Víctor Said Armesto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Víctor Said Armesto
Víctor Said Armesto.jpg
Nacemento13 de agosto de 1871
 Pontevedra
Falecemento17 de xullo de 1914
 Madrid
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónescritor e autor
CónxuxeAmadora Santoro
Fillos7
EstudosDereito e Filosofía
Na rede
Galiciana: 31302 Dialnet: 2110377
editar datos en Wikidata ]

Víctor Said Armesto, nado en Pontevedra o 13 de agosto de 1871 e finado en Madrid o 17 de xullo de 1914[1], foi un escritor e o primeiro catedrático de Lingua e Literatura galaico-portuguesa.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Era fillo do pedagogo krausista Federico Saiz Sánchez, catedrático no Instituto de Pontevedra, e de Amalia Armesto Aldao. Criouse cos seus avós maternos, Constantino Armesto (tío de Indalecio Armesto) e Carmen Aldao Sarmiento,[2] na casa familiar da praza da Ferrería. Porén, tamén pasou tempo no pazo do Casal en Bueu. De neno fundou con Xerardo Álvarez Limeses a sociedade literaria "Los Amigos del Progreso", e con 15 anos dirixiu a publicación La Guindilla. Colaborou noutras publicacións locais facendo crónica social e crítica literaria. Formouse na biblioteca de Jesús Muruais, e o seu tío Indalecio influiría na súa ideoloxía republicana. En 1891 formou parte do Centro Republicano de Pontevedra. En 1892 impartiu conferencias no Recreo de Artesanos de Pontevedra e na inauguración do Centro Republicano de Compostela.

Comezou estudos de Dereito e Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela. Alí foi membro da tuna, coa que viaxou a París. En 1896 participou na festa de homenaxe ao Batallón Literario. Continuou a carreira de Filosofía e Letras en Madrid, da que se licenciou en 1898. Alí pertenceu á loxa masónica Comuneros de Castilla, da que tamén era membro a súa nai. Na capital española asistiu a numerosas representacións teatrais e conferencias.

Pertenceu ao coro que fundou o folclorista Casto Sampedro Folgar, con quen preparou o Cancionero Musical de Galicia en 1910 para o concurso convocado pola Academia de Belas Artes. En 1905 ambos foran comisionados por Pontevedra para a creación da Real Academia Galega, malia non poder ser elixido membro numerario ao exercer como docente lonxe de Galicia. En 1907 entrou en Solidaridad Gallega. Colaborou en prensa local, estatal e americana, como El Heraldo, El País, La Nación, Blanco y Negro, La Justicia, La Ilustración Española y Americana ou Galicia Literaria.

Malia aprobar oposicións para a cátedra de Figueres, mudou pola de Reus, e posteriormente trasladouse a León. En 1911 regresou como docente ó instituto de Pontevedra. Doutorouse ese mesmo ano coa tese Notas para el estudio de la materia de Bretaña en la poesía lírica gallega de los siglos XIII y XIV. En 1914 aprobou a oposición á cátedra de Lingua e Literatura Galegas, creada na Universidade Central de Madrid. Porén, faleceu pouco despois, polo que non puido tomar posesión.

Recolleu numerosos romances populares e traballou no mito de Don Juan Tenorio, no Mio Cid, na Materia de Bretaña da literatura galega medieval, e na obra de Tirso de Molina.

A súa biblioteca, en parte herdada do seu tío avó Indalecio, consérvase no Museo Provincial de Pontevedra.[3] Unha rúa leva o seu nome en Pontevedra, entre o barrio de San Roque e As Corvaceiras, na Moureira.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

En 1902 casou con Amadora Santoro (de Cuñas, Cenlle, e residente en Ribadavia), coa que tivo sete fillos: Soledad, Carmen, Jorge, Benigna (finada en 1909), María Eugenia, Rosario e Margarita Said Santoro.

Obra[editar | editar a fonte]

O grupo Aires da Terra. Sentado á esquerda, Víctor Said Armesto.
F. Tettamancy Gastón (1917): Víctor Said Armesto.

Creación[editar | editar a fonte]

  • Estrofas (1884)
  • Amor y celos (1887)
  • Retoños al minuto (entremés, 1891)
  • La flor del agua, zarzuela musicada por Conrado del Campo

Ensaio[editar | editar a fonte]

  • Análisis y ensayos (1897); inclúe:
    • Un libro modernista; ensaio sobre o libro de Valle-Inclán Féminas
  • La leyenda de Don Juan (1908)
  • Las Mocedades del Cid
  • Poesía popular gallega
  • Colección de romances en lengua gallega
  • Notas para un diccionario etimológico gallego
  • Cancionero musical de Galicia (1910, con Casto Sampedro Folgar; premio da Academia de Belas Artes en 1911); Inclúe 88 romances, descrición de bailes e instrumentos, e 473 melodías
  • Orígenes poéticos de El Burlador de Sevilla
  • El Convidado de piedra
  • Tristán y la literatura mística

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Couceiro Freijomil, A. (1951-54). Diccionario bio-bibliográfico de escritores (en castelán) III. Bibliófilos Gallegos. p. 273. 
  2. Díaz Plaja, F. (1993). Vida y obra de Víctor Said Armesto. Fundación Barrié de la Maza. ISBN 84-87819-64-8. 
  3. Lavaud-Fage, E. (1972). "Esbozo de la figura de Víctor Said Armesto a través de su biblioteca". El Museo de Pontevedra (26): 40–45. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]