Ilíada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Aquiles cura a Patroclo. Detalle de vaso realizado con técnica de figuras vermellas 500 a.C.
Primeiros versos da Ilíada: Canta, musa, a cólera do pélida Aquiles; negra cólera que causou infindos males aos aqueos e precipitou ao Hades moitas vidas valerosas de heroes, os que, por vontade de Zeus, fixo présa de cans e pasto de aves. Desque se separaron disputando o Atrida rei de homes e o divino Aquiles.

A Ilíada é, xunto coa obra A Odisea, o primeiro gran poema da literatura grega e o primeiro momento da chamada historia dos xéneros poéticos gregos. Atribuídas ambas xeralmente a Homero, A Ilíada e A Odisea foron consideradas polos gregos da época clásica como as dúas obras máis importantes da súa literatura. Eran, para eles, a base da súa pedagoxía (paideia) e a súa recitación constituía unha parte central das cerimonias comunitarias gregas. Os estudosos desputan se Homero existiu, cando, e se nomea a un único individuo ou a un grupo de rapsodas.

Datación[editar | editar a fonte]

Continúase debatendo se os poemas se deben datar en torno ó século IX, VIII o incluso VII ou VI antes de Cristo; hoxe acéptase coma probable a segunda metade do século VIII. Constitúen os documentos literarios máis antigos da lingua grega, se prescindimos das Taboíñas do Lineal B coas que se escribía grego a finais da Idade do Bronce, é dicir, na Grecia micénica; a diferencia substancial reside no tipo de escritura utilizada: mentres que a Ilíada foi escrita na recentemente introducida en Grecia escritura alfabética, os textos das Taboíñas están escritos nunha escritura silábica.

Tanto A Ilíada como A Odisea están compostas no período propio do xénero épos, é dicir, en hexámetros dactílicos catalécticos. A Ilíada contén aproximadamente unhas 16.000 liñas. Máis tarde foi dividida en 24 libros ou rapsodias (unidades de recitación), e esta convención permanece sen cambiar ata o día de hoxe.

A Ilíada tematiza 51 días do décimo e derradeiro ano da Guerra de Troia, concentrándose na xenreira (mênis) do mirmidón Aquiles. Comeza coa disputa entre Aquiles e Agamenón, e acaba cos funerais de Héctor. Nin os antecedentes nin os primeiros anos da guerra (o secuestro de Helena desposada con Menelao, por Paris) nin a fin (a morte de Aquiles e o cabalo de Troia) se narran efectivamente n'A Ilíada, aínda que se fan presentes mediante diversas técnicas narrativas. Os materiais da Ilíada e da Odisea pertencen a un ciclo lendario que se xestaría ó longo dos chamados séculos escuros, chegando ata Homero. Só sobreviven pequenos treitos deses outros poemas.

Estilo[editar | editar a fonte]

As análises do estilo da Ilíada destacan principalmente dúas cousas: o carácter específico de fala de xénero (o carácter de ser unha "Kunstsprache"), que serve como base argumental para reconstruír historia da chamada "poesía oral improvisada" que, procendendo talvez da época micénica, culminaría na Ilíada e na Odisea; o seu modo específico de secuencia sintáctica e semántica, marcada pola xustaposición, parataxe de elementos, e autonomía das partes. As análises narratolóxicas enfróntanse a súa vez coa tarefa de describir o tipo de narrador, modos da focalización, linguaxe das figuras, caracterización, historias secundarias etc.

Figuras do relato[editar | editar a fonte]

Helena de Troia segundo Evelyn de Morgan, 1898.

Os homes[editar | editar a fonte]

Como poema épico aparecen nel un número elevadísimo de personaxes. A segunda metade do segundo libro (coñecido como "O catálogo das naves") está dedicado enteiramente a listar os xefes e comandantes dos aqueos. Entre os importantes están Aquiles, o maior heroe grego, o gran guerreiro e o protagonista. O comandante xefe da expedición é Agamenón, rei de Micenas, irmán de Menelao, o esposo ofendido que parte a Troia para recuperar a Helena.

Héitor, príncipe de Troia, é o principal guerreiro do exército troiano. Esposo de Andrómaca e pai de Anstiánax, Héitor representa os vínculos, a familia, a cidade enteira. Cando el morre, é coma se o lume devorase Troia.

