Ciro II

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.

Ciro II o Grande (antigo persa Kurash, persa moderno کوروش Kurosh, circa -600/-575 - -529), rei aqueménida de Persia (circa -555-529) e fundador do Imperio persa. As súas conquistas estendéronse sobre Media, Lidia e Babilonia, desde o Mar Mediterráneo ata a cordilleira do Hindu Kush, creando así o maior imperio coñecido ata ese momento. O imperio fundado por Ciro mantivo a súa existencia durante máis de douscentos anos, ata a súa conquista final por Alexandre Magno (-332).

Nome[editar | editar a fonte]

Ciro é a forma latinizada e galeguizada do grego Κύρος (Kuros), que á súa vez deriva do persa antigo Kurash (ás veces transcrito como Kurush, Koroush, Khorvash, etc). Sobre a súa etimoloxía, os autores clásicos Ctesias e Plutarco relacionábano coa palabra "sol", aínda que os autores modernos polo xeral prefiren "novo" ou "o que humilla ao seu inimigo nunha disputa verbal". O epíteto "o Grande" é utilizado polas fontes gregas, que tamén o chaman "o Vello" (ou "o Maior"), en contraposición ao posterior Ciro o Xove. Posibelmente deriva do título de "vazraka" ("grande"), utilizado polos soberanos persas a partir de Ciro ("Xshayathiya vazraka", "gran rei").

Orixes[editar | editar a fonte]

Pasargadas: a tumba de Ciro

Ciro era fillo de Cambises I de Anshan, da dinastía aqueménida, e, segundo Heródoto, de Mandane, filla do rei medo Astiaxes e de Aryenis, princesa do reino de Lidia. Isto proporciónalle certa lexitimidade sobre os tronos de Media e Lidia, polo que se pode tomar como un invento da propaganda oficial; no entanto, as alianzas dinásticas eran usuais. Os antecesores de Ciro lideraban os grupos persas establecidos na zona montañosa do leste do antigo reino de Elam (suroeste do actual Irán) desde principios do século -VII, baixo Aquemenes, lendario fundador da dinastía Aqueménida. Ostentaban o título de "rei de Anshan", cidade de forte tradición elamita, e desde o século -VI eran vasalos do reino de Media. A residencia real de Ciro situábase en Pasargadas, preto de Anshan; non obstante é probábel que xa se utilizase Susa, outro antigo centro urbano do suroeste de Elam, como capital alternativa.

O avó de Ciro II, Ciro I de Anshan, podería ser identificado co Ciro de Parsumas mencionado polo rei asirio Asurbanipal cara ao -647. Isto situaría a data de nacemento de Ciro preto do -600, o que coincide co reporte do historiador grego Dinón (citado por Cicerón en De Divinatione). En caso contrario, preferiríanse datas máis tardías, ao redor do ano -580.

Certas inscricións achadas en Ecbatana (Media, ao norte de Irán) indicarían que Ariaramnes e Arsames, membros dunha casa colateral da dinastía, reinarían en correxencia de Ciro I e Cambises I [1]. No entanto, por razóns de estilo e de contexto histórico, polo xeral considéranas falsificacións, ou ben obra do posterior rei Darío I (neto de Arsames e bisneto de Ariaramnes), ou ben modernas.

Expansión[editar | editar a fonte]

Conquista de Media[editar | editar a fonte]

Cara ao -559, Ciro II sucedeu ao seu pai Cambises I. Segundo Heródoto, Ciro rebelouse contra o soberano medo Astiaxes, a quen logrou depoñer logo de recibir o apoio de Harpago, comandante do exército medo. Fontes contemporáneas din, corroborando a Heródoto, que no ano -550 (Crónica de Nabónido, ou Crónica de Babilonia 7Todas as referencias á Crónica de Nabónido e o Cilindro de Ciro son baseadas en Pritchard 1969, Ancient Near Eastern texts relating to the Old Testament. Véxase bibliografía.), ou -553 (Cilindro de Sippar), Astiaxes atacou a Ciro, pero foi entregado ao rei persa polas súas propias tropas. Ciro tomou entón Ecbatana, a capital de Media, e trasladou o seu tesouro a Persia.

