Lingua rusa
Ruso русский / russkij | ||
---|---|---|
Falado en: | Rusia, países da antiga Unión Soviética e Israel | |
Rexións: | Europa, Asia | |
Total de falantes: | 145 millóns (1a lingua) e máis outros 110 millóns como segunda lingua | |
Posición: | 8 | |
Familia: | Indoeuropea Balto-eslava Eslava Eslavo oriental Ruso | |
Estatuto oficial | ||
Lingua oficial de: | Rusia, Belarús, Casaquistán, Quirguisia, ONU, Ucraína (en Crimea) | |
Regulado por: | Academia de Ciencias Rusa | |
Códigos de lingua | ||
ISO 639-1: | ru
| |
ISO 639-2: | rus | |
SIL: | RUS
| |
O ruso[1] (antigamente coñecido como gran ruso, para diferenciala do ucraíno ou "pequeno ruso") é a lingua eslava con máis falantes. Forma co ucraíno e o belaruso o grupo das linguas eslavas do leste. A variedade do dialecto ruso medio falada na área de Moscova é a base da forma estándar da lingua. Hai minorías rusófonas significativas en tódolos estados que fixeron parte da antiga Unión Soviética e mantén aínda un certo status como lingua de cultura. O número total de falantes podería estar ó redor dos 300 millóns de persoas.
Clasificación[editar | editar a fonte]
O ruso é unha lingua da familia indoeuropea. Os seus parentes máis cércanos son o belaruso e o ucraíno. En moitas áreas de Ucraína e Belarús nas que están en contacto, os falantes úsanas indistintamente e mesmo chegan a producirse, como no caso de Surzhik, na Ucraína central, casos de falas híbridas.
O vocabulario básico, os principios de formación das palabras e, ata un certo punto, mesmo as inflexións e o estilo literario foron fortemente influenciadas polo eslavo eclesiástico, unha linguaxe, adoptada en parte do eslavo eclesiástico do sur, empregada pola Igrexa Ortodoxa Rusa. Esta é a causa de que determinadas palabras do ruso literario sexan máis similares ás do búlgaro moderno que ás do belaruso ou do ucraíno. Nalgúns casos, as formas do eslavo de leste e as do eslavo eclesiástico coexisten, aínda que con matices de significado.
A fonoloxía e a sintaxe, especialmente nos dialectos setentrionais, foron influenciadas en parte polas numerosas linguas ugrofinesas (algunhas delas xa desaparecidas) que se falaban no centro e norte da actual Rusia europea, e que entraron en contacto co eslavo oriental na Idade Media. Os dialectos falados ó norte de Moscova teñen un considerable número de palabras de orixe fino-ugrio.
Fora do ámbito das linguas eslavas, o vocabulario e o estilo literario rusos foron moi influídos polo grego, o latín, o francés, o alemán e o inglés. O ruso moderno ten tamén un considerable número de palabras de orixe tártara e doutras linguas turcas.
Distribución xeográfica[editar | editar a fonte]
O ruso fálase en Rusia e, en menor grao, noutras países que foron parte da Unión Soviética. Ata 1917 foi a única lingua oficial do Imperio Ruso. Durante o período soviético a política lingüística, aínda que recoñecía as linguas propias de cada república constituinte e mesmo o dereito a educación primaria en moitas linguas de territorios sen rango de república, reservaba para o ruso un status especial como lingua de comunicación supranacional e de cultura. O seu rol como lingua de intercambio entre as antigas repúblicas soviéticas continuou despois da desaparición desta en 1991, aínda que perdeu a situación de privilexio.
En Letonia, cun terzo da poboación rusófona, o debate para o seu recoñecemento oficial segue a estar presente. Noutra das repúblicas bálticas, Estonia, os falantes son ó redor dunha cuarta parte da poboación.
Nos países do Pacto de Varsovia e outros países satélites da URSS foi lingua de escolarización obrigatoria, pero a súa desaparición do sistema escolar fixo que o coñecemento e o uso sexan limitados. Foi tamén amplamente ensinado en Laos, Vietnam, Camboxa e Mongolia.
En Israel hai (censo de 1999) ó redor de 750.000 xudeus rusófonos orixinarios de países da antiga URSS e atópanse comunidades de falantes de certo tamaño en Norteamérica. Segundo o censo do ano 2000 uns 4,2 millóns de persoas falan ruso nos EEUU. Na Europa occidental os grupos máis importantes de falantes de ruso concéntranse en Alemaña.
Status oficial[editar | editar a fonte]
É lingua oficial en Rusia e cooficial en Belarús, Casaquistán, Quirguisia, na República Autónoma de Crimea, na Ucraína e nas non recoñecidas internacionalmente Transnistria, Osetia do Sur e Abkhazia. É un dos seis idiomas oficiais da ONU.
