Maldivas
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde outubro de 2015.) |
A República das Maldivas (en maldivano: ދިވެހި ޖުމްހުރިޔަ, Dhivehi Jumhuriya) é un país de Asia constituído por 1 196 illas, das cales están 203 habitadas, situadas a aproximadamente 450 km ao sur do Decan. A súa superficie é de 302 km². As illas reagrúpanse en 26 atois cada un co nome dunha ou dúas letras do alfabeto maldivano (escritura Taana). Atópase ao suroeste de Sri Lanka e a India, a uns 750 km. do continente asiático. A cadea de atois esténdese desde atol Ihavandhippolhu no norte ata o atol Addu no sur (a través do Ecuador).
Compoñendo un territorio que abarca aproximadamente 90,000 kilometros cadrados (34,749 sq mi), incluíndo o mar, a superficie terrestre de todas as illas comprende 298 kilometros cadrados (115 sq mi), Maldivas é unha dos estado soberanos e o país asiático máis pequeno así como un dos países de maioría musulmá máis pequenos por superficie terrestre e, con preto de 557.751 habitantes, o 2º país menos poboado de Asia. Malé é a capital e a cidade máis poboada, chamada tradicionalmente a "Illa do Rei" onde as antigas dinastías reais gobernaban pola súa localización central.[1]
O arquipélago das Maldivas está situado na Dorsal Chagos–Laquedivas, unha vasta cadea montañosa submarina no océano Índico, isto tamén forma unha ecorrexión terrestre, xunto co Arquipélago de Chagos e Laquedivas. Cunha elevación media do nivel do chan de 1´5 m. sobre o nivel do mar,[2] e cunha elevación natural máis alta de só 2,4 metros, é o país máis baixo do mundo. (Ten en conta que algunhas fontes indican que o punto máis alto, o monte Villingili, ten 5,1 metros)[2]
No século XII o islam chegou ao arquipélago das Maldivas, que se consolidou como sultanato, desenvolvendo fortes lazos comerciais e culturais con Asia e África . A partir de mediados do século XVI, a rexión pasou baixo a crecente influencia das potencias coloniais europeas, e as Maldivas converteuse nun protectorado británico en 1887. A independencia do Reino Unido chegou en 1965, e en 1968 estableceuse unha república presidencial cun Majlis do Pobo elixido. Nas décadas posteriores víron inestabilidade política, esforzos de reforma democrática,[3] e os retos ambientais que supón o cambio climático e aumento do nivel do mar.[4]
Historia
[editar | editar a fonte]A historia antiga de Maldivas é escura. Segundo a lenda maldivana, un príncipe cingalés chamado Koimale encallou coa súa esposa, filla do rei de Sri Lanka, nunha lagoa de Maldivas e dominou a rexión como o primeiro sultán.
Pasando os séculos, as illas foron visitadas e influenciadas por mariñeiros dos países do mar Arábigo e dos litorais do océano Índico. Os piratas de Mopla provenientes da costa Malabar, actualmente o Estado de Kerala na India, arrasaron as illas. No século XVI, os portugueses subxugaron e dominaron as illas por quince anos (1558 - 1573) antes de ser expulsados polo heroe nacional e despois sultán, Muhammad Thakurufaanu Al-Azam.
O país foi gobernado como un sultanato islámico independente na maior parte da súa historia entre 1153 e 1968. Foi un protectorado británico desde 1887 ata o 25 de xullo de 1965. En 1953, por un breve tempo, implantouse unha república pero o sultanato reimpúxose. Os maldivanos seguían o budismo antes de que se convertesen ao islam; esta conversión é explicada nunha controvertida historia mitolóxica sobre un demo chamado Rannamaari.
A independencia do Reino Unido obtívose en 1965, seguindo o sultanato por 3 anos máis. O 11 de novembro de 1968 foi abolido e substituído por unha república.
