Asia
Tipo | continente área continental e illas circundantes rexión xeográfica | ||||
---|---|---|---|---|---|
Epónimo | Asia | ||||
Parte de | Terra Ostfeste Eurafrasia Eurasia Afro-Asia (en) | ||||
Situado na entidade xeográfica | Hemisferio oriental | ||||
Localización | |||||
| |||||
Comparte fronteira con | Europa, oeste África | ||||
Composto por | |||||
Características | |||||
Punto máis baixo | Mar Morto (−437 m ) | ||||
Punto máis alto | Everest (8.848,86 m ) | ||||
Superficie | 44.614.500 km² | ||||
Asia ( pronunciación (axuda · info)) é o maior e máis poboado dos cinco continentes do planeta Terra localizado principalmente nos hemisferios norte e oriental. Abrangue un terzo das partes sólidas da superficie da Terra e é responsábel por albergar case tres quintos da poboación mundial. Limita ó norte a (Rusia) co océano Glaciar Ártico, ó leste co océano Pacífico e ó sur co océano Índico, ó oeste co mar Vermello, onde se xunta coa África pola canle de Suez. Tamén ó oeste limita co mar Exeo (Asia Menor), cordilleira do Cáucaso, mar Caspio, río Ural e os montes Urais. Ademais do territorio continental, tamén ten territorios insulares: as Kuriles, Sakhalin, as illas xaponesas, a illa de Formosa (Taiwán), as Filipinas, as Illas de Sonda, Sri Lanka e milleiros de illas menores. Cobre o 8,6% da superficie da Terra, o 29,4% sen contar os mares e nel habita máis do 60% da poboación mundial, uns 4.000 millóns de persoas.
Na división convencional de continentes, de orixe europea, Asia e Europa aparecen como dúas entidades diferentes por razóns culturais e históricas, mais en termos xeográficos, forman realmente un único continente, Eurasia. Tamén África está unida a Eurasia polo istmo de Suez polo que tamén se pode considerar Europa, Asia e África como un único supercontinente, Eurafrasia.
Dado o seu tamaño e diversidade, o concepto de Asia - un nome que remonta á antigüidade clásica - na realidade pode ter máis que ver coa xeografía humana que coa xeografía física.[1] Asia varía considerablemente entre e dentro das súas rexións con respecto aos grupos étnicos, as culturas, os ambientes, a economía, os lazos históricos e os sistemas de goberno.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]A palabra Asia provén do grego; Ἀσία, atribuída por primeira vez a Heródoto (cara ao 440 a.C.) e facía referencia á rexión de Anatolia, co propósito de describir as guerras persas, no imperio Persa, en contraste con Grecia e Exipto. Heródoto comenta que está desconcertado polo feito de que tres nomes de muller se utilicen para describir unha masa enorme e substancial da terra (Europa, Asia, e Libia, referida a África), indicando que a maioría dos gregos asumiron que Asia foi chamada en referencia á esposa de Prometeo pero que os lidios dicían que foi chamada en referencia a Asia, fillo de Cotys e que pasou á tribo de Sardes.
Ata antes de Heródoto, Homero fala dun aliado de Troia chamado Asios e tamén describe unha marisma como ασιος (Ilíada 2, 461 ). Na lingua grega o termo pode derivar de Assuwa, unha confederación de estados da Anatolia occidental do século XIV a.C. que forón derrotado polos Hititas.
Alternativamente, a etimoloxía do termo pode provir da palabra da lingua acadia (w)aṣû(m) que significa ascender, referida á dirección da saída do sol polo Oriente Medio, conectada tamén coa palabra fenicia asa, que significa leste.
Definición e límites xeográficos
[editar | editar a fonte]Xeografía física
[editar | editar a fonte]O concepto europeo de tres continentes no vello mundo remóntase á antigüidade clásica, pero durante a idade media foi especialmente defendido debido aos estudos do erudito do século VII Isidoro de Sevilla (véxase Mapa de T en O). A delimitación entre Asia e África (no sueste) forma o istmo de Suez e o mar Vermello. Os límites entre Asia e Europa, convencionalmente, considérase que discorren entre os Dardanelos, o mar de Mármara, o Bósforo, o mar Negro, o Cáucaso, o mar Caspio, o río Ural e os montes Urais ata o mar de Kara (Rusia).[2]
No Afastado Oriente de Asia, Siberia está separada de Norteamérica polo estreito de Bering. Asia está rodeada no sur polo océano Índico (especificamente, de oeste a leste, o golfo de Adén, o mar Arábigo e a baía de Bengala), ao leste polas augas do océano Pacífico (incluíndo, en contra dos punteiros do reloxo, o mar da China, o mar da China Oriental, o mar Amarelo, o mar do Xapón, o mar de Okhotsk e o mar de Bering) e polo norte polo océano Ártico. Australia (ou Oceanía) permanece no sueste.
