Río Ienisei

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 71°50′00″N 82°40′00″L / 71.83333, -82.66667

Río Ienisei
Река Енисей (en ruso)
Kommunalny bridge in Krasnoyarsk.JPG
O río Ienisei ao seu paso por Krasnoiarsk
PaísFlag of Russia.svg Rusia
Flag of Mongolia.svg Mongolia
República dos Tuva, Repúbica de Khakassia, Krai de Krasnoiarsk
NacementoConfluencia dos ríos Grande Ienisei e Pequeno Ienisei
Altitude3 351 m
Lonxitude4 093 km
Concarío Ienisei (2 580 000 km²)
Caudal medio19 600 m³/s
DesembocaduraGolfo do Ienisei, no mar de Kara
Yeniseirivermap.png
Mapa da conca do Ienisei.
Na parte inferior pode verse o curso do río Selenga e, por riba do lago Baikal, o do río Angara superior.

O Ienisei (en ruso Енисей) é un longo río da Federación Rusa en Siberia, que flúe en dirección norte a través das repúblicas de Tuva e Khakassia, e o krai de Krasnoiarsk até desembocar no golfo homónimo, no mar de Kara (océano Ártico).

É o central dos tres grandes ríos siberianos que desembocan no océano Ártico (os outros dous son o Obi e o Lena. Nacido en Mongolia, segue un curso cara ao norte, até desembocar no golfo do Ienisei, no mar de Kara, drenando unha gran parte do centro de Siberia.

Xeografía[editar | editar a fonte]

O río Ienisei nace en Kizil (Tuva), da confluencia do río Grande Ienisei (Bolshoi Ienisei), que discorre por Tuva, e o río Pequeno Ienisei (Mali Ienisei), que o nace ao sur dos montes Saián, na provincia de Khövsgöl, no norte de Mongolia; tras percorrer uns cen quilómetros e recibir numerosos afluentes, cruza a fronteira con Rusiar en Ush-Bel'Dyr, e termina uníndose ao Grande Inenisei preto da cidad de Kizil, formando así o Ieniséi.[1] Tras o seu longo pecorrido en dirección cara ao norte, desemboca no mar de Kara (océano Ártico), nun estuario duns 400 km conformado o golfo do Ienisei.[1]

Ten unha lonxitude de 4 093 km pero, contando o sistema fluvial Ienisei-Angara-lago Baikal-Selenga-Ider alcanza os 5 539 km, o que o sitúa como o quinto río máis longo do mundo, tras o Amazonas, o Nilo, o Yangtzé e o Mississippi-Missouri.[2]

A súa conca comprende uns 2 580 000 km², a oitava do mundo.[1]

O Ienisei discorre polo centro de Siberia en dirección sur-norte, a través das repúblicas de Tuva e Khakassia,[3] e do krai de Krasnoiarsk.[4]

A maior parte do río é navegábel, salvo entre novembro e maio que permanece xeado. O seu curso superior é turbulento, o que se aproveitou para a construción de centrais hidroeléctricas, destacando os encoros de Saián e Krasnoiarsk.

Afluentes[editar | editar a fonte]

O río Selenga.

Os seus principais afluentes son os ríos Angara, Tunguska Pedregoso e Tunguska Inferior; os tres pola súa marxe dereita.[5]

O lago Baikal[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Lago Baikal.

O río Angara superior, de 320 km e navegábel en parte, desemboca no extremo norte do lago Baikal na república dos Buriatos, pero a maior achega de auga provén do río Selenga, longo río de 1 024 km que discorre polo norte de Mongolia e o centro-sur de Siberia, e flúe en dirección nordeste até desembocar, pouco despois de pasar por Ulán Udé, formado un delta, no lado sueste do lago.[6]

Cidades que atravesa[editar | editar a fonte]

As cidades máis importantes polas que pasa o río son Kizil, Shagonar, Saianogorsk, Abakán, Divnogorsk, Krasnoiarsk, Ieniseisk, Lesosibirsk, Igarka e Dudinka.

Fauna e flora[editar | editar a fonte]

O río Ienisei, na súa conca de drenaxe (excluíndo o lago Baikal e os lagos da conca do río Khantaika alberga 55 especies de peixes nativos, incluíndo dúas endémicas: Gobio sibiricus (un ciprínido da subfamilia dos gobioninos, e Thymallus nigrescens (un salmónido da subfamilia dos timalinos). O tímalo está restrinxido ao lago Khövsgöl e aos seus ríos tributarios.[7]

A maioría dos peixes que se encontran na conca do río Ienisei son especies euribiberianas ou siberianas relativamente estendidas, como o lucio común (Esox lucius), o rutilo (Rutilus rutilus), o leucisco (Leuciscus leuciscus), o coto siberiano (Cottus poecilopus), a perca europea (Perca fluviatilis) e o carpa (Carassius gibelio). A conca tamén alberga moitos salmónidos (troitas, o corégono, salvelinos, tímalos, o Hucho taimen e outras especies relaciandas) e o esturión siberiano (Acipenser baerii).[7]

O val do río Ienisei é o hábitat de numerosas especies florísticas, como o piñeiro siberiano (Pinus siberianus) e o alerce siberiano (Larix sibirica), especies arbóreas notábeis. En tempos prehistóricos nalgunhas zonas encontrábase o piñeiro silvestre, Pinus sylvestris, que foi abundante no val do ienisei contra o ano 6000 AC.[8] Tamén hai numerosas especies de aves presentes na conca, incluíndo, por exemplo, o corvo cincento,[9] Corvus cornix.

