Saltar ao contido

Fe Bahá'í

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Fe Bahá'í
Fundador Bahá'u'lláh
Deidade máxima Deus
Tipo Monoteísmo
Nome e número de seguidores Bahá'ís, uns 6 millóns
Libro Máis Sagrado Kítab-i-Aqdas
Lingua litúrxica Cada individuo é libre de ler na súa propia lingua
Lingua dos textos sagrados orixinais árabe e persa
Nace en Irán
Sede Haifa (Israel)
País con maior cantidade de bahá'ís India (2 millones)
Sistema organizativo Asembleas Espirituais Locais, Asembleas Espirituais Nacionais e Casa Universal de Xustiza (Membros elixidos democraticamente)
Símbolo Estrela de nove puntas
Relixións relacionadas xudaísmo, cristianismo, islamismo, hinduísmo, budismo, zoroastrismo, babismo

A Fe bahá'í é unha relixión fundada en 1863 por Bahá'u'lláh[1] e que actualmente é seguida por máis de 7 millóns de persoas en todo o mundo.[2]

Os bahá'ís cren que todas as relixións proveñen do mesmo Deus e que teñen aparecido coa mensaxe divina para a humanidade a medida que esta tivo capacidade para recibila.[3]

En 1844 o profeta persa Siyyid `Alí-Muhammad, que tomou o título de "O Báb" (en árabe ‘a porta’), instituíu unha nova relixión.[4] Esta era distinta do islam,[5] aínda que xurdiu do seu seo, de igual modo que o cristianismo xurdiu do seo do xudaísmo e o budismo do hinduísmo. Os seguidores do Báb foron coñecidos como "babíes" e a súa relixión como babismo; tivo as súas propias escrituras e ensinanzas relixiosas, aínda que no entanto foi moi efémera. Segundo O Báb, a súa misión principal era preparar o camiño para "aquel ao que Deus ha de se manifestar", o que foi prometido nas escrituras sagradas de todas as grandes relixións do mundo.

O crecente número de persoas que se adherían a estas novas ensinanzas alarmou ás autoridades políticas e relixiosas de Persia. O Báb e os seus seguidores foron perseguidos, sendo encadeado e finalmente fusilado en Tabriz, Persia (actual Irán) o 9 de xullo de 1850. A súa misión durou seis anos.[6]

Bahá'u'lláh

[editar | editar a fonte]

Mírzá Husayn-`Alí, a quen O Báb deu o título de Bahá'u'lláh (en árabe ‘gloria de Deus’), era un nobre e un dos primeiros seguidores importantes do Báb. Foi arrestado e encadeado en 1852 durante unha gran persecución contra os babíes.[7] No seu confinamento nos alxubes do Síyah-Chál en Teherán, creu recibir os primeiros indicios de que el mesmo era quen fora profetizado polo Báb.[8] Once anos despois, exiliado en Bagdad (entón parte do Imperio Otomán), anunciou de xeito formal a súa misión á súa familia e a un pequeno grupo de seguidores.[9]

A maquinación das autoridades persas e otománs foron levando a Bahá'ou'lláh de exilio en exilio: de Bagdad a Istanbul, logo a Edirne e finalmente á colonia penal de Acre (actual Israel) en 1868.[10] Bahá'u'lláh permaneceu en Acre ata o seu falecemento o 29 de maio de 1892, tras corenta anos de exilio e confinamento. A Fe Bahá'í considera o seu sepulcro nos arredores da cidade como o lugar máis sagrado do mundo. Os fieis realizan as súas pregarias cada día orientados na dirección dese lugar.

O outro lugar santo do bahaísmo en Israel é a tumba ou Santuario do Báb, nas abas do Monte Carmelo en Haifa. Os restos mortais do Báb foron trasladados en segredo desde Persia ata Terra Santa e soterrados no santuario construído e deseñado para ese propósito por Bahá'u'lláh.

Bahá'u'lláh escribiu o equivalente a máis de cen volumes de textos que os bahá'ís consideran inspirados por Deus, tanto en árabe como en persa.[11] O principal repertorio das leis da revelación de Bahá'u'lláh é o Kítab-i-Aqdas (o libro máis sagrado). O segundo en importancia é o Kitab-i-Iqan, composto en Bagdad e que reúne os trazos elementais da teoloxía bahá'í.