Algúns xeógrafos non consideran que Asia e Europa sexan continentes separados, xa que non existe unha separación física lóxica entre ambas.[1] Por exemplo, Barry Cunliffe, o profesor emérito de arqueoloxía europea de Oxford, sostén que Europa foi xeograficamente e culturalmente a "excrecencia occidental do continente asiático".[3] Xeograficamente, Asia é a maior parte oriental do continente denominado Eurasia con Europa constituíndo unha península noroccidental da masa continental denominada Eurafrasia: xeoloxicamente, Asia, Europa e África constitúen un territorio único e continuo (agás a artificial canle de Suez) e comparten unha plataforma continental común. A maior parte de Europa e Asia aséntanse na placa tectónica euroasiática, que bordea á placa arábiga e a placa indica polo sur; a parte máis nororiental de Siberia (ao leste dos Montes Cherski) forma parte da placa norteamericana.
En xeografía, existen dúas escolas de pensamento principais. Unha escola obedece ás convencións históricas e trata Europa e Asia como continentes diferentes, categorizando subrexións dentro delas para unha análise máis detallada. A outra escola compara a palabra "continente" cunha rexión xeográfica cando se refire a Europa, e utiliza o termo "rexión" para describir a Asia en termos da fisiografía. Dado que, en termos lingüísticos, "continente" implica unha masa distinta, cada vez é máis común substituír o termo "rexión" polo de "continente" para evitar o problema da desambigüación.
Dado o alcance e diversidade da masa de terra, ás veces non está sequera claro en que consiste "Asia" exactamente. Algunhas definicións exclúen Turquía, Oriente Medio, Asia Central e Rusia, e só consideran que compoñen Asia o Afastado Oriente, o Sueste asiático e o subcontinente indio,[4][5] especialmente en Estados Unidos logo da segunda guerra mundial.[6] O termo ás veces redúcese de forma máis estreita para referirse á rexión Asia-Pacífico, que non inclúe Oriente Medio, o Sueste Asiático nin Rusia,[7] pero si inclúe as illas do océano Pacífico e pode incluír partes de Australasia ou Oceanía, malia que os insulares do Pacífico non son considerados asiáticos.[8]
Relevo
[editar | editar a fonte]O relevo de Asia está esencialmente constituído por unha dilatada meseta, en cuxos bordos érguense potentes cordilleiras e a cuxo pé setentrional esténdense as chairas que alcanzan o océano Ártico, en canto que na vertente sur dispóñense, como en Europa, tres dilatadas penínsulas. No núcleo central de todo o sistema orográfico é a meseta de Pamir ou teito do mundo (3.600 m de altura media), da que nas direccións oeste, nordeste e sueste arrincan amplas cordilleiras. Ao sueste do Pamir esténdese outra meseta excelsa, que é o Tíbet, de maior extensión e altura (5.000 m) que o propio Pamir. Cadeas do suroeste do Pamir e do Tíbet: do leste da meseta nace a cadea dos Kuen-Lun que, cos Tian Shan, encerra a depresión de Tarim; máis ao sur, as formacións de Hedin (7.000 m) e do Karakorum (8.611); nos bordos do suroeste e sur do Tíbet levántanse as alturas máis importantes e excelsas da Terra: Himalaia (Everest 8.848; Kanchenjunga, 8.585). A zona montañosa central é, pois, un extenso país de mesetas de grande altura en cuxos bordos elévase a impoñente crista montañosa. Deste xeito as mesetas quedan confinadas, a xeito de depresións, no cerco das súas montañas limitantes, polo que son desérticas ou subdesérticas (Faixa de desertos: Arabia, Persia, Turquestán, deserto de Gobi).
Clima
[editar | editar a fonte]A grande extensión territorial e, polo tanto, as diferenzas de latitude, a presenza alterna de áreas baixas e altas, a grande influencia das masas de aire e xa que logo a continentalidade e a maritimidade traen ao continente gran variedade de tipos de clima e, en consecuencia, de formacións vexetais.[9]
Nas terras situadas no extremo norte predomina o clima polar, que se vai facendo máis ameno en dirección ao sur. O centro do continente, por situarse distante de influencias marítimas, en parte, debido á altitude do terreo, que bloquea o paso dos ventos oceánicos, é dominado polo clima temperado continental, que alterna veráns de elevadas temperaturas con invernos moi fríos. Por outra banda o clima oceánico sofre variacións en función da altitude do relevo, da latitude e da interioridade, ocupando grandes extensións do continente asiático.[9]
Máis ao sur, á retagarda das grandes cordilleiras, que impiden o paso dos ventos húmidos de océano, atópanse as vastas extensións dominadas por clima semiárido e clima árido, formando unha extensa franxa de desertos. Asia alberga a maioría dos desertos existentes na Terra: o deserto de Arabia (Arabia Saudita), o de Siria, o de Thal (Paquistán), o de Thar (ou gran deserto indio), o de Lut (ou deserto do Irán), o de Gobi (Mongolia), o de Taklamakan (China), o de Karakum (Turkmenistán), o de Kerman (Irán), o de Xudea (Israel), o de Negev (Israel).[9]
No litoral da Asia Occidental xorde unha franxa estreita de clima de tipo mediterráneo, mentres que nos arquipélagos do sur do continente, nas proximidades do Ecuador, aparecen climas de tipo quente: ecuatorial e tropical.[9]
