Ramón Plá

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ramón Pla e Monge, nado en Ferrol o 19 de outubro de 1823, foi un empresaio galego do século XIX, nomeado marqués de Amboage.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

De familia acomodada, casou con Faustina Peñalver, coa que tivo dous fillos. Na súa xuventude marchou a Cuba, onde creou un negocio de ferretería, a Compañía de Gas da Habana e a súa homóloga en Matanzas. De volta en Ferrol obtivo o título de Marqués de Amboage (o 21 de xuño de 1884), a gran cruz de Isabel a Católica e a praza de conselleiro do Banco Hipotecario de España.

Fundación Marqués de Amboage[editar | editar a fonte]

Tra-la morte do seu primeiro fillo o 13 de xullo de 1891 nun accidente militar, decidiu en 1892 adicar un terzo da súa fortuna á fundación hoxe coñecida como Fundación Ramón Plá Marqués de Amboage. Esta tiña como fins "distribuír tódolos anos, entre cen pobres verdadeiramente necesitados, veciños ou que residan habitualmente na cidade de Ferrol, a suma de cinco mil pesetas en metálico" nun reparto que se facía o 31 de agosto, día de San Ramón, dando a cada pobre a esmola de 50 pesetas.

Ademais tamén pagaba a familias pobres as 1.500 pesetas que custaba a excedencia do servizo militar. Esta axuda evitou que moitos ferroláns loitasen na guerra de Cuba e que familias campesiñas tivesen que prescindir da axuda dos seus fillos durante os dous anos de servizo. Máis tarde prohibiuse a exención, pero seguíronse repartindo as 1.500 pesetas entre os mozos que reunían unha serie de requisitos, como ser traballadores e ter a folla de servizo limpa.

A fundación dispuña dun capital a partir de cuxas rendas se subvencionaba a súa actividade. Os fondos sobrantes deberían distribuírse, por partes iguais, entre os establecementos benéficos da cidade.

Recoñecemento[editar | editar a fonte]

O Concello de Ferrol, decidiu darlle o seu nome á praza de praza de Dores e adicarlle unha estatua. En 1895 fundouse a sociedade "Gratitude ó Marqués de Amboage", para celebrar tódolos anos unha misa e festas na súa honra, no día do seu santo. Dentro destes actos realízase unha procesión que sae da Concatedral de San Xiao ata a praza que recibe o seu nome para depositar unha coroa de flores e celebrar os famosos fogos de artificio.