Saltar ao contido

Xerardo Estévez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Modelo:Político Xerardo Denis Felipe Estévez Fernández, nado o 25 de maio de 1948 en Santiago de Compostela, é un arquitecto e político galego.

Traxectoria

Estudou na Escola Técnica Superior de Arquitectura de Barcelona, especializándose en urbanismo. Establecido en 1972 en Compostela, exerceu como arquitecto e urbanista formando con outros profesionais o equipo Oikos, e realizou traballos de investigación sobre arquitectura, planeamento e patrimonio.

Como alcalde de Santiago de Compostela nos períodos 1983-1986 e 1987-1998, aplicou a súa formación a fomentar a conservación e a transformación da cidade a través do planeamento, a arquitectura e a cultura[1]. Promoveu a inclusión da cidade e do Camiño de Santiago na lista do Patrimonio Mundial, e a elección como unha das Cidades Europeas da Cultura no ano 2000.

Durante o seu mandato Compostela recibiu numerosos galardóns, entre os que destaca o Premio Europeo de Urbanismo 1998 polo Plan Especial da Cidade Histórica. Impulsou o Real Padroado de Santiago de Compostela e a creación do Consorcio de Santiago, órgano no que as administracións local, autonómica e estatal cooperan nas políticas urbanas e na conservación do conxunto histórico.

Foi deputado polo PSdeG-PSOE no Parlamento de Galicia entre os anos 1981 e 1983, e membro do Congreso dos Deputados de España entre 1993 e 1995.

En 1999 reincorporouse á práctica da arquitectura, que compaxinou coa actividade como conferenciante e escritor, profesor de cursos de urbanismo e patrimonio, e co asesoramento a administracións e institucións. Colabora habitualmente nas páxinas de opinión de La Voz de Galicia.

Entre outras distincións, está en posesión do título de Fillo Predilecto e Medalla de Ouro de Santiago de Compostela, Medalla Castelao da Xunta de Galicia e medalla do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España.

Obra

  • Compostela, vanguardia y sosiego (2000; con Xurxo Lobato e Manuel Rivas)
  • Santiago de Compostela. Planeamiento y gestión. En J. Maderuelo (Ed.) Arte público: Naturaleza y Ciudad (2000)
  • Santiago de Compostela, Spain. En R. Pickard (Ed.) Management of Historic Centres (2001)
  • Educación e urbanismo. A cidade como proxecto cívico. En M. A. Santos Rego e M. M. Lorenzo Moledo (Eds.) A construcción educativa da cidade. Unha perspectiva transversal (2001)
  • Opinión y práctica en la ciudad histórica. Quintana, revista de estudios de Historia da Arte, 3, 2004.
  • Paisajes urbanos con-texto y sin-texto. En J. Nogué (Ed.) La construcción social del paisaje (2007)
  • Paisajes y Palabras. Santiago de Compostela, 2012.
  • Galícia. Del paisatge rururbà al megaterritori antropitzat. En Franges. Els paisatges de la perifèria (2012)
  • Compostela, ayer y hoy. En Arqueología de la memoria reciente. Construcción de la ciudad y el territorio en España 1986-2012 (2013)
  • Ciudad histórica: lugar de culto vs. espacio político. Encuentro Internacional de Arquitectura Contemporánea en Ciudades Históricas (Sevilla, 2013)
  • Bonaval, de onte a hoxe. Da arquitectura á cidade (2019; con C. García Braña, M. X. Fernández Cerviño e A. Alonso Lorenzo)
  • A Catedral da Arquitectura (Ed.; con M. X. Fernández Cerviño e A. Martín Prieto) 2022.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Castro, X. e Villalaín D. (1993) Entrevista con Xerardo Estévez. Grial, 119, pp. 325-340.
  • Álvarez Pousa, L. (1998) Xerardo Estévez, paixón de arquitecto. Tempos Novos, 14, pp. 34-40.
  • Hernández Soriano, R. (2016) Santiago de Compostela, historia y progreso. El xacobeo como instrumento de transformación urbana. En La Cultura y la Ciudad. Granada: Universidad de Granada, pp. 1.005-1.012.

Outros artigos


Predecesor:
Marcial Castro Guerra
 
alcalde de Santiago
 
1983-1986
Sucesor:
Ernesto Viéitez Cortizo
Predecesor:
Ernesto Viéitez Cortizo
 
alcalde de Santiago
 
1987-1998
Sucesor:
Xosé Sánchez Bugallo
  1. "La España fea, por cutre |Juli Capella (AxA)". arqxarq (en catalán). 2022-05-05. Consultado o 2022-05-07.