Entre todos estes tipos de clima, os que máis directamente inflúen nas condicións de vida locais, sobre todo orientando as actividades agrícolas, son o tropical e os monzóns. Abranguendo as rexións máis poboadas do continente, esténdense polas chairas costeiras da India e do sueste e leste da China, con violentas choivas durante o verán. Caracterízase pola actividade dos ventos, coñecidos como monzóns, que sopran do Índico e o Pacífico cara ao continente durante o verán, e do interior de Asia para estes océanos durante o inverno.[10]
A aparición de monzóns é debida ao feito de que as terras continentais quecen e arrefrían máis axiña que as augas oceánicas. Durante o verán, o interior de Asia, ao quecer, forma unha área de baixa presión, que contrasta coas altas presións dos océanos, provocando o desprazamento de ventos húmidos do mar para a terra. Estes ventos son os monzóns do verán. No inverno, ocorre o contrario: os océanos están máis quentes do que o continente, formando áreas de baixa presión e atraendo os ventos continentais. Son os monzóns do inverno.[10]
As rexións montañosas, independentemente da súa localización xeográfica, presentan temperaturas moi baixas, por motivo da altitude .[9]
Hidrografía
[editar | editar a fonte]Tanto as choivas abundantes da rexión influenciada polos climas ecuatorial e tropical como a gran cantidade de neve fundida das altas montañas favorecen a existencia de grandes ríos, que corren en case todas as direccións do continente asiático. Podemos destacar:[11]
- Pola vertente setentrional corren cara ao océano Glacial Ártico, entre outros, os ríos Obi (4 100 km) Ienisei (4 750 km) e Lena (4 270 km). É moi interesante o réxime peculiar destes ríos siberianos: como as súas fontes están a milleiros de quilómetros. Máis ao sur que a súa desembocadura, ao sobrevir afluxos de auga no curso alto, aínda permanece xeado o tramo inferior, o que é causa de grandes inundacións.
- No Pacífico desemboca o Amur (no golfo de Okhotsk); o Sikiang e o Song-ka, que desaugan por Cantón e Hanoi, proceden dos Kuen-lun e verten as súas augas no golfo de Pechili e no mar da China, respectivamente. Na meseta do Tíbet ten a súa orixe o Mekong (4 200 km), que rega Indochina e desemboca no extremo sur da Península, formando un amplo delta.
- Da vertente meridional do Himalaia descenden ata o golfo de Bengala e o mar Arábigo, dependencias do océano Índico, o Ganxes e o Indo: ambos dunha lonxitude aproximada duns 3 000 km. Que constrúen amplos deltas.
- En Asia occidental, os ríos máis notables son o Éufrates (2 7000 km) e o Tigris (2 000 km) que teñen o seu arranque na meseta de Armenia, e fundidos nun só río ao final do seu curso, desaugan no golfo Pérsico, ao que aos poucos van colmando cos seus aluvións.
- Nas estepas centrais son numerosas as concas interiores, pechadas, que desembocan en lagos. Así por exemplo ocorre cos ríos Sir Daria e Amu Daria, que verten no mar de Aral, que, malia o seu nome, é un lago. Posúe Asia moitos lagos de augas salobres nas zonas esteparias, cuxo réxime depende da cantidade de precipitacións. Os máis importantes son: o Caspio, o Aral, xa citado, o Balkhash e o lago Baikal. o máis fondo do mundo.
Vexetación
[editar | editar a fonte]Como as formacións vexetais dependen do tipo de solo e principalmente do clima, Asia presenta moitas variedades vexetais, aínda que parcialmente destruídas ou alteradas pola milenaria ocupación humana.[12]
No extremo norte do continente, xunto ao polo, non hai condicións para a existencia de vexetación, no entanto máis ao sur, na chaira siberiana, comezan a xurdir formacións en forma de tundra. Cara ao sur, á medida que o clima polar se fai menos intenso e o frío dura un número menor de meses, aparece a vasta rexión da taiga, case integramente pertencente á Rusia.[12]
Aínda que o que máis destaca son as estepas, que ocupan grandes extensións da Asia Central, aparecendo en áreas de clima temperado continental.[12]
Os arquipélagos situados na Asia Meridional móstranse cuberto por bosques ecuatoriais e tropicais, non moi diferentes dos da Amazonia brasileira. Estas formacións tamén se poden observar no centro-sur, onde tamén se comproba a presenza de sabanas onde a vexetación herbácea é dominante, mostrando arbustos e árbores en pequenas asociacións densas, como a xungla na Índia.[12]
Atópanse bosques temperados en considerables extensións no Extremo Oriente así como vexetación xerófita en zonas desérticas ou semiáridas do continente.[12]
Xeografía política
[editar | editar a fonte]As circunstancias históricas e humanas marcaron a verdadeira división entre a Asia Occidental desde a India cara ao oeste e a Asia Oriental coñecida como o Afastado Oriente, desde a India cara ao leste.
Rexións xeográficas
[editar | editar a fonte]Tendo en conta que unha rexión xeográfica é unha área máis ou menos definida, caracterizada por determinados aspectos físicos e humanos, sería posible atopar decenas delas no continente e mesmo algunhas nun mesmo país. Por ese motivo, e para facilitar o estudo e a comprensión das características e dos problemas políticos e sociais dun continente tan amplo, imos simplificar a súa división estudando a través de seis grandes rexións xeográficas. Son elas: o Oriente Medio, o subcontinente indio, o sueste asiático, o centro-leste, o Extremo Oriente e a parte asiática da Comunidade de Estados Independentes .[13]
Oriente Medio
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Oriente Medio.
