Cuarteto Caramuxo
nO Cuarteto Caramuxo é un grupo galego creado en Vigo no ano 1989 que se sitúa no novo folk.
Historia[editar | editar a fonte]
O Cuarteto Caramuxo creouse a partir do cuarteto de clarinetes da Orquestra Clásica de Vigo, cun repertorio inicial de música clásica e estándares de jazz e blues. En 1995 participa nun encontro de clarinetistas en Glomel, na Bretaña francesa. Esa experiencia marca a súa virada cara a un repertorio tradicional e responde a un desexo de recuperación de instrumentos que foran habituais nos grupos de música tradicional galega.[1]
En 2002 participan no Primeiro concerto expansivo Nunca Máis organizado pola Plataforma contra a Burla Negra e, froito desa acción cultura reivindicativa, en 2005 crean con Avelino González o espectáculo narrativo-musical Vento mareiro.
"No ano 2002, precisamente o 02-02-2002, foi a data na que se convocaron os “Concertos Expansivos”, uns concertos coa finalidade de que xente vinculada coa cultura e coa sensibilidade crítica do que estaba acontecendo nese intre (ano do afundimento do Prestige) fíxose unha programación autónoma para mostrar ese berro de protesta. Cando o cuarteto foi pedir o local –o antigo Viva Zapata de Vigo– para o concerto, resulta que estaba ocupado xa, pero por sorte estaba ocupado por un amigo do grupo, Avelino González, quen ía a contar contos. Chegaron a un acordo de colaboración no que o cuarteto musicaría algún conto á vez que Avelino o contaba. A experiencia gustou moito, tanto que de aí saíu un gran proxecto chamado Vento mareiro composto por un acordeón, tres clarinetes e percusión. Avelino contaba historias do mar e o cuarteto poñíalle música".[1]
Esta colaboración reforza o seu interese pola posta en escena, máis achegada á performance teatral que ao concerto e lévaos a concibir outros espectáculos literario-musicais dirixidos á infancia.
Gañan o Concurso Folk Cancioneiros da Fundación Pedro Barrié de la Maza e, gravan o seu primeiro disco. Os seus músicos xa pasaron por agrupacións coma a Orquestra Sinfónica de Galicia, a Xove Orquestra de Galicia ou a Real Filharmonía de Galicia. Nos inicios seu repertorio abrangue o jazz e mesmo a música clásica mais finalmente.[2] O seu repertorio máis coñecido inclúe composicións recollidas nos cancioneiros tradicionais mais tamén inclúen pezas de autores contemporáneos como Nacho Muñoz, Antón L. Pulido, Jesús González e Ernesto Campos.[3]
O Cuarteto Caramuxo define así o seu proxecto musical: "Procuramos novos camiños musicais coa intención de ofrecer variedade sen renunciar aos nosos principios de elegancia e bo humor con referencias a músicas e ritmos recoñecibles".[4]
Membros[editar | editar a fonte]
Formación actual[editar | editar a fonte]
Desde 2015 está integrada por:
- Patricia Cela, Patricia Cela, percusión
- Marcos Padrón, Marcos Padrón, acordeón
- Fernando Abreu, Fernando Abreu, clarinetes soprano e baixo
- Felipe Agell, Felipe Agell, clarientes
- Óscar Prieto, Oscar Prieteclarinete soprano e baixo
- Xoán Carlos Vázquez, clarinete soprano
Formación no ano 2005:[editar | editar a fonte]
- Patricia Cela, percusión
- Alonso Caxade, acordeón
- Fernando Abreu, clarinetes soprano e baixo
- Xoán Carlos Vázquez, clarinete soprano
- Óscar Prieto, clarinete soprano e baixo
Discografía[editar | editar a fonte]
O seu primeiro traballo inclúe composicións inéditas que o musicólogo Xabier Groba atopa na elaboración da súa tese de doutoramento, O legado musical de Casto Sampedro Folgar (1848-1937): o canto galego de tradición oral.[5] Trátase de melodías recollidas nos séculos XIX e XX da denominada Colección Sampedro, e que Xosé Filgueira Valverde non incluíu na edición do Cancioneiro popular galego.
No seu segundo traballo actualizan melodías tradicionais co obxectivo de achegalas ao gusto contemporáneo e facelas bailables.
- Tiruriru (Falcatruada, 2005).
- Arrieiros somos (Nakra, 2015). Composición e arranxo do Cuarteto Caramuxo. Deseño de identidade visual e arte de Olalla Fernández.[6]
Espectáculos[editar | editar a fonte]
- A ratiña laranxa, concerto didáctico para público infantil do Cuarteto Caramuxo con Mónica de Nut (cantante), e Fernando Abreu (piano). Estrea no Pazo da Ópera da Coruña en 2010. Texto orixinal de Dolores Rial Fernández.
- O calcetín amarelo, creado por Títeres Cachirulo e o Cuarteto Caramuxo. Estrea en 2007. Dirección de Jorge Rey. Texto orixinal de Dolores Rial Fernández e Jorge Rey.
- Vento mareiro, creado por Avelino González e o Cuarteto Caramuxo. Estrea oficial no Teatro Coliseo Noela de Noia en 2005. Con textos de Manuel Rivas, Xurxo Souto, Antón Avilés de Taramancos e Avelino González.
- Vigo é música, creado por Cuarteto Caramuxo para a Fundación Vigueses Distinguidos e Concello de Vigo. Estrea no Auditorio Municipal de Vigo en 2005. O espectáculo conta coa intervención de Mónica de Nut. Inclúe composicións relacionadas coa cidade da época medieval (Martín Códax), clásicos como "Para Vigo me voy" de Ernesto Lecuona, o pasodobre "Vigo" de Reveriano Soutullo e a "movida viguesa".
Premios[editar | editar a fonte]
- Premios Martín Códax da Música, na categoría Folk (2014).
- Premio Concurso Folk Cancioneiros da Fundación Pedro Barrié de la Maza (2008).
- Premio María Casares á mellor música orixinal por Vento mareiro (2006).
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Fernández, Beatriz Abalo. "Entrevista a Cuarteto Caramuxo, o sexteto que non podes perder". www.personxxi.com (en castelán). Consultado o 2018-04-23.
- ↑ Fernández, Beatriz Abalo. "Entrevista a Cuarteto Caramuxo, o sexteto que non podes perder". www.personxxi.com (en castelán). Consultado o 2018-04-22.
- ↑ "Cuarteto Caramuxo - WOMEX". www.womex.com (en inglés). Consultado o 2018-04-23.
- ↑ "Abrete de orellas portal galego de lecer". www.abretedeorellas.com. Arquivado dende o orixinal o 23 de abril de 2018. Consultado o 2018-04-23.
- ↑ Xavier, Groba González, (2012-02-02). "O legado musical de Casto Sampedro Folgar (1848-1937): o canto galego de tradición oral" (en inglés).
- ↑ "Cuarteto Caramuxo - Olalla Fernández". olallafernandez.com (en inglés). Consultado o 2018-04-22.