O 26 de decembro de 2004, as illas foron devastadas por un tsunami, que seguiu ao terremoto do océano Índico de 2004, que produciu ondas de 1.2 a 1.5 metros de alto e alagou o país case por completo. Polo menos 75 persoas morreron, incluíndo seis estranxeiros, e a infraestrutura destruíuse por completo en 13 illas habitadas e 29 das illas turísticas.
Política
[editar | editar a fonte]Maldivas é unha república presidencialista, é dicir, onde o presidente é xefe de estado e goberno. O presidente é elixido por cinco anos, por voto segredo do parlamento e ratificado despois por un referendo.
O poder lexislativo corresponde ao parlamento unicameral, a Majlis de Maldivas, composta por cincuenta membros, corenta e dous elixidos por sufraxio universal e oito nomeados polo presidente. Renóvase cada cinco anos.
Ata 2005 Maldivas tiña un sistema unipartidista dominado polo Dhivehi Rayyithunge Party. Ese ano legalizáronse os partidos políticos, sendo o Partido Demócrata de Maldivas o principal referente opositor.
Subdivisións
[editar | editar a fonte]As Maldivas teñen 26 atois naturais, divididos en 20 atois administrativos.
Atois administrativos:
- Thiladhunmathi Uthuru Haa-Alif.
- Thiladhunmathi Dhekunu Haa-Dhaalu.
- Miladhunmadulu Uthuru Shaviyani.
- Miladhunmadulu Dhekunu Noonu.
- Maalhosmadulu Uthuru Raa.
- Maalhosmadulu Dhekunu Baa.
- Faadhippolhu Lhaviyani.
- Malé atol Kaafu.
- Ari atol Uthuru Alif-Alif.
- Ari Atoll Dheknu Alif-Dhaal.
- Felidhé atol Vaavu.
- Mulaku atol Meemu.
- Nilandhé atol Uthuru Faafu.
- Nilandhé atol Dhekunu Dhaalu.
- Kolhumadulu Thaa.
- Hadhdhunmathi Laamu.
- Huvadhu atol Uthuru Gaafu-Alif.
- Huvadhu atol Dhekunu Gaafu-Dhaalu.
- Fua Mulaku Ñaviyani.
- Addu Seenu.
Xeografía
[editar | editar a fonte]A uns 700 km ó sur oeste de Sri Lanka, está formado por 20 atois con máis de mil illas de coral. As Maldivas manteñen a marca de ser o país máis plano no mundo, cunha altitude máxima de só 2,4 metros na illa Vilingili, no atol Addu. O 80% da súa superficie está a menos de 1 m de altura. O nivel do mar supón un perigo para o país, cun ascenso medio de 4,8 mm/ano.[5]
Un tsunami no océano Índico causado polo terremoto do 26 de decembro de 2004, causou que un sector das Maldivas fose cuberto polo mar, deixou a moitas persoas sen fogar, matou 82 persoas e outras 26 desapareceron. Despois do desastre, os cartógrafos están planeando redebuxar o mapa das illas devastadas polas alteracións provocadas polo tsunami. O pobo e o goberno están preocupados de que eventualmente o país sexa borrado do mapa.
Clima
[editar | editar a fonte]As Maldivas posúen un clima tropical moderado pola presenza do océano Índico, que determina unha temperatura case constante ao longo do ano. Moi raras veces a temperatura descende por baixo de 25 graos.
O clima de Maldivas está determinado polo sistema de monzóns típico de certas rexións tropicais e ecuatoriais. Existen dous períodos importantes: a estación do monzón "seco" de inverno (iruvai) que sopra desde o nordés desde novembro a marzo, que é a época máis fresca; e a estación do monzón húmido de verán (hulhangu) que sopra do suroeste desde maio a novembro. Esta última caracterízase por ventos máis violentos, e maior precipitación. Nos períodos intermedios de mediados de abril e de fins de novembro as condicións meteorolóxicas son moi benignas e as augas posúen a súa máxima claridade.
A humidade é claramente inferior durante o monzón de inverno.
Economía
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Economía das Maldivas.
