Os Morenos de Lavadores

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Placa co nome os Morenos na praza dedicada a eles no Sobreiro, rueiro en Lavadores (Vigo) de onde eran naturais.

Os Morenos de Lavadores foi unha agrupación de gaiteiros do concello de Lavadores.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Monólito na honra dos Morenos de Lavadores, na praza que leva o seu nome.

Os Morenos de Lavadores tivo a súa orixe no grupo Airiños de Cabral, formado polos gaiteiros Constante Moreda Vázquez e Manuel Oliveira Blanco, Vicente Clemata Piñeiro "Firma" no tamboril e Román Salgueiro Rodríguez no bombo. O cuarteto desfíxose trala morte de Constante o 10 de decembro de 1936. Pasada a Guerra Civil sumouse ao grupo Xosé Oliveira Blanco, irmán de Manuel, pasando a adoptar o nome d'Os Morenos de Lavadores. Un nome que ten a súa orixe na pel escura de ámbolos-dous irmáns.

En 1946 Román emigrou cara a Alemaña. Tras varios anos de inestabilidade, en 1953 uniuse como bombeiro Xosé Suárez Rodríguez, veciño da Ceboleira, máis novo có resto, pero que dende cativo xa asistía os ensaios na adega da casa que Manuel Oliveira tiña no barrio do Sobreiro. Nese mesmo ano morreu "Firma", que foi substituído por Olimpio Alonso Grobas, veciño da Bagunda, que amais do tambor tocaba as cunchas.

Esta formación mantívose estable ata a desaparición do cuarteto: Manuel e Xosé nas gaitas, Olimpio no tamboril e Suárez no bombo. Interviron nas películas Mar Abierto e Famoso Carballeira, compartindo papel con actores de gran reputación naqueles anos como Maruchi Fresno e Jorge Mistral. Actuaron por Portugal e Francia, neste caso acompañando o Ballet de Luisillo. Entre 1967 e 1972 gravaron varios discos de vinilo e casetes con RCA e MARFER. Tamén foron gañadores de prestixiosos concursos ademais de participar nos carnavais da Península do Morrazo, coma Pinténs e O Hío e na Romaría de San Roque de Vigo. Nunca participaron en actos ligados á ditadura.

O grupo cesou en 1973. Manuel morreu en 1976, Olimpio en 1987 e Xosé en 1991.[2] Na actualidade (2011) Xosé Suárez é o único membro que queda vivo.

Na honra do grupo, o seu nome foille dedicado a unha praza no camiño do Sobreiro (a poucos metros da casa natal dos irmáns Oliveira Blanco), e instalouse un monólito nos xardíns da sede veciñal da AVV de Lavadores, na avenida Ramón Nieto, inaugurados en 1999 e 2000, respectivamente. Son moitos os grupos que nos seus discos teñen gravados temas do seu repertorio. Tamén existe no mercado un libro máis Dvd, dende a orixe do grupo ata a súa disolución editado por Edicións do Cumio no ano 2011, e hoxe en día están considerados como uns dos mellores cuartetos de Gaiteiros da historia de Galiza.

Membros[editar | editar a fonte]

Anos 1939-1953[editar | editar a fonte]

  • Gaita Primeira: Manuel Oliveira Blanco"O Moreno".
  • Gaita Segunda: Xosé Oliveira Blanco "O Moreno".
  • Tamboril: Vicente Clemata Piñeiro "O Firma".
  • Bombo: Román Salgueiro Rodríguez.

Anos 1953-1973[editar | editar a fonte]

  • Gaita Primeira: Manuel Oliveira Blanco "O Moreno".
  • Gaita Segunda: Xosé Oliveira Blanco "O Moreno".
  • Tamboril: Olimpio Alonso Grobas.
  • Bombo: Xosé Suárez Rodríguez.

Discografía[editar | editar a fonte]

  • 3 Ep con Rca Victor Madrid 1968.
  • 1 Casete Rca recompilatorio dos 3 Eps Gravados en Madrid editado en 1972.
  • 1 Lp con Marfer titulado "Aires da Nosa Terra" en 1970 Barcelona.
  • 1 Ep con Marfer titulado "As Gaitas de Galicia " en 1970 Barcelona.
  • 1 CD recompilatorio de tódalas gravacións editado e remasterizado pola A.V.V. Lavadores no ano 1999.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Lavadores, concello de seu daquela, desapareceu como tal, anexionándose ó de Vigo en 1941.
  2. "Homenaxe a Xosé Oliveira Blanco "O Moreno"". Anuario da gaita (Escola Provincial de Gaitas. Deputación Provincial de Ourense) (6). 1991. O día 25 de xaneiro do presente ano, démoslle o derradeiro adeus a Xosé Oliveira Blanco, "O Moreno" 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]