O 97% dos estudantes en escolas públicas de Rusia son educados só ou principalmente en ruso, así como o 75% en Belarús, 41% en Casaquistán, 25% na Ucraína, 23% en Quirguisia, 21% en Moldova, 7% en Acerbaixán, 5 % en Xeorxia, 2% en Armenia e Taxiquistán. A escolarización en ruso é tamén aínda posible nas Repúblicas Bálticas, malia os intentos dos gobernos locais por reduci-las materias ensinadas en ruso.
O ruso é, por último, cooficial en sete comunidades da Romanía nas provincias de Tulcea e Constanza, onde a minoría dos lipovans rusofalantes constitúe o 20% da poboación.
Dialectos[editar | editar a fonte]
A pesar da estandarización do ruso a partir de 1900, especialmente no referente ao vocabulario, existe un gran número de dialectos en Rusia. Algúns lingüistas dividen os dialectos do ruso en dous grupos rexionais principais, o "setentrional" e o "meridional", coa Moscova como zona de transición entre os dous. Outros o dividen en tres grupos: "setentrional", "central" e "meridional", coa Moscova no grupo central. Os dialectólogos recoñecen dentro da Rusia ducias de variedades menores.
Os dialectos do norte teñen como característica máis notoria a pronunciación clara do fonema /o/ en posicións átonas -fenómeno denominado okan'e (оканье)- (mentres que nos acentos do sur -incluíndo Moscova- pasa a pronunciarse /ʌ/). Así mesmo, no acento do sur palatalízase o fonema /t/ en posición final e aspíranse os fonemas /g/, que pasan a ser máis semellantes ao fonema /h/. Estas características danse tamén no ucraíno moderno, o que indica a influencia entrámbolos dous.
Entre os primeiros en estuda-la dialectoloxía rusa estivo Lomonosov no século XVIII. No século XIX Vladimir Dal recolleu no seu dicionario o vocabulario dialectal. O estudo ao míudo dos dialectos do ruso comenzou a comezos do século XX. Destaca o Atlas dialectolóxico da lingua rusa (Диалектологический атлас русского языка), publicado en tres volumes entre 1986-1989, despois de catro décadas de traballo.
O idioma estándar está baseado no dialecto moscovita.
Alfabeto[editar | editar a fonte]
O ruso escríbese co alfabeto ruso (русский алфавит ou русская азбука), variante do alfabeto cirílico (кириллический алфавит ou кириллица). Desde a reforma ortográfica do ano 1918 o alfabeto componse de 33 signos: 10 para reproducir as vogais, 21 para as consoantes máis dous signos Ь, Ъ que indican respectivamente a brandura (velarización) ou dureza da consoante anterior.
A táboa seguinte amosa as letras do alfabeto e a súa pronuncia.
- Escoite o alfabeto ruso:
Alfabeto ruso (axuda · info).
А /a/ |
Б /b/ |
В /v/ |
Г /g/ |
Д /d/ |
Е /je/ |
Ё /jo/ |
Ж /ʐ/ |
З /z/ |
И /i/ |
Й /j/ |
К /k/ |
Л /l/ |
М /m/ |
Н /n/ |
О /o/ |
П /p/ |
Р /r/ |
С /s/ |
Т /t/ |
У /u/ |
Ф /f/ |
Х /x/ |
Ц /ʦ/ |
Ч /ʨ/ |
Ш /ʂ/ |
Щ /ɕː/ |
Ъ /-/ |
Ы [ɨ] |
Ь /◌ʲ/ |
Э /e/ |
Ю /ju/ |
Я /ja/ |
Con anterioridade empregáronse tamén outras letras, como por exemplo <ѣ> /ie/ ou /e/, <і> /i/, <ѳ> /f/, <ѵ> /i/ e <ѧ>, que confluíron en <я>. O yers <ъ> e <ь> indicaban a pronuncia de /ŭ/ e /ĭ/ ultra-curtos ou reducidos, que hoxe son [ɪ], [ɯ] ou [ə̈], [ə̹].
Na actualidade, o alfabeto ruso aínda non conta cun sistema de codificación de caracteres ben establecido e utilízanse varios (KOI8-R, Windows-1251, ISO/IEC 8859,..). Espérase que esta situación se solucione coa implementación de Unicode.
Ortografía[editar | editar a fonte]
A ortografía do ruso é bastante fonémica, con regularizacións e inconsistencias debidas á morfoloxía, a etimoloxía e a gramática. A maioría das regras ortográficas en vigor introducíronse entre 1880 e 1910. En 1918 produciuse unha reforma fundamental e en 1956 publicouse o padrón actual. A finais do século XX introduciuse unha actualización que non foi ben recibida e que non se ten adoptado formalmente.
A puntuación, que se baseaba no grego bizantino, reformulouse nos séculos XVII e XVIII seguindo os modelos do francés e o alemán.
Fonoloxía[editar | editar a fonte]
O sistema fonolóxico do ruso deriva do eslavónico común, aínda que se modificou bastante no primeiro período da lingua e se asentou arredor de 1400.
Vogais[editar | editar a fonte]
O ruso conta con cinco vogais que se caracterizan polo elevado número de alófonos, dependendo de se a consoante que a precede está ou non palatalizada.
