourense, entre outros grupos galegos. Por mor do acordo de irmandade asinado ese mesmo ano entre as cidades de Lorient e Vigo, que establecía, entre outras aspectos, a invitación permanente dun grupo musical vigués ao Festival Intercéltico, volveu actuar nas edicións de 1982, 1984 e 1985.[8] O 9 de setembro de 1979 interveñen no Autunno Musicale en Como (Italia), nunha edición dedicada á gaita tradicional en Europa na que tamén tocaron Paddy Keenan (cornamusa irlandesa) e Agostino Troiano (surdulina). Consérvase a gravación no Centro di Dialettologia e di Etnografia de Bellinzona (Suíza).[9] En 1980 participaron na terceira edición do Festival de Ortigueira[10].
En 1993 recibiron o galardón Vigués distinguido como homenaxe aos seus cincuenta anos en activo.[11] Ese mesmo ano publicouse o disco Grupo Tradicional Airiños do Parque de Castrelos[12] e mais o libro conmemorativo Grupo de gaitas "Airiños do Parque de Castrelos": 1943-1993, que documenta a historia do grupo e inclúe partituras e unha ampla galería fotográfica.
Juan González foi un gaiteiro recoñecido polo seu mestrado entre instrumentistas máis novos e impulsou grupos como Semilleiro (do que formou parte Patricia Cela, artesá e integrante do Cuarteto Caramuxo)[13] e Os Kilovatios. Foi recoñecido como Vigués distinguido en 2006.
Desde o 13 de xuño de 1993 o grupo aparece no rueiro de Vigo na Alameda dos Gaiteiros de Airiños do Parque de Castrelos.
Membros
[editar | editar a fonte]- Gaita primeira: Manuel Dávila.
- Gaita segunda: Juan Manuel González Alonso, tamén coñecido como Sr. Juan.
- Pandeireta e pandeiro: Wenceslao Cabezas del Toro “Polo”.
- Tambor e cunchas: Xosé Crispín.
- Bombo e cunchas: Severo Dávila.[14]
Discografía
[editar | editar a fonte]A súa discografía está composta por discos propios e algúns temas recompilados en traballos de musicoloxía tradicional europea.[15] Os títulos dos temas renden homenaxe á toponimia das Rías Baixas e, ocasionalmente, a figuras da música tradicional, como o gaiteiro Ricardo Portela e o artesán e gaiteiro Basilio Carril. As portadas dos discos abundan na iconografía rexionalista pois retratan ao grupo sempre vestido co traxe tradicional, en lugares emblemáticos das Rías Baixas, con elementos típicos como canastros e cruceiros.
Álbums
[editar | editar a fonte]- 1972 Airiños do Parque de Castrelos, Madrid, Fonogram. LP. Reeditouse en casete en 1974 co título Gaitas gallegas.
1 | Pasodoble de Menduiña |
2 | Foliada da Falcoa |
3 | As mozas de Vilariño: alborada |
4 | Jota de Redondela |
5 | Pasodoble das Carneiras |
6 | Danza das patelas: danza marinera |
7 | Vira o pé: danza de Vilagarcía de Arousa |
8 | Jota de Castrelos |
9 | De Castrelos a Sárdoma: pasodoble (no casete titúlase: De Castrelos a San Pedro) |
10 | Jota do marinero |
- 1976 Airiños do Parque de Castrelos, Madrid. Casete.
1 | Muiñeira de La Coruña |
2 | Foliada dos airiños de Castrelos |
3 | Galicia terra meiga |
4 | Jota do moneco |
5 | Jota do monte |
6 | Jota homenaxe a Basilio Carril |
7 | Marcha solemne del antiguo reino de Galicia |
8 | Alborada de Rosalía de Castro |
9 | Fandango gallego |
10 | No palleiro |
11 | Muiñeira de Soutelo de Montes |
12 | Muiñeira de Redondela |
- 1978 Airiños do Parque de Castrelos, Madrid, Columbia CPS 9596 (LP) e BS 7033 (casete).
1 | Muiñeira dos rapaces |
2 | Valse dos vellos |
3 | Marcha solemne do antergo Reino da Galiza |
4 | Regueifa |
5 | No atrio de Castrelos |
6 | Ribeirana |
7 | As mozas de Vilariño |
8 | Carballesa |
9 | Do burro morto |
10 | Vindo da Escravitude |
- 1978 Airiños do Parque de Castrelos, Madrid, Columbia CPS 9597 (LP) e BS 7034 (casete).
1 | Fandango muradán |
2 | Danza dos petos |
3 | Os nenos de Marín (popular) |
4 | O Cocho das Dornas |
5 | De Vigo a Baiona |
6 | Na Virxen da Roca (popular) |
7 | Nas rúas de Baiona |
8 | Os cinco mariñeiros |
9 | No magosto |
10 | No carnaval en Vilariño |
11 | Na eira |
12 | Foliada dos airiños |
- 1993 Grupo Tradicional Airiños do Parque de Castrelos, Sonyarte. LP e casete.
