Mitoloxía sumeria

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Panteón sumerio[editar | editar a fonte]

É prácticamente imposible establecer unha clasificación dos deuses mesopotámicos.[1] Porén, pódense entrever unha serie de estratos segundo o rango que ocupan as divindades nas listas redactadas en diversas épocas e segundo a importancia do culto.

No chanzo máis baixo adoitan estar os "espíritos" ou "demos", bos e malos, así como o deus persoal (unha especie de anxo da garda). Logo veñen os deuses dos instrumentos (pa, pico, arado, mole de tixolo etc) seguido do grupo de deuses da natureza, tanto mineral como vexetal, animais domésticos, deuses da fertilidade, dos partos, divindades curadoras, deuses da tempestade, do vento, do lume... No seguinte chanzo atopamos os deuses do mundo subterráneo ou Alén (Nergal, Ereshkigal) á par cos deuses guerreiros, como Ninurta. Por enriba deles estarían as divindades astrais, o deus lúa Nanna, o deus sol Utu, e por último a tríade cósmica dos grandes deuses Anu, Enlil e Enki.

An ("Anu" en acadio) é o deus ceo, soberano de tódolos deuses que fai de árbitro nas súas disputas pero que se ocupa pouco dos problemas dos homes polo que o auténtico deus supremo dos sumerios será Enlil. É el quen elixe os soberanos e goberna á humanidade. Enki (en acadio "Ea") é o señor das augas doces, inventor e protector das técnicas, gardián dos "me", as palabras clave dos elementos máxicos da civilización en Sumer, sendo o deus máis próximo á humanidade e amigo seu.

Este panteón masculino duplícase nun panteón feminino con divindades de tódolos tipos, algunhas son simples esposas e outras teñen funcións concretas á cabeza das cales está Ninhursag, a deusa nai Nimah ou Nintu e Inanna.

Inanna, a "dona do ceo", é a Muller por excelencia: moza, fermosa, sensual, pero tamén pérfida e suxeita a violentas cóleras que fan desta deusa do amor unha terrible guerreira.

Influencia na Biblia[editar | editar a fonte]

Durante a estadía dos xudeus como poboación deportada polos asirios a Babilonia entraron en contacto coa mitoloxía mesopotámica, da cal sacaron o mito do diluvio universal e as aventuras de Noé.

En 1872 o mozo asiriólogo George Smith que traballaba no Museo Británico sobre as taboíñas provenientes da biblioteca de Asurbanipal de Nínive, bateu cun texto semellante ao diluvio no relato do libro da Xénese hebraico. A taboíña era só un episodio da epopea de Gilgamesh, na cal este heroe parte á procura do único home ao que os deuses concederon a inmortalidade, Utanapishtim, o Noé mesopotámico que lle contou como fora o diluvio.

Nunha época moi distante "cando os deuses habitaban en Shuruppak" decidiron exterminar a humanidade, pero o deus Ea apiadouse de Utanapishtim e contoulle o que ía suceder, ordenándolle a construción dun gran barco no que metería tódalas especies animais do mundo. Tras seis días de choiva Utanapishtim embarrancou o barco na única terra que se vía, o Monte Niris, e desde el soltou unha pomba, que volveu, logo unha andoriña, que tamén volveu, e por último soltou un corvo que atopou onde pousarse e xa non volveu. Utanapishtim saíu do barco e fixo unha libación e ofrendas aos deuses que se achegaron.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Marc Van de Mieroop, Cuneiform Texts and the Writing of History, Routledge, 1999, páx. 71