Subcontinente indio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Subcontinente indio.

O subcontinente indio é a rexión xeográfica que comprende a maior parte da India histórica, no presente dividida entre os estados da India, Paquistán, Bangladesh, o Nepal e Bután. Por razóns culturais e xeográficas, considéranse tamén parte do subcontinente os estados insulares de Sri Lanka e as Maldivas. Todos estes países forman parte da Asociación Surasiática para a Cooperación Rexional (SAARC, en sigla inglesa). O subcontinente indio foi coñecido durante séculos como o Indostán e é equivalente ó territorio que até a desaparición do Raj británico en 1947 era coñecido como a “India británica”. En total, a superficie do subcontinente indio ascende a uns 4 480 000 km².

Nomenclatura[editar | editar a fonte]

A miúdo chamado simplemente o Subcontinente, por tratarse da única rexión do mundo á que se aplica habitualmente este cualificativo, a rexión coñecíase en Occidente simplemente como “a India” ou como “as Indias” até 1947, cando a partición da antiga India británica supuxo a división do territorio entre os estados de Unión da India e Paquistán. Deste último estado escindiríase posteriormente a súa parte oriental co nome de Bangladesh. Moitos habitantes de Paquistán e Bangladesh rexeitan o termo “subcontinente indio” por considerar que o adxectivo “indio” debe aplicarse soamente ó Estado actual da República da India. Máis axeitado sería o termo Indostán polo seu uso histórico e a súa orixe terminolóxica, pero é de pouco uso no presente. Un nome alternativo para a rexión é Asia Meridional ou Sur de Asia, aínda que esta denominación ás veces inclúe tamén a Afganistán e Irán, e ás veces até Birmania.

Xeografía[editar | editar a fonte]

O subcontinente indio nunha composición de imaxes de satélite.

A rexión limita polo norte e polo leste coa cadea montañosa do Himalaia, e co mar Arábigo e a baía de Bengala polo sur. A cordilleira Hindu Kush entre Paquistán e Afganistán adoita considerarse a fronteira noroccidental do subcontinente. A parte occidental de Paquistán, Baluchistán, está separada do subcontinente polos montes Suleimán, polo que xeograficamente non forma parte do mesmo, ó estar xa na meseta iraniana.

En termos xeolóxicos, a rexión está considerada un subcontinente porque se asenta sobre unha placa tectónica diferenciada, a "placa india" (parte da placa Indoaustraliana), orixinalmente un pequeno continente que chocou coa placa Euroasiática, dando lugar á cordilleira do Himalaia e á meseta tibetana. No presente, a placa india continúa desprazándose cara ó norte, o cal fai que os montes que conforman o Himalaia medren varios centímetros cada década.

Poboación[editar | editar a fonte]

O subcontinente indio é unha das rexións máis densamente poboadas do mundo. Máis de 1600 millóns de persoas, unha cuarta parte da poboación mundial, habitan na rexión. A densidade de poboación de 350 persoas por quilómetro cadrado é sete veces superior á media mundial.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]