Oriente Medio é a área, que se estende desde Turquía ata Afganistán, presenta como característica física dominante o predominio do clima seco, o que dá como resultado a existencia de desertos. Como característica da poboación, destaca a ocupación por persoas de raza branca e unha das densidades demográficas máis baixas do continente.[12]
Esta rexión reúne a 16 países independentes, moi importantes polas notables reservas de petróleo que algúns posúen e pola súa posición estratéxica, xa que esta rexión é o elo de conexión entre Europa, Asia e África. É unha área constantemente axitada por conflitos de orixes diversas: o antagonismo histórico entre eses países; a gran mestura de seitas e relixións (islamismo, cristianismo, xudaísmo); os sistemas político - económicos vixentes, levaos ao aliñamento cos Estados Unidos ou con Rusia.[12]
A pesar de todas esas diferenzas, hai moitas semellanzas, principalmente a nivel económico: os países son todos subdesenvolvidos (exceptuando Israel, Qatar e os Emiratos Árabes Unidos ) e neles a actividade industrial de transformación é moi escasa, predominando pequenas industrias téxtiles e alimentarias. A agricultura é practicada nas poucas rexións onde non se producen desertos. Os principais produtos agrícolas son trigo, cebada, millo, arroz e cítricos, cultivados sobre todo en Turquía, Siria, Líbano, Israel e Iraq. A gandería restrínxese ao pastoreo nómade de camelos, cabras e ovellas.[12]
O gran factor económico do Oriente Medio, a nivel internacional, é a explotación do petróleo, que e o responsable da entrada de beneficios fabulosos nos países produtores. Aínda así os beneficios do petróleo pouco contribuíron para paliar o alto grao de subdesenvolvemento da maior parte dos países desta área, acentuando, pola contra, a enorme disparidade na distribución da renda.[14]
En 1960, Arabia Saudita, Iraq, Irán, Kuwait e Venezuela crearon a Organización de Países Exportadores de Petróleo (OPEP), á cal se afiliaran ao longo das décadas de 1960 e 1970: Qatar e Abu Zabi (un dos Emiratos Árabes Unidos), Indonesia (país de Insulindia), Ecuador, Libia, Alxeria, Nixeria e Gabón. Liderada polos países árabes, a OPEP ten como obxectivo controlar o prezo do petróleo. En 1973, esta organización multiplicou o prezo do barril de petróleo, provocando unha serie de desaxustes económicos nos países importadores, feito que dou na coñecida como primeira crise do petróleo. En virtude diso, varios deses países importadores pasaron a explotar xacementos ata entón considerados non rendibles e desenvolveron fontes alternativas de enerxía polo que a OPEP viuse obrigada máis tarde a reducir o prezo do barril de petróleo, cuxo consumo se contraera.[14]
A maior parte do Oriente Medio está ocupado polos países árabes. Situados na Península Arábiga e nos seus arredores, son nacións fundamentalmente agropastorais, é o caso do Iemen, mentres que en Arabia Saudita, Kuwait, Emiratos Árabes Unidos, Iraq Omán, Qatar e Bahrain son as grandes riquezas nacionais as que impoñen paisaxes de torres e oleodutos petroliferos onde durante séculos só había un deserto sen beneficio económico.[14]
No entanto no Líbano e Siria a agricultura e a industria están máis desenvolvidos que no resto, aínda que o Líbano, asolado por conflitos interminables, sobrevive con moita dificultade. Xordania difire de todos pola súa actividade mineira caracterizada pola explotación do fosfato e mármore.[14]
Historia de Asia
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Historia de Asia.
A gran dimensión do continente asiático fai que a súa historia non se poida ver desde un punto de vista global, senón que cada unha das súas rexións (Extremo Oriente, Asia Meridional, Asia Sur-oriental, Oriente Medio e Asia Central) teña unha historia propia, non necesariamente ligada á do resto de rexións.
Asia foi un dos continentes onde se desenvolveron as primeiras civilizacións nos vales dos principais ríos do continente, a de Mesopotamia, a do río Indo, e a do val do Río Amarelo (Huang He). De entre as civilizacións máis destacadas podemos mencionar Sumeria, Acad, Asiria, Babilonia, Fenicia (un dos primeiros grandes pobos mariñeiros que estableceron colonias en todo o mar Mediterráneo, entre elas Cartago), todas elas no Oriente Próximo e Medio, ou a civilización chinesa no Afastado Oriente. Estas civilizacións compartiron moitas similitudes. É posible que intercambiasen tecnoloxía e ideas. A escritura, en cambio, parece que se desenvolveu de forma individual a cada unha das rexións. A zona de Asia Central foi habitada desde tempo afastado por tribos nómades que montaban dacabalo, que realizaban incursións periódicas tanto na China, como en Europa ou Asia Meridional.