A economía das Maldivas foi por moitos séculos totalmente dependente da pesca e doutros produtos mariños, e aínda hoxe segue sendo a principal ocupación da poboación. Este feito significou tamén que o goberno lle dese unha prioridade especial ao desenvolvemento do sector pesqueiro. Porén, as illas reciben 600 000 turistas cada ano.[5]
Ademais da pesca, outra actividade que creceu durante os últimos anos é o turismo. O seu desenvolvemento creou directa e indirectamente emprego e xerou oportunidades noutras áreas laborais, como son as industrias. Na actualidade, o turismo é responsable do maior ingreso de moeda estranxeira no país, contribuíndo cun 20 % do PNB. Con 86 centros turísticos en operación, no ano 2000 alcanzouse a cifra de 467.174 turistas estranxeiros.
A pesca desenvolveuse nos últimos tempos de forma considerable. En 1974 mecanizouse o bote tradicional de pesca e tres anos despois instalouse unha planta de envasado de peixe na illa de Felivaru. Ademais, en 1979 creouse un Comité que asesora ao goberno sobre temas de pesca e mesmo se incluíron temas relacionados coa pesca no currículo escolar. Grazas a este desenvolvemento e ao establecemento da Zona Económica Exclusiva de Maldivas, a industria pesqueira contribúe con máis do 15 % no PIB.
A agricultura esta limitada pola escaseza de terras cultivables, hai pequenas plantacións de palmeiras cocoteiras, papaia e árbore do pan. O coco representa o principal recurso agrícola, elaborándose tecidos coa súa fibra e elaborando copra. É tan importante o coco que o valor dunha illa se determina polo número de palmeiras cocoteiras que posúe o cal é controlado anualmente en forma rigorosa polo Xefe da illa. Nas illas máis grandes hai algunhas plantacións de froita e verdura, que sofren pola escaseza de auga e a alcalinidade do terreo. Existen algúns experimentos en curso con cultivos hidropónicos.
Demografía
[editar | editar a fonte]As Maldivas comprenden un grupo de ao redor de 1.900 illas no océano Índico. Probablemente os seus primeiros poboadores procederon do sur da India e foron falantes indo-europeos de Sri Lanka, durante os séculos V e IV a.C..
No século XII, chegaron ás illas navegantes desde África do leste e países arábigos. Na actualidade, a identidade étnica das Maldivas é unha conxunción desas culturas, reforzada pola relixión e o idioma.
Orixinariamente budistas, os cingaleses foron convertidos ao sunnismo a mediados do século XII. O islam é a relixión oficial.
No ano 2007, Maldivas tiña unha poboación de 369.000 habitantes. A esperanza de vida é de 64 anos. O 97.2% da poboación está alfabetizada. A media de fillos por muller é de 4.78, unha das taxas máis elevadas do mundo, o cal está provocando un crecemento de poboación nunca visto na historia do país e isto vai levar á destrución dos seus bosques e recursos naturais.
O idioma oficial é o dhivehi (a escritura é chamada thaana), un idioma indoeuropeo relacionado co cingalés, o idioma oficial de Sri Lanka. O sistema de escritura thaana é de dereita a esquerda. O inglés é amplamente utilizado para o comercio e de xeito crecente, é un medio de ensino nas escolas gobernamentais.
Cidades
[editar | editar a fonte]Segundo os datos do censo de marzo de 2006, as principais poboacións son:
- Malé: 104.403 habitantes.
- Hithadhoo: 9.407 habitantes.
- Fuvammulah: 7.642 habitantes.
- Kulhudhuffushi: 7.206 habitantes.
- Thinadhoo: 4.453 habitantes.
Cultura
[editar | editar a fonte]As Maldivas son un país musulmán rigoroso. O islam é a única relixión legal. Está prohibido introducir :
- obxectos doutras relixións sexa cal sexa a súa natureza (insignias, libros, estatuas, e inclusive souvenirs da India ou de Ceilán, por exemplo).