`Abdu'l-Bahá

[editar | editar a fonte]

`Abbás Effendi era o fillo máis vello Bahá'u'lláh', coñecido polo título de `Abdu'l-Bahá (Servo de Bahá). `Abdu'l-Bahá ´foi designado como o “Centro da Alianza”, “Cabeza da Fe” e intérprete único das escrituras de Bahá'u'lláh.[12]

`Abdu'l-Bahá compartira co seu pai o exilio e o cárcere. O seu confinamento durou ata que foi excarcerado con motivo da revolución dos Mozos Turcos en 1908. Pouco despois da súa liberación, `Abdu'l-Bahá viaxa a Europa e aos Estados Unidos para proclamar os ensinos do seu pai e impulsar o desenvolvemento das incipientes comunidades bahá'ís que xurdiran en varios sitios de Europa, os Estados Unidos e o Canadá.[13] Moitas das súas conferencias e charlas foron gravadas e publicáronse en libros baixo os títulos de A sabedoría de `Abdu'l-Bahá e A promulgación da paz universal. Outra das obras de `Abdu'l-Bahá, que sentou as bases da expansión e consolidación da comunidade mundial bahá'í, é unha serie de documentos chamados Táboas do plan divino. Tamén mantivo unha copiosa correspondencia con persoas e comunidades bahá'ís durante moitos anos, e moitas desas epístolas ou Táboas traducíronse e foron publicadas en varias linguas.

`Abdu'l-Bahá faleceu en Haifa o 28 de novembro de 1921.

A Alianza de Bahá'u'lláh e a división

[editar | editar a fonte]

Desde os seus inicios no babismo, o bahaísmo non estivo exento de disputas internas. Xa baixo Baha'ou'llah tivo lugar unha diverxencia (finalmente escisión) entre el e o seu medio irmán máis novo, Subh-i-Azal, a quen O Báb nomeara vagamente como o seu sucesor, suxeito ao consentimento de Aquel ao que Deus ha de se manifestar Bahá'u'lláh. Os seguidores de Subh-i-Azal comezaron a coñecerse como azalíes, mentres que os seguidores de Baha'u'llah eran coñecidos como bahá'ís. Actualmente subsisten algúns milleiros de azalíes, principalmente en Irán.

A teoloxía bahá'í afirma que non son posibles os cismas permanentes dentro da Fe Bahá'í, aínda recoñecendo intentos con este propósito, do mesmo xeito que noutras relixións anteriores. Desde o inicio do bahaísmo, e co falecemento de cada figura central de autoridade, han ter lugar intentos de facerse co control do bahaísmo ou de disgrega-lo. Os bahá'ís pertencentes ao grupo maioritario leal á Casa Universal de Xustiza con sede en Haifa, Israel, cren que cada unha destas tentativas en contra dos bahaís acabaron esvaecéndose nas tebras grazas á protección da Alianza, que consiste basicamente no testamento e última vontade escritos por cada un dos "centros da alianza". Nestas vontades escritas inclúense instrucións sobre como os bahá'ís deben resolver os conflitos de opinión, en caso de xurdir. A seguinte cita de 'Abdu'l-Bahá bota luz sobre isto inequivocamente:

No entanto, outros textos, incluídos algúns de 'Abdu'l-Bahá, deixan claro que existirían tales intentos:

Unha das características máis sublimes da revelación de Bahá'u'lláh, un ensino especial non transmitida por ningún dos profetas do pasado, é a ordenación e nomeamento do Centro da Alianza. Mediante este nomeamento e provisión El salvagardou e protetexeu a relixión de Deus contra as diferenzas e o cisma, facendo imposible que ninguén cre unha nova seita ou facción no credo.

Aqueles que negan e se rebelan publicamente contra a sucesión establecida de autoridade coa intención de facerse co liderado adoitan ser declarados "quebrantadores da Alianza" e expulsados da comunidade bahá'í. Segundo os ensinos relixiosos da Fe Bahá'í, o obxectivo da Alianza é salvagardar a unidade da comunidade bahá'ís e protexela fronte a posibles cismas. Algúns critican o uso da ameaza de declaración de quebrantador do convenio por parte das autoridades relixiosas bahá'ís como medio para coartar a liberdade de expresión.