1 | Reverencia das Candelas |
2 | Churrusqueira |
3 | O Suita |
4 | Foliada da Sra. Juana |
5 | O cuco |
6 | In memoriam Ricardo Portela |
7 | Santa Fe |
8 | Danza de espadas de Baiona |
9 | Muiñeira de Almofrei |
10 | O río Lagares |
11 | Rumba do Reconco |
Colaboracións
[editar | editar a fonte]- 1971 Foliadas das Rías Baixas, Barcelona, Palobal. Casete e cartucho de oito pistas. Con interpretación dos Airiños do Parque de Castrelos, Wenceslao Cabezas "Polo", os Airiños das Rías Baixas, a Orquesta Moderna de Pontevedra e mais mariñeiros da Arousa e Vilanova. Recolle estes temas dos integrantes do grupo:
B1 | Os airiños d'o parque de Castrelos | Muiñeira |
B2 | Os airiños d'o parque de Castrelos | Jota |
B3 | Wenceslao Cabezas | Solo con la pandereta |
B4 | Os airiños d'o parque de Castrelos | Ribeirana |
B5 | Wenceslao Cabezas | Baile de pandero |
B6 | Os airiños d'o parque de Castrelos | Pasodoble del Berbés |
B7 | Wenceslao Cabezas | Alalá |
B8 | Os airiños d'o parque de Castrelos | Muiñeira |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Hermida Fernández, José A. "In memorian Juan González, gaiteiro de Castrelos". Faro de Vigo. Consultado o 2018-08-27.
- ↑ "Stanley Brandes: «Franco impulsó el folclorismo para unir España»". Diario de León (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 27 de agosto de 2018. Consultado o 2018-08-27.
- ↑ "Os Peruchos de Castrelos: “Jota Aires de Vigo” e “Veño loco de contento”". luartube.crtvg.es. Arquivado dende o orixinal o 27 de agosto de 2018. Consultado o 2018-08-27.
- ↑ "Muere José Iglesias "Melitón", pandereteiro excepcional y vigués distinguido en 1995". Faro de Vigo. Consultado o 2018-08-28.
- ↑ Campos Calvo-Sotelo, 2008, p. 387.
- ↑ Campos Calvo-Sotelo, 2008, p. 388.
- ↑ "Concierto de Carlos Núñez en Pontevedra". Carlos Núñez (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2019. Consultado o 2018-08-27.
- ↑ Cabezas Gómez, 1993, p. 149.
- ↑ Fonoteca naziunala svizra. "FN - Catalog, Detagl". www.fonoteca.ch. Consultado o 2018-08-27.
- ↑ "Cinco grupos extranjeros participarán en el festival celta de Ortigueira". El País (en castelán). 1980-06-28. ISSN 1134-6582. Consultado o 2018-08-27.
- ↑ "Vigueses Distinguidos. Relación vigueses distinguidos y medallas de la ciudad (1987 – 2016)". fundacionviguesesdistinguidos.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 20 de agosto de 2018. Consultado o 2018-08-27.
- ↑ "Datos BNE" (en castelán). Consultado o 2018-08-27.
- ↑ "Patricia Cela - Obradoiro de Instrumentos Musicais". www.patriciacela.com. Arquivado dende o orixinal o 17 de xullo de 2017. Consultado o 2018-08-28.
- ↑ "Vinilos Singulares 5: "Airiños do Parque de Castrelos"". Ouvirmos. 2014-05-05. Arquivado dende o orixinal o 27 de agosto de 2018. Consultado o 2018-08-27.
- ↑ "Airiños do Parque de Castrelos (Grupo musical)". datos.bne.es (en castelán). Consultado o 2018-08-27.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cabezas Gómez, Hipólito et al. Grupo de gaitas "Airiños do Parque de Castrelos": 1943-1993. Vigo: Asociación de Veciños Castrelos, 1993.
- Campos Calvo-Sotelo, Javier. La música popular gallega en los años de la Transición política (1975-1982): Reificacións expresivas do paradigma identitario. Universidad Complutense de Madrid, 2008. Tese de doutoramento.[1]
Gravacións
[editar | editar a fonte]- Airiños do Parque de Castrelos cos Coros y Danzas de Redondela. "Panderetada" Arquivado 02 de xuño de 2017 en Wayback Machine., No-Do, Redondela, 1970. Fondo de Música Tradicional CSIC-IMF.
- Airiños do Parque de Castrelos cos Coros y Danzas de Redondela. "Carballesa" Arquivado 02 de xuño de 2017 en Wayback Machine., No-Do, Redondela, 1970. Fondo de Música Tradicional CSIC-IMF.
- Airiños do Parque de Castrelos, "Baile de pandero", Foliada das Rías Baixas (Canti e musiche popolari della Galizia spagnola), Albatros, 1970.
- Airiños do Parque de Castrelos, "Os nenos de Marín"
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Pierlugi Navoni, Airiños do Parque de Castrelos no CRT - Centro Ricerche Teatrali[Ligazón morta], Milán, 1971. Fotografía.