Zoroastrismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Faravahar (ou Ferohar), un dos principais símbolos do zoroastrismo, suponse que é a representación dun Fravashi (espírito gardián).

O zoroastrismo é unha relixión e unha filosofía baseada nas ensinanzas do profeta Zoroastro (tamén coñecido coma Zaratustra, na lingua avéstica) e antigamente atopábase entre as maiores relixións do mundo.[1] Foi fundada probablemente pouco antes do século VI a.C. en Persia (Irán). O termo Zoroastrismo úsase coma sinónimo de Mazdeísmo (a adoración de Ahura Mazda, exaltado por Zoroastro coma a suprema divindade).

No zoroastrismo, o creador Ahura Mazda é todo bondade, e ningún mal provén del. Polo tanto, no zoroastrismo o ben e o mal proveñen de distintas fontes, co mal (druj) intentando destruír a creación de Mazda (asha), e o ben intentando mantela. Mazda non é inmanente ao mundo, e a súa creación represéntase polos Amesha Spentas e o fogar doutros Yazatas, mediante os cales os traballos de Deus son evidentes á humanidade, e a través dos cales a adoración de Mazda se dirixe en último termo. Os textos máis importantes da relixión son os Avesta, dos cales se perdeu unha porción significativa; case só sobreviviron as liturxias. As porcións perdidas coñécense só a través de referencias e breves citas en traballos posteriores, principalmente entre os séculos IX e XI.

Dalgún xeito, serviu como relixión nacional (antes do século III) ou relixión de Estado (entre os séculos III e VII) dunha parte significativa do pobo iranio. Comezou a decrecer logo da invasión do Imperio Aqueménida por Alexandre Magno, despois da cal se desintegrou[2] e foi logo marxinada gradualmente polo islam a partir do século VII coa invasión musulmá de Persia e o declive do Imperio Sasánida.[3] O poder político das dinastías iranias preislámicas legáronlle ao zoroastrismo un grande prestixio na antigüidade, e algunhas das súas doutrinas principais foron adoptadas por outros sistemas relixiosos. Non ten grandes división teolóxicas (o único cisma significativo baséase en diferenzas no calendario), pero non é uniforme. As influencias modernas tiveron un impacto importante nas crenzas individuais e locais, nas prácticas, nos valores e no vocabulario, complementando ás veces a tradición e enriquecéndoa, mais ás veces tamén desprazando a tradición por completo.

Crenzas básicas[editar | editar a fonte]

Así di o credo zoroastriano coñecido como Fravarane (Yasna 12. I, contido no Avesta)[4]:

"Aborrezo ser o adorador dos Devas; confésome adorador de Mazdah, como seguidor de Zaratustra, inimigo dos Devas, testemuña do Señor, alabador dos benfeitores inmortais. Ao Sabio Señor prometo todo ben, todo o mellor que existe; a el, o Bo, o Benévolo, o Xusto, o Magnífico, o Farturento, de quen se orixina a vaca, de quen vén a lei, as luces celestiais, coas cales se xunguen os gozos da felicidade. Escollo para min a santa e a boa docilidade; ela debe pertencerme. Arrenego do furto e da rapina do gando, do saqueo e da devastación das aldeas dos adoradores de Mazdah. Concedo libre entrada e permanencia aos moradores da miña casa, o mesmo que aos animais domésticos cos que habito sobre a terra. Prometo aos homes xustiza coa debida reverencia: de agora en diante non saquearei, ni devastarei as aldeas dos mazdeos, nin condescenderei co amor ao corpo e á vida. Confiésome mazdeo, discípulo de Zaratustra con voto e confesión. Prometo pensar ben, falar ben e obrar ben".

O zoroastrismo baséase na existencia de Ahura Mazda, un deus universal e transcendente. Dise del que é o único creador non creado a quen toda adoración se dirixe en último termo.[5] A creación de Ahura Mazda evidénciase como asha; a verdade e a orde son a antítese do caos, que é evidente como druj, falsidade e desorde. Os conflitos resultantes implican a todo o universo, incluíndo a humanidade, que ten un rol activo que xogar no conflito.[5]