A tentativa cismática máis recente remóntase a 1960, cando Charles Mason Remey fixera un chamamento para que a comunidade bahá'í o recoñecese como "cabeza da fe". Un pequeno grupo aceptou a Remey namentres a maioría rexeitouno e seguiu fiel á Casa Universal de Xustiza de Haifa. O grupo de Remey escindiuse en varias faccións, a meirande fíxose chamar bahá'ís ortodoxos. Trala morte de Remey en 1974, o seu grupo sufriu máis escisións. Unha historia destes conflitos segundo a perspectiva da Casa Universal de Xustiza existe na web bahá'í.

Cronoloxía breve

[editar | editar a fonte]
  • 12 de novembro de 1817, Nacemento de Bahá'u'lláh
  • 20 de outubro de 1819, Nacemento do Báb
  • 23 de maio de 1844, Declaración do Báb en Shiraz, Irán.
  • 9 de xullo de 1850, Martirio do Báb en Tabriz, Irán.
  • 15 de outubro de 1852, Durante o seu confinamento de catro meses nunha alxube de Teherán, Bahá'u'lláh afirma recibir os primeiros indicios de que é el mesmo quen foi agoirado polo Báb.
  • 12 de xaneiro de 1853, Bahá'u'lláh exíliase en Bagdad.
  • 23 de abril de 1863, Declaración de Bahá'u'lláh no Xardín de Ridván, en Bagdad, en véspera do seu exilio en Istanbul.
  • 31 de agosto de 1868, Chegada de Bahá'u'lláh á colonia penal de Acre.
  • 29 de maio de 1892, pasamento de Bahá'u'lláh.
  • 1893, a Fe Bahá'í é mencionado por vez primeira por un xornal estadounidense.
  • 1898, Primeira peregrinación de crentes occidentais, incluíndo a Phoebe Hearst e ao primeiro crente afroamericano, Robert Turner, a Terra Santa, onde visitaron a `Abdu'l-Bahá no cárcere.
  • Setembro de 1908, `Abdu'l-Bahá é excarcerado aos 64 anos de idade, logo dunha vida de exilio e prisión.
  • Abril-decembro de 1912, Viaxes de `Abdu'l-Bahá aos Estados Unidos de América
  • 1914-1918, primeira guerra mundial. `Abdu'l-Bahá escribe as Táboas do Plan Divino.
  • 27 de abril de 1920, `Abdu'l-Bahá é ordenado Cabaleiro do Imperio Británico en recoñecemento do seu labor humanitario durante a primeira guerra mundial.
  • 28 de novembro de 1921, Falecemento de `Abdu'l-Bahá en Haifa

(Esta data marca o final da "idade heroica da Fe Bahá'í" e o inicio da "idade formativa" segundo Shoghi Effendi)

  • 1937, Shoghi Effendi lanza o "plan divino" para a difusión do bahaísmo no mundo.
  • 1944, Publicación de Deus pasa, de Shoghi Effendi.
  • 1951, Once Asembleas Espirituais Nacionais en funcionamento.
  • 1951-1957, Shoghi Effendi nomea 32 "mans da causa de Deus" adicionais.
  • novembro de 1957, falece Shoghi Effendi.
  • 1957-abril de 1963. A Fe Bahá'í é dirixido polos 27 restantes "mans da causa".
  • abril de 1963, Elíxese a primeira Casa Universal de Xustiza mediante representantes de 56 Asembleas Espirituais Nacionais reunidos en Haifa.

Síntese dos principios da Fe Bahá'í

[editar | editar a fonte]

Os principios nos que cren os bahá’ís e que constitúen a base da súa acción están resumidos nun texto de Shoghi Effendi, descendente de Bahá’u’lláh. Velaí o extracto do seu libro "Deus pasa preto de nós" :

A Fe bahá’í recoñece a unidade de Deus e dos seus profetas, sostén o principio da busca sen trabas da verdade, condena todas as formas de prejuízo e de superstición, ensina que a fin da relixión é a de promover a amizade e a concordia, proclama que debe ir á par da ciencia, e afirma que é o principal factor de pacificación, de orde e de progreso da sociedade. Afirma sen equívocos o principio de igualdade de dereitos, de oportunidades e de privilexios para os homes e para as mulleres, recomenda a educación obrigatoria, elimina os extremos de riqueza e de pobreza, eleva ao rango de adoración o traballo cumprido con un espírito de servizo, recomenda a elección dunha lingua auxiliar internacional, e propón as institucións necesarias para estabelecer e perpetuar unha paz duradoura e universal.