Ciro o Grande conformou o Imperio Persa no século VI a.C. que se estendía desde o Indo ata a fronteira grega. O macedonio Alexandre o Grande conquistou todo este vasto imperio no século IV a.C., pero coa súa morte, o imperio desmembrouse. A maior parte foi ocupada sucesivamente polo Imperio Seléucida, o imperio do Partos e a Imperio Sasánida. O Imperio Romano controlou a parte de Asia Occidental, chegando a Mesopotamia. Moitas destas culturas foron influenciadas pola ruta da Seda, que conectou China, India, o Oriente Medio e Europa. As relixións budista e hinduísta alcanzaron grande influencia en Asia do sur, do leste e do sueste .
Na Idade Media o Islam, procedente de Arabia, invadiu gran parte do continente, desde o Oriente Medio e Próximo, pasando polo Cáucaso ata Asia Central. Creouse a Dinastía Omeia con sede en Damasco, máis tarde substituída pola Abbásida con sede en Bagdad. Tribos turcas procedentes de Asia Central, que adoptaron a Islamismo, chegaron á zona no século X e crearon o Imperio Selxúcidas. No século XIII creouse o Imperio Mongol que se estendeu desde a China ata Europa, un dos maiores imperios da historia.
Na Idade Moderna unha nova tribo turca formou o Imperio Otomán que existiu desde o século XVI ata o século XX. O Imperio Ruso empezou a expandirse desde o século XVII. Tamén neste século, os manchús invadiron a China e derribaron a dinastía Ming, establecendo a dinastía Qing, que gobernou China ata a súa abolición en 1911, logo da Revolución Xinhai. Os Europeos tomaron o control en numerosas zonas do continente, os portugueses en Macau e Goa, os españois en Filipinas, e arredor dos séculos XIX e XX, os británicos na India, os neerlandeses en Indonesia e os franceses en Indochina. Ingleses e rusos mantiveron unha forte loita polas rexións de Asia Central no século XIX. Varias zonas mantivéronse fóra do control dos europeos durante estes anos, aínda que non fóra da súa influencia, como Persia, Tailandia e unha gran parte da China. No século XX o Imperio Xaponés invadiu China, Corea e o sueste asiático, durante a segunda guerra mundial. Logo da guerra, a maioría de territorios volvéronse independentes. Durante a guerra fría, producíronse diversos conflitos como a guerra de Corea, a guerra de Vietnam ou a guerra afgán-soviética. O conflito árabe-israelí, as disputas entre India, China e Paquistán, a guerra de Afganistán ou a guerra de Irak son algúns das frontes abertas hoxe en día no continente.
Demografía
[editar | editar a fonte]A poboación do continente asiático está preto dos 4 mil millóns de habitantes, concentrándose na costa do mar da China e na península indostánica, en rexións que chegan a alcanzar densidades de mil habitantes por quilómetro cadrado. Aínda que nos últimos lustros o seu crecemento diminuíu, en países do medio oriente mantéñense importantes taxas de crecemento demográfico; en xeral preto do 70% dos nacementos no mundo prodúcense en Asia de maneira que o envellecemento non é tan progresivo. Ademais, conta cunha alta proporción de poboación cuxa idade é inferior aos 30 anos e na que os anciáns son unha porcentaxe relativamente minoritaria.
Características da poboación
[editar | editar a fonte]A poboación asiática presenta diferentes características, non é homoxénea entre si; algúns trazos comúns en certas zonas de Asia son: pel amarela e de ollos rasgados (no Afastado Oriente desde Siberia, China, Vietnam, a península de Corea, as illas de Taiwán, Xapón, o arquipélago malaio e filipino). Dentro dese grupo étnico destácanse os nativos malaios, de pel morena ou escura que se dividen en diferentes ramas, xa que deles descenden os tagalos, visaios, iloacanes, polinesios, melanesios, micronesios etc. As etnias de fenotipo branco comprenden o Medio e Próximo Oriente. Entre elas destácanse os árabes, armenios, xudeus, persas, asirios, turcos, rusos etc. Existen tamén algunhas etnias de tipo negroide e inmigrantes de diferentes países europeos.
Poboación por sexo
[editar | editar a fonte]Na maior parte dos países do continente asiático tanto do Afastado Oriente como Oriente Medio, predominan os homes, agás no Xapón, Vietnam, Laos, Camboxa, Tailandia, Birmania, Líbano, Israel, Rusia, Casaquistán, Armenia, Sri Lanka entre outros, onde predominan as mulleres. Aínda que en Israel e o Xapón, os homes menores de 65 anos son a maioría da poboación, non así en Filipinas, onde as mulleres entre 15 e 65 anos (e de aí en diante) son maioría. En Rusia o alto número de mulleres que ten débese ás guerras que atravesou o país, o que fixo que os homes diminuísen como noutros países de Europa Oriental, así como outros casos tamén en Europa e Asia.
O continente ten máis de 3.800 millóns de habitantes, que supoñen case o 61% da poboación mundial. É, ademais, o continente máis densamente poboado.
Lingua
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Linguas de Asia.