Anterior | Central | Posterior | |
---|---|---|---|
Fechada | i | (ɨ) | u |
Media | e | (ə) | o |
Aberta | a |
Para algúns lingüistas, (ɨ) é un fonema diferenciado. Aqui considérase como alófono de /i/.
Consoantes[editar | editar a fonte]
As consoantes danse en parellas diferenciadas entre normal e palatalizada, o que se denomina tecnicamente dura e branda (as consoantes "duras" moitas veces están "velarizadas").
Bilabiais | Labio- dentais |
Dentais e Alveolares |
Post- alveolares |
Palatal | Velares | ||
---|---|---|---|---|---|---|---|
Nasais | duras | /m/ | /n/ | ||||
brandas | /mʲ/ | /nʲ/ | |||||
Oclusivas | duras | /p/ /b/ | /t/ /d/ | /k/ /g/ | |||
brandas | /pʲ/ /bʲ/ | /tʲ/ /dʲ/ | /kʲ/* [gʲ] | ||||
Africadas | dura | /ʦ/ | |||||
branda | /tɕ/ | ||||||
Fricativas | duras | /f/ /v/ | /s/ /z/ | /ʂ/ /ʐ/ | /x/ | ||
brandas | /fʲ/ /vʲ/ | /sʲ/ /zʲ/ | /ɕː/* /ʑː/* | [xʲ] | |||
Vibrantes | dura | /r/ | |||||
branda | /rʲ/ | ||||||
Aproximantes | dura | /l/ | |||||
brandas | /lʲ/ | /j/ |
Gramática[editar | editar a fonte]
O ruso é unha lingua flexiva, con seis casos nominais: nominativo, acusativo, xenitivo, dativo, instrumental e locativo. Subsiste un caso locativo para as invocacións relixiosas.
Caso | Nome ruso | Corresponde a | Exemplo | Tradución |
---|---|---|---|---|
Nominativo | Именительный падеж | Quen? Que? "Кто? Что?" (suxeito) | Иван читает | Xoán le |
Xenitivo | Родительный падеж | De quen? De que? "Кого? Чего?" | книга Ивана | O libro de Xoán |
Dativo | Дательный падеж | A quen? A que? "Кому? Чему?" | я дал книгу Ивану | Dinlle o libro a Xoán |
Accusativo | Винительный падеж | Que? Quen? (obxecto) "Кого? Что?" | я вижу Ивана | Vexo a Xoán |
Instrumental | Творительный падеж | Con quen? Con que? "Кем? Чем?" e complemento axente nas oracións pasivas |
я пишу карандашом книга прочитана Иваном |
Escribo co lapis O libro é lido por Xoán |
Locativo (Preposicional) | Предложный падеж | Varios complementos | я говорю об Иване | Falo (acerca) de Xoán |
Existen tres xéneros, o masculino, o feminino e o neutro e dous números, o singular e o plural.
Como na maioría das linguas eslavas, o ruso non posúe artigos. O carácter de artigo definido ou de artigo indefinido dao a súa posición en relación ao verbo:
- Девушка пришла (literalmente "Rapaza chegada") tradúcese por "A rapaza chegou".
- Пришла девушка (literalmente "Chegada rapaza") tradúcese por "Chegou unha rapaza".
O verbo só ten dúas formas, o presente e o pasado, e catro modos: indicativo, imperativo, xerundio e participio. En presente, o verbo ten seis persoas, suficientemente diferenciadas como para que se prescinda bastante dos pronomes persoais. En pasado, o verbo só ten catro formas: masculino, feminino, neutro e plural, o que significa que os verbos non concordan cos pronomes persoais, senón coas persoas.
O verbo ser/estar (быть) non existe en presente:
- Зто стол (literalmente "Isto mesa") tradúcese por "Isto é a mesa".
- Я студент (literalmente "Eu estudante") tradúcese por "Eu son estudante".
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para ruso.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Lingua rusa ![]() |
![]() |
Existe unha versión da Wikipedia en Lingua rusa |
![]() |
A Galipedia ten un portal sobre: Rusia |
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Sánchez Puig, María (1997): Lecciones de Ruso. Madrid: Rubiños-1860 - ISBN 978-84-8041-105-9
Outros artigos[editar | editar a fonte]
- Lingua rusa
- Linguas de Abkhazia
- Linguas de Armenia
- Linguas de Acerbaixán
- Linguas de Belarús
- Linguas de Casaquistán
- Linguas da China
- Linguas de Corea do Norte
- Linguas dos Estados Unidos de América
- Linguas de Estonia
- Linguas de Finlandia
- Linguas de Israel
- Linguas de Letonia
- Linguas de Lituania
- Linguas de Moldavia
- Linguas de Mongolia
- Linguas de Noruega
- Linguas de Polonia
- Linguas de Rusia
- Linguas de Taxiquistán
- Linguas de Turkmenistán
- Linguas de Turquía
- Linguas de Ucraína
- Linguas de Uzbekistán
- Linguas do Xapón
- Linguas de Xeorxia