Regras relixioso-sociais

[editar | editar a fonte]

As regras de comportamento social da Fe Bahá'í proveñen primeiramente do Kitáb-i-Aqdas, escrito por Bahá'u'lláh. As que seguen son unhas poucas das leis e observancias relixiosas básicas:

  • Os bahá'ís adultos (desde a idade de 15 anos) recitan obrigatoriamente unha oración cada día. Hai tres de tales oracións entre as cales se pode escoller unha para cada día.
  • O lercheo* e a murmuración están prohibidos e denunciados.
  • Os adultos bahá'ís, con boa saúde, observan un xaxún de 19 días, de sol a sol, cada ano, entre o 2 de marzo e o 20 de marzo.
  • Os bahá'ís teñen prohibido beber alcohol e tomar drogas, salvo prescrición médica.
  • As relacións sexuais só están permitidas en matrimonio, entre un home e unha muller; as relacións homosexuais non están permitidas.
  • Os xogos de azar están estritamente prohibidos.

Ensinos e leis

[editar | editar a fonte]

Os ensinos básicos de Bahá'u'lláh son estas:

  • Só hai unha deidade suprema (Deus) e é incognoscible para o home.
Bahá'u'lláh escribe respecto diso:
"Tan perfecta e abarcadora é a súa creación que nin mente nin corazón, non importa a súa pureza ou perspicacia, poderá alcanzar a enxergar a natureza da máis insignificante das súas criaturas; moito menos medir o misterio daquel que é a estrela diúrna da verdade, que é a esencia invisible e incognoscible...".
ademais
"Todo aquilo que os sabios ou místicos dixeron ou escribiron nunca excedeu, nin pode aspirar a facelo, as limitacións ás que o intelecto finito do home está suxeito. Non importan as cimas que a mente do máis exaltado dos homes poida alcanzar, nin as profundidades nas que o corazón poida prufundizar. A criatura nunca poderá transcender os seus propios pensamentos. A meditación do pensador máis profundo, a devoción do máis consagrado dos santos, as máis altas expresións de loubanza saídas da lingua ou da pluma, son só reflexos do que xa foi creado dentro de cada un".
  • Só existe unha humanidade—as distincións de raza, xénero etc. só son distincións de aparencia, non do carácter innato ou da aptitude e son iguais perante os ollos de Deus.
  • Todas as grandes relixións do mundo reciben a súa inspiración da mesma fonte divina.
`Abdu'l-Bahá escribiu:
"As diferenzas entre as relixións do mundo son produto dos distintos tipos de mentalidade".
Considerando as relacións e posición dos distintos fundadores das grandes relixións do mundo, ás que os bahá'ís refírense como "manifestacións de Deus", Bahá'u'lláh escribe:
Deus ordenou que o coñecemento destes seres santificados sexa ao coñecemento de Si Mesmo. Quen os recoñeza recoñeceu a Deus. Quen escoite a súa chamada escoitou a voz de Deus e quen dá testemuño da veracidade da súa revelación dá testemuño da veracidade do mesmo Deus. Quen lle da as costas deulle as costas a Deus e quen non cre neles non cre en Deus... Eles son manifestacións de Deus entre os homes, as probas da súa verdade e os sinais da súa gloria".
Xa que os fundadores das relixións do mundo son esencialmente as manifestacións dun Deus, por iso as relixións mesmas proveñen da mesma fonte e teñen o mesmo propósito. Bahá'u'lláh insta aos fieis das distintas relixións a botar fóra as súas diferenzas.
"O Gran Ser di: ¡Oh, fillos dos homes! O propósito fundamental que anima a fe de deus e a súa relixión é salvagardar os intereses e promover a unidade da raza humana, así como impulsar o espírito do amor e o compañerismo entre os homes. Non vos fagades unha fonte de disensión e discordia, odio e enemizade".
Bahá'u'lláh instou á eliminación da intolerancia relixiosa. `Abdu'l-Bahá expresa a mesma idea con maior énfase na súa manda.
"Fraternizade con todos os pobos e relixións do mundo coa maior sinceridade, fidelidade, cordialidade, boa vontade e amizade, para que todo o mundo se encha da santa éxtase da graza de Bahá, para que a ignorancia, enimizade, odio e rancor se esvaeza do mundo e as tebras do desencontro entre os pobos e liñaxes do mundo dean paso á Luz da Unidade".
Os bahá'ís a miúdo empregan o termo "revelación progresiva", que significa que Deus révelase á humanidade progresivamente, a medida que maduramos e podemos comprender o propósito de Deus ao crear a humanidade.