É notábel a frecuencia coa que Heródoto menciona xenerais de orixe meda nas campañas de Ciro, entre eles Harpago. Ecbatana transformaríase en residencia de verán dos soberanos persas. No entanto, pódense atopar reseñas anti-persas nas tradicións, probabelmente de orixe meda, recollidas polo historiador grego Ctesias, e na inscrición de Behistún, que describe rebelións en Media cara ao -521, uns oito anos logo da morte de Ciro.

Conquista de Lidia[editar | editar a fonte]

A fronteira occidental do área de influencia meda era o río Halys (Anatolia, actual Turquía), que o separaba do reino de Lidia. Creso, rei de Lidia, era cuñado do deposto Astiaxes, existindo xa que logo unha alianza matrimonial entre os dous reinos. Segundo Heródoto, consultou ao oráculo de Delfos sobre a conveniencia de atacar aos persas, e este respondeulle que se o facía, destruiría un gran imperio. Entón, Creso cruzou o río Halys e enfrontouse con Ciro en Pteria, non lográndose unha vitoria definitiva para ningún dos dous bandos. Creso retirouse para pasar as estacións frías e esperar reforzos do seu aliado Amasis II de Exipto e da cidade grega de Esparta, pero foi perseguido polos persas ata a súa capital, Sardes, e sitiado. Sardes caeu e, a piques de ser queimado na fogueira, a vida de Creso foi perdoada por Ciro. O gran imperio destruído terminaba sendo, entón, o seu propio.

Isto é o que narra o relato de Heródoto, que convén tomar con cautela. En cambio a Crónica de Nabónido infórmanos que no verán do -547, Ciro "conquistou o país de Li[...]" e matou ao seu rei. Os símbolos cuneiformes que representan o reino conquistado parecen poder interpretarse como "Lidia". O problema está en que contradí amplamente a Heródoto: na estación da conquista de Sardes e na morte de Creso. Algúns autores propuxeron interpretacións alternativas a "Lidia". Véxase Rollinger 2004 na bibliografía.

Os primeiros anos da conquista persa de Lidia foron algo tumultosos. Pacties, lidio encargado do tesouro de Sardes, liderou unha rebelión que chegou a asediar Sardes. Esta foi reprimida polo sátrapa Mazares, quen morreu ao pouco tempo. O seu sucesor Harpago dirixiu a conquista das cidades gregas de Asia Menor.

Conquista de Babilonia[editar | editar a fonte]

O rei de Babilonia era naquel momento Nabónido, que pasara boa parte do seu reinado no oasis árabe de Tema, pero regresara a Babilonia probabelmente a raíz da ameaza de Ciro. As campañas contra Babilonia parecen comezar a finais da década de -540. O primeiro feito preciso do que se ten noticia é a vitoria de Ciro sobre os babilonios na batalla de Opis, no outono de -539. Sippar rendeuse, e Gobrias, gobernador persa de Gutium, entrou sen batalla. A idea de conquista non violenta é presentada pola Crónica de Nabónido e o Cilindro de Ciro. No entanto, documentos administrativos indican reparacións nas fortificacións de Babilonia meses despois da súa conquista. Véxase Toloni 2005 na bibliografía. en Babilonia o 12 de outubro do -539, chegando Ciro varios días máis tarde. Gobrias foi designado como gobernador de Babilonia, e nomeáronse subgobernadores nas provincias menores.

Ruínas da cidade de Babilonia

Para a conquista de Babilonia, Ciro tivo o substancial apoio do sacerdocio babilonio, que estaba enfrontado con Nabónido por mor das súas reformas relixiosas. Á súa vez, a chegada de Ciro é celebrada pola comunidade xudía de Babilonia (Isaías 40-56).

As provincias orientais[editar | editar a fonte]

Existe un problema sobre cando foron conquistadas as provincias orientais do Imperio, que corresponden aos actuais Afganistán, Taxiquistán, Uzbequistán e Turkmenistán. Eran habitadas por sogdianos, bactrianos e arios, pobos de orixe irania indoeuropea e emparentados estreitamente con medos e persas. Son mencionadas como satrapías (provincias) persas no ano -521 (inscrición de Behistún), polo que necesariamente formaban parte do Imperio de Ciro (o seu sucesor Cambises II non puido conquistalas xa que as súas campañas concentráronse en Exipto). Ciro puido telas herdado do reino medo, ou telas conquistado trala anexión de Lidia, segundo se pode supoñer dos historiadores gregos Heródoto e Ctesias.