As linguas que se falan no continente asiático son numerosas. Entre elas a máis falada é o chinés ou mandarín, seguidas do hindi, o chinés cantonés, o urdú, o árabe, entre outras destacamos como linguas oficiais e nativas o xaponés, o bahasa indonesio, o coreano, turco, hebreo, persa, birmano, tailandés, tagalo, ruso, armenio, tibetano etc. Debido á colonización europea en diferentes nacións asiáticas, algunhas linguas europeas son tamén de uso habitual. Por exemplo o inglés é utilizada como lingua asociada e comercial na India, Malaisia, Filipinas, Singapur, Birmania, Sri Lanka, Paquistán, Líbano, Israel, Emiratos Árabes Unidos etc. O francés úsase nas nacións da península de Indochina, parte da India e o Líbano. A lingua castelá en forma minoritaria no continente asiático, é falada por minorías en Filipinas e nas comunidades sefardís de Oriente Próximo, principalmente nas nacións pertencentes á rexión de Israel e zonas de Turquía. Tamén se fala minoritariamente nas cidades taiwanesas de Ilan, Keelung e Tamsui. Ademais do castelá, nesta Rexión Oriental xurdiu unha lingua crioula coñecida como chabacano, que é falado en determinados sectores de Filipinas así como tamén ao norte de Sabah en Malaisia e a cidade de Ternate en Indonesia, todas elas tamén antigamente posesións españolas. O grego é falado na illa de Chipre xunto co turco; e o portugués é oficial en Timor Oriental e fálase tamén nalgúns sectores da India (Dadra e Nagar Haveli, Daman e Diu, Goa), Malaisia (Malaca) e a China (Macau).
Economía
[editar | editar a fonte]Asia é o terceiro continente, detrás de Norteamérica e de Europa, en PIB, pero o primeiro en paridade de poder adquisitivo. A data de 2007, o primeiro país asiático en PIB era a China, seguida da India, o Xapón, Corea do Sur e Indonesia. En troques, en termos nominais a clasificación é: o Xapón, a China, a India, Corea do Sur, Arabia Saudita, Taiwán e Indonesia.
O comercio entre os países asiáticos está aumentando en relación ás exportacións fora do continente; en 2003, o 44% das exportacións dos países asiáticos (sen incluír Xapón) destinábanse a outros países asiáticos, fronte ao 47,1% en 2010.[15] Con todo, a porcentaxe de exportacións aos Estados Unidos, a Unión Europea e o Xapón baixou dun 43% a un 36,5% no mesmo período.[15]
Asia posúe o 60 % da poboación do planeta e cerca do 30 % das terras emerxidas, é o maior produtor global de alimentos, ademais de ser o maior consumidor ten as maiores reservas da maioría dos minerais. Asia é o continente que concentra o maior crecemento económico e consome a maioría do crédito global, cerca do 80% do crecemento económico mundial, o maior crecemento do investimento en ciencia e tecnoloxía, investimento en educación e o maior sector económico que poidamos imaxinar. A cooperación entre o goberno, as industrias e o dominio da tecnoloxía levaron ao Xapón ao éxito económico.
Pola súa banda desde 2004 a Unión Europea é o principal socio comercial da China, que á súa vez é o segundo socio comercial da organización europea. O 2005 China converteuse na sexta economía mundial. Cun crecemento oficial do 9,5 % anual, a economía chinesa está considerada como a de maior crecemento do planeta , mantendo unha taxa media superior ao 8 % desde os anos 1980. Tamén se destaca a Asia Meridional con crecementos anuais do 8 %.
Moitas zonas de Asia están economicamente subdesenvolvidas. Unha elevada porcentaxe da poboación do continente dedícase á agricultura, pese ao cal gran parte da actividade agrícola caracterízase por colleitas e produtividade laboral relativamente baixas. En conxunto, unha minoría dos asiáticos está empregada en actividades de manufactura; en moitas ocasións os centros urbanos e as industrias non se integraron adecuadamente co sector rural. Os sistemas de transporte locais e internacionais dos países asiáticos aínda están pouco desenvolvidos en moitas zonas, pero melloraron notablemente nos últimos anos.
Con todo, hai un crecente número de excepcións. Xapón modernizou con éxito a súa economía, do mesmo xeito que Israel, Corea do Sur, Singapur, Hong Kong e, en menor grao, Indonesia, Malaisia, Tailandia, Turquía e os estados petrolíferos da península Arábiga. En xeral conseguiron taxas de crecemento económico que superan o 5% anual, unha porcentaxe que se afasta das súas taxas de crecemento demográfico. En cambio, aínda que os países do suroeste de Asia fixeron progresos, a distribución dos ingresos quedou máis concentrada que noutros países. Estimulada polos investimentos estranxeiros a grande escala, a rápida privatización e a industrialización, a República Popular da China conseguiu o crecemento máis rápido de Asia a principios da década de 1990. Estímase que a economía chinesa creceu un 12% en 1992, aínda que os niveis de renda per cápita permaneceron relativamente baixos. Vietnam e Laos, dous dos países máis pobres de Asia, están empezando a conseguir un significativo crecemento económico e a captar un notable nivel de investimento estranxeiro.
- Véxase tamén: Asociación de Nacións do Sueste Asiático.
