Sociedade Galega de Historia Natural
A Sociedade Galega de Historia Natural (S.G.H.N.) é unha asociación científica, independente, non lucrativa, dedicada ao estudo, divulgación, conservación e defensa do medio natural. A S.G.H.N. é unha asociación legalmente recoñecida, e está inscrita no Rexistro Nacional de Asociacións, no Rexistro de Asociacións Culturais Galegas e no Rexistro de Asociacións Protectoras do Medio Ambiente da Xunta de Galicia.[1]
Índice |
Historia [editar]
A Sociedade Galega de Historia Natural ten a súa orixe no Grupo Ornitolóxico Galego (GOG) que, de acordo coa lei de asociacións de 24-12-1964, foi legalizado por resolución do Goberno Civil da Coruña, que ordenou a súa Inscrición o 31 de agosto de 1973. Aínda que o nome deste grupo poida suxerir un ámbito de actuación restrinxido á ornitoloxía, a realidade é que o GOG nacera xa cunha amplitude de miras adiantada ao seu tempo, como amosa con claridade o artigo cuarto do seu regulamento.[2]
As xestións que en 1976 comezara o GOG para converterse na actual Sociedade Galega de Historia Natural cristalizaron o 7 de xuño de 1977 coa inscrición da SGHN no Servicio de Asociaciones da Dirección General de Política Interior, do Ministerio de la Gobernación.
O GOG-SGHN é a máis veterana das organizacións de defensa ambiental galegas e unha das máis antigas de España. Cando os nosos políticos e gobernantes comezaron a decatarse da importancia do medio ambiente (creación do Ministerio e da Consellaría homónimas en 1996 e 1997, respectivamente) o GOG-SGHN levaba xa case un cuarto de século estudando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego.
Actividades [editar]
A SGHN desenvolve unha intensa actividade en temas medioambientais:
- Ten un representante no Consello Galego do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible desde a súa creación.
- Elaborou o Atlas de Vertebrados de Galicia, editado en 1995 polo Consello da Cultura Galega e está a actualizar para os Anfibios e Réptiles.
- Realiza, desde 1973, os Censos Invernais de Aves Acuáticas.
- Coordinou o Programa de Conservación do arao ibérico da Unión Europea.
- Organiza Xornadas e Congresos sobre temas medioambientais.
- Participa no Programa anual CoastWatch, avaliando o estado da beiramar.
- Publica revistas, monografías e boletíns de divulgación do medio ambiente.
- Organiza charlas e conferencias de educación ambiental.
- Persóarse nos trámites de información pública e de Avaliación de Impacto Ambiental dos proxectos, públicos ou privados, con incidencia medioambiental.
A SGHN ten a súa sede en Santiago de Compostela e as seguintes delegacións: As Mariñas (sede en Sada), Ferrol, Ourense e Pontevedra. E conta na actualidade coas seccións:
-
- Astronomía e contaminación lumínica (sede en Ferrol)
- Entomoloxía (sede en Vilagarcía de Arousa)
- Herpetoloxía (sede en Vilagarcía de Arousa)
- Mamíferos mariños (sede en Ferrol)
- Museo da Natureza [3]
- Ornitoloxía (sede en Santiago de Compostela)
Un dos obxectivos futuros da SGHN é a creación dun Museo de Historia Natural en Ferrol (Museo da Natureza), seguindo na súa consecución coa totalidade dos principios de dignidade e respecto á natureza que rexen os estatutos da SGHN, poñendo especial énfase no criterio seguido para a formación da mostra expositiva: "Que ningún animal sexa capturado ilegalmente, nin sacrificado ou danado e ningunha especie esquilmada para a súa mostra, mantendo sempre unhas normas éticas no seu contacto coa natureza, encamiñadas a non alterar o medio".
Notas [editar]
- ↑ SGHN [1]
- ↑ SGHN [2]
- ↑ O Museo da Natureza encóntrase na delegación da SGHN de Ferrol. Comezou a súa traxectoria cunhas pequenas coleccións de cranios de aves, de crustáceos e de insectos, froito de moitos anos de traballo de varias xeracións de naturalistas, conxunto que co tempo permitiu a formación dunha mostra expositiva. Os primeiros esqueletos de aves e mamíferos foron outra etapa máis ambiciosa. A partir do ano 1991 abriuse ao público a primeira exposición (sobre a cartografía galega) e, desde ese momento, comezouse a expoñer, de maneira habitual, os fondos que permanecían nos almacéns da SGHN.