Siria e Palestina[editar | editar a fonte]

A área de Siria e Palestina, que formaba parte do Imperio Neobabilónico, foi subxugada pacificamente. Ciro permitiu o regreso a Palestina das comunidades xudías deportadas en Babilonia (Esdras), así como, segundo datos arqueolóxicos, de grupos de deportados arameos á súa terra de orixe en Siria.

As cidades fenicias non ofreceron resistencia, e estableceuse unha especie de protectorado persa nelas.

Campañas posteriores e morte[editar | editar a fonte]

Cara ao -529, Ciro emprendeu unha campaña contra os nómades escitas do nordeste do imperio, concretamente a tribo dos masaxetas, deixando ao seu fillo Cambises como herdeiro co título de rei de Babilonia. Segundo informes posteriores (Arriano, Anábasis) fundou unha cidade preto do Sir Darya, Cirópolis ou *Kurushkatha. En todo caso, foi superado e morto polos escitas. Foi sucedido polo seu fillo Cambises II.

Familia real[editar | editar a fonte]

A esposa principal de Ciro era Casandane, filla de Farnaspes o Aqueménida. Heródoto menciona varios fillos que tivo con ela, entre os cales están Cambises II, Esmerdis e Atosa (futura raíña de Darío I).

O Imperio[editar | editar a fonte]

Ideoloxía e propaganda imperial[editar | editar a fonte]

Ciro II o Grande e os hebreos

O persa é un imperio universalista. Ademais de "rei de Anshan" (moi usual) e "rei de Persia", Ciro asume os títulos de "rei do Mundo" e de "rei dos catro extremos da Terra", ambos de orixe babilonia, así como "rei de Babilonia" e o arcaizante "rei de Sumer e Acad". Ocasionalmente chámano tamén "rei de Irán" (documentos de Babilonia e Ur), en referencia aos seus súbditos iranios (persas, medos, bactrianos, etc.) da parte oriental do Imperio.

Os inimigos de Ciro son vituperados, no marco dunha campaña propagandística de lexitimación. Astiaxes de Media é descrito en Heródoto (quen bebe de tradicións persas) como un rei cruel e despótico. Ademais, Creso foi quen cruzou o río Halys e atacou a Ciro, este só respondeu á súa agresión. En canto a Babilonia, no "Cilindro de Ciro" e outras fontes sacerdotais, a política relixiosa de Nabónido, así como a propia figura do rei, son ridiculizadas. Aínda así, as tradicións recollidas por Heródoto e Beroso falan de que Ciro outorgou altos cargos políticos tanto a Creso como a Nabónido.

Ciro destaca pola súa política de concesións cara aos pobos sometidos, que en moitos casos fano de bo grado, e aos que non se esixe máis que tributo, recrutamento e aceptación dunha gornición permanente. Rexeita, pois, a deportación masiva practicada polos seus antecesores asirios e babilonios, e ocasionalmente polos seus sucesores persas. Con Ciro o movemento é á inversa: ás comunidades deportadas, como os xudeus, permíteselles regresar á súa terra. O Cilindro de Ciro parece conter elementos como a tolerancia relixiosa ou a abolición da escravitude, polo que foi traducido a todos os idiomas oficiais pola ONU en 1971.

Administración[editar | editar a fonte]

A principal unidade administrativa do Imperio Persa é a satrapía, gobernada por un sátrapa. Para o cargo de sátrapa prefírense persas ou medos, aínda que durante o reinado de Ciro hai notábeis excepcións, de modo particular en Babilonia. Os persas eran un pobo de pastores seminómades, polo que non é de estrañar que deixasen o puramente administrativo en mans de funcionarios locais, como no caso de Pacties, tesoureiro de Lidia mencionado por Heródoto. Para os asuntos locais dos distritos menores e as cidades, dáse unha ampla autonomía.

Relixión[editar | editar a fonte]

Así mesmo é moi notábel a tolerancia relixiosa aplicada por Ciro e os seus sucesores. Ciro é máis sincretista que mazdeísta (relixión oficial persa desde Darío I); de feito, non hai probas do mazdeísmo de Ciro, aínda que non se exclúe esta posibilidade. En Babilonia (o "Cilindro de Ciro" e unha fonte sacerdotal sobre Nabónido) é considerado polo sacerdocio como un enviado de Marduk para restablecer a orde tralas reformas relixiosas de Nabónido. O Segundo Isaías da Biblia presenta unha situación similar: Ciro é enviado por Iahvé para permitir o regreso da comunidade xudía de Babilonia á Terra Prometida para reconstruír o seu Templo.