A crise financeira asiática de 1997
[editar | editar a fonte]En xullo de 1997, a moeda tailandesa (o baht) desvalorizouse, contradicindo as repetidas declaracións das autoridades gobernamentais de que iso non ocorrería. En cuestión de días, as moedas de Indonesia, Filipinas e Malaisia foron fortemente atacadas e comezaron a derrubarse. Para fins de outubro, o won de Corea do Sur colapsouse e a crise xeneralizouse no continente asiático.
Pode soar paradoxal que apenas uns cantos meses antes das crises estas economías eran vistas como sólidas e estables, con moi bo futuro económico. Ata, días antes das crises, os analistas financeiros e económicos parecían non ter a mínima noción do que pasaría. O feito de que ambas economías formasen parte do grupo das economías máis vixiadas pola comunidade financeira internacional fai a estas dúas características aínda máis insólitas.
O feito é que a maioría das economías de Asia Oriental sufriu unha severa recesión en 1998; o PIB esborrallouse: 14 % en Indonesia, 9 % en Tailandia, 7 % en Malaisia, 6 % en Corea, 5 % en Hong Kong e 3 % no Xapón. Como puido sufrir un colapso tan repentino e grave unha rexión que había ter tanto éxito? A resposta é que Asia viviu unha aguda crise financeira.
Relixión
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Relixións orientais.
Asia é un continente de gran riqueza espiritual e de diametral importancia relixiosa xa que as relixións máis practicadas do mundo xurdiron en Asia, sendo berce das cinco grandes relixións mundiais; o xudaísmo, o cristianismo, o islamismo, o budismo e o hinduísmo. Debido a isto, países asiáticos como Israel (lugar sagrado para xudeus, cristiáns e musulmáns), Arabia Saudita (onde se atopan dúas das tres cidades santas dos musulmáns) e a India (onde se atopan os lugares santos de hindús e budistas), reciben millóns de peregrinos de todo o mundo.
Outras importantes relixións xurdidas en Asia son o bahaísmo (Irán), o confucianismo (China), o xainismo (India), o sikhismo (India), o xintoísmo (Xapón), o taoísmo (China) e o zoroastrismo (Irán).
Entre diferentes pobos asiáticos tamén se practica o animismo e o xamanismo, desde os seguidores do culto Bön no Tíbet, e a relixión tradicional chinesa, ata as crenzas animistas de diferentes tribos indíxenas de todo o continente asiático.
A relixión maioritaria de Asia é o budismo, practicada principalmente no leste e sueste asiático (abarcando desde o norte da India e o Himalaia ata o Xapón), aínda que en moitos países é practicado de forma sincrética á beira doutra relixión nacional (taoísmo, confucianismo e relixión tradicional chinesa na China por exemplo, xintoísmo no Xapón etc.).
De preto séguelle o Islam, predominante no Medio Oriente e a Asia Central (desde a península do Sinaí ata Paquistán) máis Malaisia e Indonesia. O hinduísmo é outra das grandes relixións de Asia aínda que máis xeograficamente concentrada, é maioritario só na India e no Nepal, pero con minorías en moitos países asiáticos.
O xudaísmo é maioritario en Israel (único país no mundo onde é maioría), e o cristianismo é maioritario só en Filipinas e Timor Oriental, e ten unha alta porcentaxe en Corea do Sur, pero ten importantes minorías en toda Asia, por exemplo no Líbano.
A diferenza doutros continentes, a relixión en Asia é de grande importancia e en moitos países é vista como parte da identidade étnica, o que motivou máis dun conflito étnico, como o son o conflito árabe-israelí, o enfrontamento entre hindús e musulmáns na India, Paquistán e Bangladesh, entre hindús e budistas en Sri Lanka, entre musulmáns e budistas en Indonesia, entre musulmáns e cristiáns no Líbano e entre hindús e sikhs na India.
Mitoloxía
[editar | editar a fonte]A mitoloxía asiática é diversa. A primeira mitoloxía coñecida é a mitoloxía sumeria (na que destaca o Epopea de Gilgamesh), a cal influíu na maioría de relixións e mitoloxías posteriores da zona. A mitoloxía hindú fala sobre un avatar do deus Vishnu en forma de peixe que avisou Manu dunha terrible inundación . Na antiga mitoloxía chinesa, no texto clásico Shan Hai Jing, o lexislador chinés Yu o Grande tivo que pasar 10 anos para controlar un diluvio que arrasou a antiga China, e foi axudado pola deusa Nüwa que, literalmente, arranxou o ceo roto por onde caía a chuvia.
Relixións dharmicas e taoístas
[editar | editar a fonte]As filosofías e relixións dharmicas, como o hinduísmo, o budismo, o xainismo e o sikhismo, orixináronse na India. Ao leste, particularmente da China e do Xapón, tomaron forma o confucianismo, o taoísmo e o budismo zen.
Relixións abrahámicas
[editar | editar a fonte]As relixións abrahámicas, o xudaísmo, o cristianismo e a islamismo orixináronse no Oriente Medio. O xudaísmo, a máis antiga das tres, é practicada principalmente en Israel, ademais doutras pequenas comunidades noutros países. O cristianismo católico é maioritario en Filipinas e Timor Oriental, mentres que en Armenia predomina o cristianismo ortodoxo. Tamén hai importantes comunidades cristiás no Oriente Medio, India ou China. O islamismo é a relixión dominante na maior parte do leste asiático, aínda que tamén é a relixión maioritaria en países como Indonesia e Malaisia (sueste asiático); Paquistán, Bangladesh ou Irán (Asia meridional); Asia central e en boa parte de Rusia.