Patroclo é o amigo máis próximo a Aquiles, o seu compañeiro de armas. É unha desas figuras silentes que apenas aparece na primeira parte da acción, pero en torno da cal xógase a catástrofe que virará o enteiro acontecer: cando, conmovido pola situación dos aqueos, suplica a Aquiles que lle empreste as súas armas e lle permita loitar e apartar os troiáns das naves, parte ó encontro da súa propia morte: Apolo golpéalle as armas e, espido, é morto por Héitor (canto 16). Unha vez que Aquiles escoita, cheo de presentimentos, a noticia da morte de Patroclo, cae ó chan "cuberto nunha nube escura", e, sumido na dor, retorna a batalla coa única fin de vingar a Patroclo e, así, camiñar dereito cara á propia morte. É entón cando o destino de Troia queda decidido: Héitor morre, pero tampouco así Aquiles acada repouso algún.

Paris, príncipe de Troia e irmán de Héitor, é o namorado e raptor de Helena. É a contrafigura de Héitor, é dicir, o contrario ó ideal guerreiro que este encarna.

Diomedes, Néstor, Odiseo ou Áiax son os herois gregos máis relevantes.

Os deuses[editar | editar a fonte]

O nivel narrativo da extratemporalidade dos deuses cumpre certas funcións no desenvolvemento e disposición da trama. No canto primeiro, o problema da ofensa de Aquiles é levado ante o máximo representante do divino, Zeus, mediante a Nereide Tetis, nai de Aquiles, deusa secundaria é, quizais por iso mesmo, posuidora dunha forza especial. Zeus, a pesar da resistencia de Hera e Atena, haberá de dar soporte á petición de retribución de Aquiles, é dicir, haberá de reflectir que pasa cando os aqueos prescinden de Aquiles. Neste sentido, a cólera supón problemas nas relacións no Olimpo tal e como están normalmente teñen lugar. As inimizades e resistencias con Hera, Atena e Poseidón dan lugar a intrigas e desvíos, se ben reflicten á vez en que consiste a primacía de Zeus respecto ós demais deuses.

O propio Platón fala da teoloxía da Iliada, dándolle unhas características que se poden resumir en[1]:

  • Introduce uns deuses que se consideran infelices, que se laian, quéixanse, arrepíntense, pelexan entre si e se deixan levar pola carraxe.
  • Di que os deuses se deixan vencer polas pregarias e sacrificios que se lles ofrecen.
  • Asegura que Deus ñe a cuasa de todos os males e pon por esa razón aos dosu lados do seu trono dous cubos cheos, un de males e outro de bens.
  • Fai que os deuses se aparezan aos homes baixo unha forma visible e, por consecuencia, falsa, posto que esta forma non é deus.
  • En fin, representa a Zeus enviando a Agamenón un soño engañoso, e mandándolle dicir unha mentira, o que é indigno de deus, que é a suma verdade.

Resumo dos Cantos[editar | editar a fonte]

  • Canto I: É o décimo ano da guerra de Troia. Aquiles e Agamenón se desentenden debido a disputa sobre unha xove cativa.
  • Canto II: Odiseo impide unha revolta e os gregos se preparan para un ataque a Troia.
  • Canto III: Paris desafía a Menelao para un duelo, propondo decidir o destino da guerra. Menelao vence, mais Paris sobrevive, salvo por Afrodita.
  • Canto IV: O pacto é quebrado polos troianos e a guerra recomeza.
  • Canto V: Diomedes, axudado por Palas Atenea, realiza grandes prodixios, ferindo Afrodita e Ares.
  • Canto VI: Heitor retorna a Troia para pedir que se tente acalmar Palas Atenea. Encontrase con esposa e fillo e retorna à batalla xunto de seu irmán Paris.
  • Canto VII: Heitor duela con Aiax. A loita empata, interrompida pola noite.
  • Canto VIII: Os deuses se retira da batalla.
  • Canto IX: Agamenón tenta se reconciliar con Aquiles, mais este recusa.
  • Canto X: Diomedes e Odiseo saen en misión de espionaxe e atacan o campamento troiano.
  • Canto XI: Paris fere Diomedes, e Patroclo fica sabendo da desastrosa situación grega.
  • Canto XII: Retirada grega até as naos.
  • Canto XIII: Poseidón apiádase dos gregos e motívaos.
  • Canto XIV: Hera adormece a Zeus, permitindo a reacción grega.
  • Canto XV: Zeus acorda e impide que Poseidón continúe interferindo. Os troianos retoman a vantaxe no combate.
  • Canto XVI: Patroclo pide a armadura a Aquiles e permiso para entrar na loita. Aquiles concede, porén Patroclo é morto por Heitor.
  • Canto XVII: Hai unha disputa polo corpo e armadura de Patroclo. Heitor fica coa armadura e Aiax co corpo.
  • Canto XVIII: Aquiles fica sabendo da morte de Patroclo, e súa nai lle providencia unha nova armadura.
  • Canto XIX: Aquiles, de armadura nova e reconciliado con Agamenón, se xunta á guerra.
  • Canto XX: Batalla furiosa, da cal participan libremente os deuses.
  • Canto XXI: Aquiles chega aos portóns de Troia.
  • Canto XXII: Aquiles duela con Heitor e o mata. A seguir, deshonra o seu cadáver, arrastrándoo ao campamento grego.
  • Canto XXIII: Patroclo é velado adecuadamente.
  • Canto XXIV: Príamo pide o cadáver do fillo a Aquiles que, conmovido, cede. Heitor é debidamente velado en Troia.