Principios sociais

[editar | editar a fonte]

A seguinte é unha lista dos 12 principios do bahaísmo. Preséntase a miúdo como un resumo breve dos ensinos bahá'ís. Proveñen dunha variedade de listas semellantes extraídas das transcricións de discursos emitidos por `Abdu'l-Bahá durante a súa viaxe por Europa e América do Norte en 1912. A lista non é oficial e circulan varias destas listas.

  • A unicidade de Deus
  • A base de todas as relixións é a mesma
  • A unidade en diversidade da humanidade
  • A igualdade entre homes e mulleres
  • A eliminación de toda forma de prexuízo
  • A paz mundial
  • A harmonía da relixión e a ciencia
  • A necesidade dunha educación obrigatoria universal
  • A obediencia ao goberno
  • A non participación en política
  • Unha solución espiritual aos problemas económicos
  • A eliminación da pobreza e riqueza extremas

Outro principio bahá'í é a moderación en todo (especificamente no celo liberador, civilizatorio e relixioso e na interpretación literal das escrituras).[14]

O bahaísmo afirma que, aínda que a nosa época está ás escuras, o futuro da humanidade é brillante e a paz mundial é inevitable; tamén establece que Bahá'u'lláh é a manifestación de Deus para a nosa época. Un bahá'í dedícase a seguir as súas ensinanzas e observar as súas leis.

Non existen ritos ou tradicións no bahaísmo (a rixidez considérase unha cualidade a evitar). Con todo, hai algunhas regras que o Kitáb-i-Aqdas prescribe como obrigatorias:

  • Hai un conxunto específico de votos matrimoniais.
  • Hai algunhas prácticas funerarias específicas.
  • Os bahá'ís están obrigados a:
    • Recitar unha oración preceptiva todos os días orientados en dirección ao Qiblih (o Punto de Adoración).
    • Ler as sagradas escrituras da súa fe cada mañá e noite.

Prohíbese terminantemente a petición de fondos a particulares. As institucións bahá'ís teñen prohibido aceptar contribucións provenientes de persoas que non sexan bahá'ís rexistrados.

Leis e ordenanzas

[editar | editar a fonte]
  • Os bahá'ís en bo estado de saúde entre os 15 e os 70 anos realizan un xaxun de 19 días cada ano entre a saída e a posta do sol. Ten lugar do 2 de marzo ao 21 de marzo durante o mes de Alá do calendario bahá'í.
  • Non existen tabús alimenticios, aínda que aos bahá'ís prohíbeselles beber alcohol ou consumir drogas con propósitos lúdicos xa que interfiren co crecemento espiritual do individuo. O uso do tabaco non está prohibido pero si desaconsellado.
  • Os bahá'ís obedecerán as decisións tomadas polas súas asembleas espirituais locais e nacionais (consellos relixiosos electos) e a Casa Universal de Xustiza.[15] Se o incumpriren reiteradamente de forma que puxeren en perigo a Fe poderáselles sancionar coa perda de dereitos administrativos ou coa expulsión. As autoridades bahá'ís piden que sexa evitada toda persoa que sexa declarada quebrantadora da Alianza.
  • A vida familiar considérase a pedra chave da sociedade. Aléntanse os matrimonios. Só está permitido o matrimonio entre home e muller. Está prohibida calquera relación homosexual no bahaísmo.
    • Pídese castidade fóra do matrimonio.
    • As parellas deben ter o consentimento dos pais vivos para se poderen casar, xa que os bahá'ís ensinan que o matrimonio non é só a unión entre persoas senón entre familias.
    • Espérase unha fidelidade absoluta de ambos consortes.
    • Permítense os matrimonios entre membros de distintas relixións. Foméntanse os matrimonios interraciais.
    • Permítese o divorcio, aínda que este non se toma a treo e considérase con suma seriedade. Lévase a cabo se, tras un ano de separación, a parella é incapaz de reconciliarse.
    • Os pais deben dar educación aos seus fillos. Se os recursos permiten só a educación dun deles, a filla debe ser quen a reciba xa que será a que primeiro eduque aos seus futuros fillos.

