O PSOE en Galicia adoptou o nome de Partido Socialista de Galicia no Congreso Extraordinario de novembro de 1977 e por diversos contenciosos co Partido Socialista Galego modificou o seu nome en 1980 para adoptar o actual.
Tiña 25.423 militantes no ano 2000, tras unha depuración interna da listaxe de militancia no ano 2002 quedou reducida a 10.500. Segundo datos publicados o 6 de marzo de 2006 ten 27.551 afiliados, deles 19.307 activos.
Nas eleccións do 2005, o PSdeG-PSOE acadou 25 parlamentarios. A través dun pacto cos nacionalistas galegos do BNG, conseguiu a presidencia da Xunta de Galicia: Emilio Pérez Touriño, daquela secretario xeral dos socialistas foi o presidente dun goberno de coalición. Tras catro anos de presidencia, nas eleccións de marzo de 2009 o PSdeG-PSOE perdeu a posibilidade de reeditar goberno ao obter o Partido Popular de Galicia a maioría absoluta, perdendo un escano pola provincia da Coruña (o partido obtivo 524 488 votos, o 31,54%).[1]
Tras esta derrota, o secretario xeral, Emilio Pérez Touriño, presentou a súa dimisión. O 4 de marzo de 2009 constituíuse unha xestora presidida por Ricardo Varela Sánchez, Vicesecretario Xeral ata ese momento, que debía levar o partido ata o congreso extraordinario previsto para o 25 de abril dese ano.[2] O secretario xeral do partido en Ourense, Pachi Vázquez, perfilouse como o candidato con máis posibilidades para acceder á Secretaría Xeral no Congreso Extraordinario. Finalmente, o 25 de abril de 2009 Pachi Vázquez resultou elixido Secretario Xeral co 90% dos votos.
Nas eleccións ao Parlamento de Galicia de 2020, o candidato socialista á Xunta, Gonzalo Caballero, conseguiu os daquela peores resultados da historia do partido.[6] O candidato socialista aferrouse á subida dun punto e medio na porcentaxe de voto (pasou do 17,8% conseguido nas eleccións autonómicas de 2016 a un 19,37%) para defender que fixo "o mellor que podía facer". Aínda así, recoñeceu que os resultados foron "insatisfactorios" e achacouno ao impacto da crise sanitaria da Covid-19.[7] As enquisas de opinión situaron a Gonzalo Caballero como o líder peor valorado pola mocidade galega (4,1%) fronte á líder do BNGAna Pontón (63,3%).[8]
Catro anos máis tarde celebráronse as eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024. Nelas o alcalde das Pontes de García Rodríguez e secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín Formoso, decidiu non presentarse. Isto provocou un proceso de primarias entre: José Ramón Gómez Besteiro, que foi secretario xeral entre 2013 e 2016; Gonzalo Caballero, que foi secretario xeral entre 2017 e 2021; e un militante coruñés, Manuel Losada. Durante este proceso Gonzalo Caballero retirou a súa candidatura, Manuel Losada só presentou 18 avais e José Ramón Gómez Besteiro presentou cinco veces máis dos necesarios, sendo proclamado candidato. O PSdeG-PSOE empezou subindo nas enquisas, posicionándose entre 13 e 15 deputados, mentres que as sondaxes a pé de urna se situaban entre 9 e 10. Finalmente, o PSdeG-PSOE obtivo 9 deputados, sendo o seu peor resultado histórico. José Ramón Gómez Besteiro volveu novamente ser nomeado secretario xeral.