A Guerra de Troia como bastidor da Ilíada[editar | editar a fonte]

Os troianos levan o corpo de Héctor á cidade.

Homero, pertencente á esfera dos aedos que xestaran e transmitiran poemas orais ó longo dos séculos escuros, foi o primeiro que, coa axuda da escritura alfabética reacabada de introducir en Grecia (aproximadamente no 800 a.C.), puxo por escrito gran parte dos materiais da arte dos aedos para compoñer un poema de gran extensión e cunha planificación unitaria. Con el empeza a chamada "textualidade occidental".

O que segue son algúns dos antecedentes e desenvolvementos histórico-mitolóxicos da Guerra de Troia, coñecido por autores posteriores. Tanto Zeus como Poseidón desexaban a ninfa Tetis como esposa (cfr. Ístmica VIII de Píndaro) pero a profecía feita por Prometeo ou Themis aseguraba que o fillo de Tetis sería máis forte có seu pai. Debido a isto, Tetis foi entregada a un mortal: Peleo, da casta dos Eácidas, que, por non ter nada que perder, puido enfrontarse ó perigo de casar con Tetis. O froito deste obrigado matrimonio foi Aquiles, o mellor dos heroes. Segundo algunhas versións posteriores á Ilíada, Tetis, para protexelo, cando era neno, mergullouno no río Styx, converténdoo en invencible excepto polo calcañar (o lendario calcañar de Aquiles) co que o agarrou. Aquiles medrou deste xeito para chegar a ser o máis grande dos guerreiros mortais.

A muller máis fermosa do mundo era Helena, filla de Leda ou Némesis e máis Zeus. Todo o mundo procuraba a súa man. O seu pai, dubidando de a quen escoller por temor a facer inimigos entre os que non fosen elixidos, resolveu o problema facéndolles xurar a todos os pretendentes que protexerían a Helena e o seu futuro marido. Entre eles estaban Agamenón, Aiax o Grande, Diomedes, Odiseo, Néstor, Idomeneo e Filóctetes. Helena casou con Menelao de Esparta e a súa irmá Clitemnestra co irmán de Menelao, Agamenón de Tebas. Nunha misión diplomática a Esparta, Paris namórase de Helena, que fora a súa vez prometida a Paris por Afrodita [sc. xuízo de Paris] e é raptada e levada a Troia por aquel. Furioso porque ou ben Helena o abandonara ou fora raptada, Menelao fai que todos os que fixeran o xuramento unan as súas forzas e se dirixan a Troia para rescatar a princesa e castigar os raptores. Desembarcados en Troia, asedian a cidade durante dez anos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Segundo versión de Ignacio García Malo, na súa tradución do ano 1788, imprenta de Pantaleón Aznar, Madrid pax. XXXVI

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Homero, La Iliada, Editorial Gredos: Madrid, 2000. ISBN 84-249-2460-6.
  • Munro, D. V., Allen, T. W., Homeri Opera, recognoverunt brevique adnotatione critica instruxerunt, Oxford classical Texts, 1920.
  • Latacz, J., Homer. Der erste Dichter des Abendlands, Düsseldorf-Zürich, 1997.
  • Schadewaldt, W., Der Aufbau der Ilias, Frankfurt a. Main, 1975.