- alcohol, carne de porco etc.
- revistas ou obxectos eróticos.
Como o país non pode prescindir da contribución económica do turismo, estes obxectos, cando son detectados na aduana do aeroporto de Malé, son metidos en consigna e devoltos á saída.
Os hoteis, situados nas illas onde non poden servir aos habitantes do país, serven alcohol sen restrición. Practicamente o único lugar onde o turista non musulmán pode contactar coa poboación local é na pequena capital, Malé. Nas outras illas, aplícase unha segregación estrita.
Turismo
[editar | editar a fonte]Maldivas é famosa pola beleza e rareza do seu mundo subacuático. A diversidade das cores azul e turquesa das súas augas e a abundancia e a variedade da vida subacuática fascinan os amantes do mergullo. A visibilidade submarina que ás veces chega a ser de ata 50 metros, sumado á calidez das augas fai moi pracenteira a práctica de actividades subacuáticas.
Maldivas é chamada 'o último paraíso sobre a terra' e en efecto posúe un conxunto de atributos de ilusión: illas tropicais virxes con palmeiras, praias con areas de brancura inmaculada e lagoas de augas turquesa.
Moitos dos complexos de vacacións posúen escolas de mergullo profesionais que cobren as necesidades de novatos e expertos. Ademais é moi común que os hoteis posúan arrecifes coralinos pouco profundos a escasos metros da praia, que son adecuados para persoas que practican mergullo e onde tamén é posible practicar a fotografía subacuática.
Unha serie de sitios sobre o lado leste do atol ao norte de Malé posúen moi boas condicións para a práctica do surf, deporte que está comezando a desenvolverse nesa zona.
Nas Maldivas tamén é posible realizar avistaxe embarcado de baleas e golfiños. Máis de vinte especies foron identificadas nas augas do arquipélago.
O desenvolvemento do turismo fomentou o crecemento total da economía do país e creou oportunidades directas e indirectas de emprego e de renda noutras industrias relacionadas. Hoxe, o turismo é a maior vía de ingreso de moeda estranxeira do país, contribuíndo ó vinte por cento do PIB. Cos recursos turísticos de oitenta e seis complexos turísticos en funcionamento, o ano 2006 rexistrou 601.923 chegadas turísticas.
Notas
[editar | editar a fonte]- Referencias
- ↑ "Male | Geography, Facts, & Points of Interest". Arquivado dende o orixinal o 14 de xaneiro de 2021. Consultado o 11 de xuño de 2020.
- ↑ 2,0 2,1 Henley, Jon (11 de novembro de 2008). "The last days of paradise". The Guardian (London). Arquivado dende o orixinal o 4 de setembro de 2013. Consultado o 12 de maio de 2010.
[As Maldivas] ostenta o récord do país co menor punto álxido da terra: en ningunha das illas de Maldivas o nivel natural do chan supera os 5.1 m. A maior parte da masa terrestre das [Maldivas], que suma aproximadamente unha quinta parte do Gran Londres, é moito máis baixa [...], cunha media duns 1,5 m.
- ↑ "Maldives – Country report – Freedom in the World – 2015". 21 de xaneiro de 2015. Arquivado dende o orixinal o 14 de agosto de 2016. Consultado o 19 de xuño de 2016.
- ↑ National Adaptation Program of Action: Republic of Maldives (PDF) (Informe). Ministry of Environment, Energy and Water. 2007. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de xaneiro de 2021. Consultado o 24 de febreiro de 2019.
- ↑ 5,0 5,1 "Jewels of the Maldives". European Space Agency (en inglés). Consultado o 2019-02-15.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Maldivas |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Official tourist information
- President's Office
- Maldives. The World Factbook. Central Intelligence Agency.
- Maldives from UCB Libraries GovPubs
- Maldivas en Curlie (en inglés)
- Maldives from the BBC News
- Wikimedia Atlas de Maldives.
- Key Development Forecasts for the Maldives from International Futures
- Constitution of the Republic of Maldives