Baht

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O baht (tailandés: บาท, símbolo: ฿, código ISO 4217: THB) é a unidade de moeda oficial en Tailandia. Cada baht divídese en 100 satang (สตางค์). A emisión de moedas e billetes baht é responsabilidade do Banco de Tailandia.

O nome tailandés baht aplícase orixinalmente a unha unidade de medida de peso, empregada para metais preciosos, como o ouro. Neste sentido, o termo é aínda hoxe en día, utilizado polos xoieiros en Tailandia, e equivale a 15,244 gramos.

Moedas e billetes[editar | editar a fonte]

A actual serie de moedas e billetes en circulación comprende as seguintes denominacións:

-Moedas: 1, 5, 10, 25 y 50 satang, 1, 2, 5 y 10 baht.

-Billetes: 20, 50, 100, 500 y 1000 baht.

A moeda de 10 baht foi unha das primeiras moedas do mundo emitida cunha composición bimetálica. Actualmente, cada ano saen á circulación numerosas moedas conmemorativas desta denominación con motivos relacionados coa casa real ou asuntos de estado. As moedas de dous euros son case idénticas en peso e tamaño á moeda de 10 baht.

No ano 2007, coincidindo co oitenta aniversario do rei, púxose en circulación unha nova serie de moedas con menores costos de produción.

Historia[editar | editar a fonte]

Até o 1897, a unidade de moeda tailandesa subdividíase en oito fuang, unidade que á súa vez se compoñía de oito att. O sistema decimal actual, no que un baht equivale a cen satang, foi introducido durante o reinado do rei Chulalongkorn. O nome da unidade era tical, até os anos 1940, cando foi substituído polo nome actual, bath. O nome tical tamén correspondía a unha unidade tradicional usada en xoiería, aproximadamente quince gramos de prata.

Até o 27 de novembro de 1902, o tical tiña un valor fixado en referencia á prata. O descenso do valor deste metal nos mercados internacionais provocou unha caída da cotización da moeda con respecto ás divisas que utilizaban o ouro como patrón de referencia. Iso levou a cabo unha redefinición da moeda, que deixou de estar ligada á prata. Nese mesmo ano, o 19 de setembro, emitíronse os primeiro billetes de banco, con denominacións de 5, 10, 20, 100 e 1000 tical.

Unha reliquia do sistema non decimal antigo é o feito de que a fracción dun cuarto de baht, 25 satang, recibe coloquialmente o nome de salueng (สลึง). Este termo emprégase normalmente para cantidades pequenas, e para a propia moeda de 25 satang, popularmente chamada rian salueng (เหรียญสลึง), "moeda de salueng".