Saltar ao contido

Islamismo

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Islamismo é o nome que reciben un conxunto heteroxéneo de doutrinas e prácticas políticas que basicamente defenden o islam non só como relixión senón como base para rexeren as esferas económica, política e social do Estado. O islamismo non é,[Cómpre referencia] polo tanto, un movemento de carácter relixioso senón político. De aí que a maior parte dos escritos islamistas non traten sobre relixión senón sobre ideoloxía política.

Características

[editar | editar a fonte]

O termo islamismo utilízase con frecuencia, incorrectamente, para nomear ao islam. Con frecuencia, tamén, asimílase o islamismo ao que, en Occidente sobre todo, adoita chamarse integrismo ou fundamentalismo. Non obstante, aínda que nalgúns puntos coincide con eles, o islamismo é algo conceptualmente distinto. En efecto, ao pretender un retorno ás fontes do islam como base para a organización social, o islamismo confúndese a miúdo cunha especie de tradicionalismo. Porén, choca acotío con este xa que ao facer unha interpretación literal da doutrina obvía usos que non pertencen a esta pero que foron consagrados pola tradición. Así, por exemplo, a doutrina islámica non prohibe a participación das mulleres na vida política, pero a tradición si, e en moitos lugares dáse o caso de que nas organizacións islamitas hai maior número de activistas mulleres que, por exemplo, en organizacións laicas de esquerdas.

Orixe e evolución

[editar | editar a fonte]

O islamismo é moi diverso e dificilmente pode ser asimilado a ningún movemento relixioso ou político occidental. Ten a súa orixe na organización Irmáns Musulmás fundada no Exipto no 1928, e experimentou un auxe crecente desde os anos oitenta. Iso é froito, por unha parte, do fracaso do modelo socialista do nacionalismo árabe, encarnado polo partido Baaz ou polo naserismo, que durante moitos anos encarnou as aspiracións de transformación social no mundo árabe; e por outra, do triunfo da revolución islámica en Irán, que marcou un modelo a seguir.

Durante os anos oitenta e noventa o retorno á esencia do islam e a busca da propia identidade víronse favorecidos pola crise socioeconómica, a occidentalización do modo de vida na maioría dos países musulmás e a globalización da economía. Trala instauración en 1969 da República Árabe Libia Popular e Socialista (obra de Muammar al-Gaddafi, que implantou un réxime onde se conxúgan panislamismo e socialismo), a Revolución Islámica de Irán (1979), dirixida polo aiatolá Ruhollah Khomeini e que supuxo a implantación dunha república islámica naquel país, ofreceu o primeiro modelo específico aos movementos e partidos islámicos. Outros lugares en onde se adoptou con éxito un islamismo de maior ou menor radicalidade foron Arabia Saudita, o Sudán, Chechenia e, desde 1996 a 2001, gran parte do territorio de Afganistán controlado polos talibáns.

Os islamitas pretenden conquistar a opinión pública dos países musulmáns por medio dunha acción social. Dunha eficacia limitada, as redes de axuda mutua destinadas a remediar o paro e a pobreza, así como a carencia de servizos sociais, contribúen a manteren a súa influencia, especialmente entre os mozos, primeiras vítimas das crises económicas.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]