Batalla de Brión

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O castelo de san Filipe

A batalla de Brión é o nome con que se coñece un encontro bélico acontecido os días 25 e 26 de agosto de 1800 entre tropas británicas e españolas, estas apoiadas por paisanos, nas inmediacións da cidade de Ferrol e a parroquia de Brión. A causa do lugar de desembarco británico, ás veces é denominada batalla de Doniños.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

A batalla inscríbese no contexto das guerras napoleónicas, con unha España da época, dirixida por Godoy, que estaba aliada á Francia revolucionaria, converténdose dese xeito os territorios do Imperio español en obxectivo militar para o estado maior británico.

Planos de ataque[editar | editar a fonte]

A respeito de Ferrol, a máis importante praza naval española da época, estaba considerada un dos máis importantes obxectivos en caso de guerra por parte doutras potencias, pois o seu control ou debilitamento entrañaría o enfeblecemento da forza naval hispana. A tal efecto existían planos de ataque sobre as súas defensas elaborados ao longo da segunda metade do século XVIII, dos que aquí interesa o elaborado en 1767-1768 polo maior Hugh Debbieg, que recomendaba un ataque indirecto, sen que se tentase penetrar pola ría de Ferrol, ao estimar que as defensas da boca da mesma, os castelos de San Felipe e da Palma, farían extremadamente custosa unha tentativa semellante.

O ataque sobre Ferrol en 1800 foi ordenado polo Secretario de Guerra británico, Henry Dundas.

Os feitos[editar | editar a fonte]

O 25 de agosto de 1800, presentábase ante as costas exteriores á ría de Ferrol, unha frota británica, formada de cerca de 100 navíos, dos cales 21 eran buques de guerra e o resto transportes, ao mando do contralmirante John Borlase Warren, e que se dirixía en principio cara o Mediterráneo oriental. Da frota desembarcou, nas praias de San Xurxo e Doniños un corpo expedicionario duns 15.000 homes, comandados polo tenente xeneral James Pultney, que se dirixiron polos montes cara o castelo de San Filipe, na beira setentrional da entrada da ría ferrolana, con o claro obxectivo de tomalo pola retagarda e así facilitar o paso da súa frota. As tropas británicas destruíron as débiles fortificacións sitas en San Xurxo e Doniños.

Dada inmediata alarma desde as vixías de Monte Ventoso, tropas regulares acuarteladas en Ferrol (uns 2.000 homes), moi logo reforzados por voluntarios, emprenderon marcha desde a cidade. Ao seu mando ía o capitán de navío Topete. As forzas españolas atopáronse con as británicas á tarde en Balón e arredores, librándose os primeiros combates.

Na mañá do día 26, a expedición tentou o asalto do castelo, que a gornición do mesmo resistíu con brillantez. Logo de varios embates sucesivos, a imposibilidade de éxito, levou ao xeneral británico a ordenar a retirada, que se efectuou polos montes das freguesías de Brión e Doniños, sendo afustigados por tropas de liña españolas e máis polos paisanos armados provenientes de Ferrol e das distintas parroquias inmediatas e, inclusive desde Betanzos e A Coruña. Porén os británicos conseguiron reembarcar nos seus navíos.

No ano seguinte o ataque a Doniños foi examinado na Gran Bretaña en sesión parlamentaria que tivo lugar no 19 de febreiro de 1801.

Outros datos[editar | editar a fonte]

Estes feitos do verán de 1800, inspiraron parte da novela Los invasores, de Francisco Suárez García.

A batalla, por iniciativa do Club de Montaña de Ferrol, é conmemorada anualmente, desde 1990, cunha recreación con traxes de época nos montes de Brión, á que adoita seguir un banquete-romaría.

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Montero Aróstegui, José, Historia y descripción de la ciudad y departamento naval del Ferrol. Ferrol. Embora. 2003 (reedic.), orixinal de 1853.
  • Suárez García, Francisco, Los invasores: 1800-1809. Ferrol. Concellalía de Cultura. 1996 (reedic.), novela.
  • Escrigas, Guillermo, Ferrol heroico: la defensa de El Ferrol en 1800. A Coruña. Imprenta Moret. 1969.
  • González-Llanos Galvache, Santiago, El ataque inglés a Ferrol en agosto de 1800. Ferrol. Embora. 2000.
  • Ramos Ardá, Rodrigo, El desembarco de Doniños en la documentación británica. Ferrol. Embora. 2002.