A relixión establece que a participación activa na vida a través de bos pensamentos, boas palabras e boas accións, é precisa para asegurarse a felicidade e manter o caos á parte. Esta participación activa é un elemento central no concepto de Zoroastro do libre albedrío e o zoroastrismo rexeita calquera forma de monacato. Ahura Mazda rematará por prevalecer sobre o mal, Angra Mainyu ou Ahriman, momento no cal o universo sufrirá unha renovación cósmica e o tempo rematará. Na renovación final, toda a creación (mesmo as almas dos mortos que foron inicialmente castigadas á "escuridade") reuniranse en Ahura Mazda, volvendo á vida na forma inmortal. Ao final dos tempos, unha figura salvadora (un Saoshyant) traerá a renovación final ao mundo (frasho.kereti), na cal os mortos revivirán.[5]

Na tradición zoroastriana, o mal é representado por Angra Mainyu (tamén chamado "Ahriman"), o "Principio Destructivo", mentres que o ben se representa mediante o Spenta Mainyu de Ahura Mazda, o instrumento ou "principio xeneroso" do acto da creación. É mediante Spenta Mainyu que o Ahura Mazda transcendental é inmanente á humanidade, e mediante o cal o Creador interactúa co mundo. De acordo coa cosmoloxía zoroastriana, na articulación da fórmula Ahuna Vairya, Ahura Mazda fixo o seu último triunfo evidente a Angra Mainyu. Coma expresións e aspectos da Creación, Ahura Mazda emanou os Amesha Spentas ("inmortais xenerosos"), sendo a hipóstase e a representación de cadanseu aspecto desa Creación. Estes Amesha Spenta son asistidos por unha grupo de principios menores, os Yazatas, e cada un é "merecedor de adoración" e cada un de novo a hipóstase de cadanseu aspecto moral ou físico da creación.

Relación con outras relixións e culturas[editar | editar a fonte]

O zoroastrismo posúe unha importancia única na historia das relixións por causa das súas ligazóns coas tradicións occidental abrahámica e oriental dhármica.

Sábse que as ensinanzas de Zoroastro deixaron pegadas no xudaísmo. Estas aprécianse na anxeloloxía, a crenza nun estado futuro de premios e castigos, a inmortalidade da alma e o xuízo final. Todo iso forma parte fundamental do esquema zoroastriano. Adicionalmente, a figura de Satanás, orixinariamente servente de Deus, asignado a el como o seu fiscal, veu asemellarse á de Ahriman, o inimigo de Ahura Mazda (Deus), cada vez máis. Tamén, a figura do Mesías, que inicialmente era un rei futuro de Israel que salvaría o seu pobo da opresión, evolucionou, en Isaías, por exemplo, nun salvador universal moi semellante ao Saoshyant persa (iraniano). Outros puntos de comparación entre Persia e Israel inclúen a doutrina dos milenios, o Último Xuízo, o libro celestial no que se inscriben as accións humanas, a Resurrección, a transformación final da terra, o Paraíso na terra ou no Ceo, o Inferno etc.

Algúns estudosos (Boyce, 1987; Black and Rowley, 1987; Duchesne-Guillemin, 1988) cren que un bo número de elementos da escatoloxía, soterioloxía, anxeloloxía e demonoloxía do xudaísmo -unha influencia clave no cristianismo-, ten a súa orixe no zoroastrismo, e foi transferida ao xudaísmo durante a catividade babilónica e a era persa. Con todo, existen diferenzas nos sistemas de crenzas.

Segundo Mary Boyce, «o zoroastrismo é a máis antiga de todas as relixións de credo reveladas, e tivo probablemente máis influencia, directa ou indirectamente, que calquera outro culto individual» (Boyce, 1979, páx. 1). O zoroastrismo propúxose como a fonte dos aspectos pos-Torá máis importantes do pensamento relixioso xudeu, que emerxeu durante a catividade babilónica.

Nos actos relixiosos e colección dos textos sagrados do Zoroastrismo emprégase o dialecto gatha ou lingua avéstica.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. http://www.bestirantravel.com/culture/zoroastrian.html
  2. Hoschander, Jacob. "The Book of Esther in the Light of History: Chapter IV", The Jewish Quarterly Review, New Series, Vol. 10, No. 1 (Jul., 1919), pp. 87-88
  3. Hourani, p. 87.
  4. A partir da versión expañola de Carlos Cid e Manuel Riu, Historia de las religiones. Editorial Ramón Sopena, S.A. Barcelona. 1965. p. 265.
  5. 5,0 5,1 5,2 Zoroastrianism: Holy text, beliefs and practices

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Zoroastrismo Modificar a ligazón no Wikidata

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]