Calendario

[editar | editar a fonte]

O calendario bahá'í estableceuno o propio Bab. O ano consta de 19 meses de 19 días e 4 ou 5 días que se intercalan entre estes para completar un ano solar. O Ano Novo (chamado Naw Rúz) ten lugar durante o equinoccio vernal, o 21 de marzo, ao final do mes do xaxún. As comunidades bahá'ís reúnense ao iniciarse cada mes nun encontro chamado "festa" dedicado á adoración, discusión e socialización. Aínda que o nome pode suxerir unha comida elaborada, non ten por que ser así. Ás veces cómese de xeito abondoso pero outras veces pode ser tan só pan e auga. O bahaísmo contempla 11 días sagrados ao ano, 9 dos cales requiren que non se realice traballo. Eses días conmemoran aniversarios importantes da historia do bahaísmo.

Mashriqu'l-Adhkár

[editar | editar a fonte]

A maioría de reunións bahá'ís teñen lugar en casas particulares, centros bahá'ís locais, ou locais alugados. En todo o mundo hai soamente sete "casas de adoración bahamés", cunha oitava en construción. O nome utilizado nos escritos bahá'ís para referirse a unha Casa de Adoración é Mashriqu'l-Adhkár (lugar da toma de conciencia da Lembranza de Deus). O Mashriqu'l-Adhkár é o centro dun complexo de institucións da comunidade bahá'í.

Participación na sociedade

[editar | editar a fonte]

O bahaísmo promove de forma activa asuntos que teñan que ver coa xustiza social onde queira que se atoparen. Acollen o concepto de unidade da humanidade como patrón dos seus actos. O bahaísmo participa cada vez máis en proxectos de desenvolvemento económico e social por todo o mundo.

Bahá'u'lláh avogou pola necesidade dun goberno mundial nesta época de vida colectiva da humanidade. Debido a esta énfases o bahaísmo apoiou ás Nacións Unidas desde a súa orixe. A comunidade bahá'í internacional ten status consultivo ante o Consello Económico e Social da ONU e ante UNICEF. desenvolveu programas conxuntos de desenvolvemento con axencias da ONU.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
  • The Bahá'ís, a presenza oficial da Bahá'í International Community na Web

Referencias

[editar | editar a fonte]
  1. Smith, Peter (2008). An Introduction to the Baha'i Faith. Cambridge University Press.
  2. Encyclopaedia Britannica (ed.). "Bahai Faith". Consultado o 7 marzo 2026.
  3. Hatcher, William S.; Martin, J. Douglas (1984). The Bahá’í Faith: The Emerging Global Religion. Harper & Row.
  4. Amanat, Abbas (1989). Resurrection and Renewal: The Making of the Babi Movement in Iran, 1844–1850. Cornell University Press.
  5. Momen, Moojan (1981). The Babi and Baha’i Religions 1844–1944. George Ronald.
  6. Smith, Peter (2000). A Concise Encyclopedia of the Bahá’í Faith. Oneworld.
  7. Momen, Moojan (1981). The Babi and Baha’i Religions 1844–1944. George Ronald.
  8. Encyclopaedia Iranica (ed.). "Bahāʾ-Allāh".
  9. Encyclopaedia Iranica (ed.). "Bahāʾ-Allāh".
  10. "Bahai Faith".
  11. Smith, Peter (2000). A Concise Encyclopedia of the Bahá’í Faith.
  12. Smith, Peter (2008). An Introduction to the Baha'i Faith.
  13. Stockman, Robert (2012). Abdu'l-Baha in America. Kalimat Press.
  14. Hatcher, William (1984). The Bahá’í Faith: The Emerging Global Religion.
  15. Smith, Peter (2000). A Concise Encyclopedia of the Bahá’í Faith.