Fontes[editar | editar a fonte]

As fontes primarias[editar | editar a fonte]

Relevo de Ciro en Pasargadas.
  • Textos cuneiformes de orixe babilonia: Son sen dúbida as fontes máis fiábeis, por seren contemporáneas. Entre eles destacan a Crónica de Nabónido [2], o Cilindro de Ciro [3][4] e o Cilindro de Sippar. Os dous primeiros están escritos desde o punto de vista da clase sacerdotal de Babilonia, favorábel a Ciro. A isto hai que agregarlle o conxunto de documentos legais, relixiosos, económicos, etc., datados no reinado de Ciro, que adquiren importancia central ao non seren propagandísticos.
  • As inscricións reais de Ciro achadas en Pasargadas, xunto á súa tumba. Probabelmente son obra en realidade do futuro rei Darío I. Nun baixorrelevo (imaxe á dereita) Ciro é representado con elementos simbólicos elamitas, asirios e exipcios, cando Exipto foi conquistado polo sucesor de Ciro, Cambises II. Ademais, o estilo da linguaxe é claramente posterior. [5] [6] [7]

Os autores clásicos[editar | editar a fonte]

  • Heródoto (Historias): É con moito a fonte grega máis útil sobre Ciro. [8]
  • Ctesias (Pérsica): Dá unha versión alternativa a Heródoto, que se contradí constantemente coas fontes primarias. Só se conservan fragmentos e resumos de Focio [9] [10] e Nicolás de Damasco, entre outros.
  • Xenofonte (Ciropedia): Aquí só se usa ao personaxe de Ciro para dar marco a reflexións morais e filosóficas. Presenta a Ciro como o monarca ideal. [11]

Outras breves referencias a Ciro pódense atopar autores como:

A Biblia[editar | editar a fonte]

  • No libro de Isaías (capítulos 40-56), o chamado Segundo Isaías (un xudeu de Babilonia que toma o nome do profeta do século -VII) profetiza e celebra a vitoria de Ciro, enviado e unxido por Yahvé.
  • No libro de Esdras (1. 2-4) preséntase unha versión do edicto de Ciro que pon fin o exilio xudeu en Babilonia.
  • O libro de Daniel posúe varias referencias a Ciro, pero por ser tardío (¿século -II?) e contradicirse coas fontes primarias, é considerado xeralmente como pouco fiábel.
  • O Segundo libro das Crónicas (36. 22-23) presenta outra versión do edicto de Ciro.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Dandamayev, M. (1989): "Cyrus II the Great", en Encyclopædia Iranica, dispoñíbel en liña (2001).
  • Lendering, J.: "Cyrus", en www.livius.org.
  • Liverani, M. (1995): El Antiguo Oriente: Historia, sociedad y economía.
  • Oppenheim, A. L. (1969), traductor: "Babylonian and Assyrian Historical Texts", en Ancient Near Eastern Texts Relating to the Old Testament, editado por J. B. Pritchard.
  • Rollinger, R. (2004): "The Median “Empire”, the End of Urartu and Cyrus’ the Great Campaign in 547 B.C", en Proceedings of the 1st International Conference on Ancient Cultural Relations Between Iran and West Asia, Tehran 2004, dispoñíbel en liña (pdf).
  • Schmidt, R. (1989): "Cyrus: The name", en Encyclopædia Iranica, dispoñíbel en liña (2001).
  • Shapur Shabizi, A. (1989): "Cyrus I", en Encyclopædia Iranica, dispoñíbel en liña (2001).
  • Tolini, G. (2005): "Quelques éléments concernant la prise de Babylone par Cyrus (octorbe 539 av. J.-C)", en Arta (Achaemenid Research Texts and Archaeology), dispoñíbel en liña (pdf).
  • Yildiz: E. (2001): Los arameos de Arpad, p. 10, dispoñíbel en liña.
  • Waters, M. (2004): "Cyrus and the Achaemenids", en Iran n°41 (journal del British Institute of Persian Studies).

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Imperio Persa

Segue a:
Cambises I de Anshan
Ciro II
Precede a:
Cambises II
Dinastía Aqueménida