Outras relixións
[editar | editar a fonte]Outras relixións do continente son o zoroastrismo e o xamanismo, practicados en Irán e Siberia, respectivamente, o xintoísmo practicado no Xapón (usualmente co budismo) e o animismo nalgunhas partes da India e o sueste asiático.
Deportes
[editar | editar a fonte]No continente practícanse diferentes estilos deportivos, aínda que no Extremo Oriente, os máis populares son as artes marciais como o judo, o karate, o aikido,o kenjutsu,o bojutsu, o ninjutsu, o kenpo, entre outros orixinarios do Xapón. O taichi, o kung fu, o choy le fut, o shaolin, entre outros orixinarios da China. O taekwondo, o hapkido, o taekkyon, o tangsudo, entre outros en Corea. O eskrima, o kali filipino e outros son orixinarios de Filipinas. Ademais tamén no continente fixéronse famosos outros deportes como o fútbol, baloncesto, natación, esgrima, a ximnasia, tenis, voleibol etc...
Certos países asiáticos, agrupados a través do Consello Olímpico de Asia, destacaron en diferentes torneos a nivel continental ou internacional, como os Xogos Asiáticos celebrados a partir de 1951 en diferentes países do continente; os Xogos da Mancomunidade; os Xogos da Francofonía; Filipinas e Timor Oriental participaron nun dos eventos deportivos dos Xogos Iberoamericanos.
Xapón foi o primeiro país do continente en inaugurar uns Xogos Olímpicos, os de 1964 en Toquio. Tamén foron sede olímpica Corea do Sur en Seúl 1988 e China en Pequín 2008. Ademais por primeira vez dous países xuntos, o Xapón e Corea do Sur, foron os anfitrións da Copa Mundial de Fútbol de 2002. Tamén foi Qatar sede da Copa Mundial de Fútbol de 2022.
Yao Ming foi un dos mellores deportista da historia chinesa, xogou na NBA nos Houston Rockets, así mesmo tamén Park Ji-Sung foi un dos mellores futbolistas surcoreano que xoga ao fútbol. Xapón é o seleccionado que máis veces conquistou a Copa Asiática, en catro ocasións.
Tamén cabo destacar que Australia, malia estar xeograficamente situada na Oceanía, forma parte desde 2006 da confederación de Asia. Coa obtención da Copa Asiática 2015 converteuse na primeira selección do mundo en lograr o curioso récord de ser o único país campión en dous continentes distintos, xa que anteriormente conquistara a Copa das Nacións da OFC en catro ocasións.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 AccessScience. "Asia" (en inglés). McGraw-Hill. Consultado o 2/11/2014.
- ↑ International Geographic Encyclopaedia and Atlas. Springer, 24/11/1979 [1]
- ↑ "Geography Is Destiny". The Atlantic (en inglés). 01-12-2008. Consultado o 20-04-2009.
- ↑ Welty, Paul Thomas. The Asians Their Evolving Heritage, 6th ed., p. 21. New York: Harper & Row Publishers, 1984. ISBN 978-0-06-047001-2.
- ↑ World University Service of Canada. Asia-WUSC WorldWide. 2006. outubro 7, 2006. Asia - WUSC Worldwide.
- ↑ Menon, Sridevi. Duke University. Where is West Asia in Asian America?: "Asia" and the Politics of Space in Asian America. 2004. abril 26, 2007. páxina 71
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 28 de xullo de 2011. Consultado o 05 de febreiro de 2014.
- ↑ American Heritage Book of English Usage Asian. 2005. 9/3/2016.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 ANTUNES, Celso (1996). Scipione, ed. Geografia e participação: Europa, Ásia, África e Oceania 4. São Paulo. p. 78.
- ↑ 10,0 10,1 ANTUNES, Celso (1996). Scipione, ed. Geografia e participação: Europa, Ásia, África e Oceania 4. São Paulo. p. 79.
- ↑ ANTUNES, Celso (1996). Scipione, ed. Geografia e participação: Europa, Ásia, África e Oceania 4. São Paulo. p. 77.
- ↑ 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 12,5 12,6 12,7 ANTUNES, Celso (1996). Scipione, ed. Geografia e participação: Europa, Ásia, África e Oceania 4. São Paulo. p. 80.
- ↑ ANTUNES, Celso (1991!volume=4). Scipione, ed. Geografia e participação: Europa, Ásia, África e Oceania (en portugués). São Paulo. p. 79.
- ↑ 14,0 14,1 14,2 14,3 ANTUNES, Celso (1991). Scipione, ed. Geografia e participação: Europa, Ásia, África e Oceania 4. São Paulo. p. 81.
- ↑ 15,0 15,1 TIME, Global Trade's New Direction Arquivado 17 de agosto de 2013 en Wayback Machine., 15 de novembro do 2010, p. 56 da versión impresa (en inglés)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Asia |