O rabaño de renos de Taimir[editar | editar a fonte]

O rabaño de renos da península de Taimir, unha subespecie de reno migrante da tundra siberiana, (Rangifer tarandus sibiricus), é o maior rabaño de renos do mundo.[10][11] migran cara ás zonas de pasto de inverno ao longo do río Ienisei.[12]

Navegación[editar | editar a fonte]

Os vapores fluviais chegaron por primiera vez ao río Ienesei en 1864 e foron traídos de Holanda e Inglaterra a través do xeado mar de Kara. Un era o SS Nikolai, o outro o SS Thames. Intentaron explorar o río, e pasaron o inverno de 1876, pero sufriron danos polo xeo e finalmente naufragaron no río. O éxito chegou cos vapores Frazer, Express en 1878 e, ao ano seguiente, o Moskowa (Moscova), transportando subministros e trigo. O Dalman chegou a Ieniseisk en 1881.

A Rusia imperial situou barcos de vapor no río nun intento de establecer a comunicación coa Siberia, sen litoral practicábel. Un dos barcos foi o SS San Nicolás, que levou ao futuro tsar Nicolás II na súa viaxe a Siberia, e máis tarde levou a Vladimir Lenin a prisión.

Enxeñeiros intentaron situar vapores fluviais nun servizo regular no río durante a construción do ferrocarril Transiberiano. Necesitábanse os barcos para levar raís, motores e subministros. O capitán Joseph Wiggins navegou no Orestes con raís e barcos de vapor en 1893. Porén, a ruta marítima e fluvial resultou moi difícil, e perdéronse varios barcos no mar e no río. Tanto as foces do Obi como a do Ienisei teñen entradas moi longas, de varios centos de quilómetros de lonxitude, e son pouco profundas, con xeo durante gran parte do ano, e son propensas a fortes ventos e, polo tanto, prexudiciais para a navegación. Despois da finalización do ferrocarril, o tráfico fluvial reduciuse só ao servizo local, xa que a ruta polo Ártico e o longo río demostraron ser unha ruta demasiado indirecta.

En 1985 construiuse un canal en plano inclinado no río, no encoro de Krasnoiarsk.[13]

O primeiro equipamento de navegación recreativa por toda a lonxitude do Ienisei, incluído o seu violento treito superior en Mongolia, foi un esforzo australiano-canadense rematado en setembro de 2001. Ben Kozel, Tim Cope, Colin Angus e Remy Quinter estaban neste equipo. Tanto Kozel como Angus escribiron libros que detallan esta expedición,[14] e un documental foi producido pola National Geographic Television.

Historia[editar | editar a fonte]

Distribución das linguas ieniseianas no século XVII (raiado) e ao final do século XX (vermello).

Tribos nómades como o pobo keta e o pobo yugh viviron ao longo das beiras do río Ienisei desde a antigüidade, e esta rexión é o solar das linguas ieniseianas. Os keta, que suman ao redor de 1 200 individuos, segundo o censo de 2010,[15] son os únicos sobrevivintes dos que viviron origxinarimente en todo o centro de Siberia, cerca das beiras do río. Os seus parentes extintos incluían aos kotts, assans, arins, baikots e pumpokols, que vivían río arriba, ao sur.

Os ketas modernos viviron nas zonas medias orientais do río antes de seren asimilados politicamente por Rusia durante os séculos XVII ao XIX.[15]

Algunhas das primeiras evidencias coñecidas das orixes túrquicas encontráronse no val do Ienisei en forma de estelas, monólitos de pedra e taboleiros conmemorativos que datan dos séculos VII a IX d.C., xunto con algúns documentos que se encontraron na chinesa rexión autónoma uigur de Xinjiang. As evidencias escritas reunidas destas fontes falan de batallas libradas entre turcos e chineses e outras lendas. Tamén hai exemplos de poesía uigur, aínda que a mayoría só sobreviviron nas súas traducións á lingua chinesa.[16]

O trigo do val do Ienisei foi vendido por musulmáns e uigures enas épocas de colleitas escasas a Bukhara e Sogdiana durante a dinastía Tahirid.[17]

Os rusos chegaron por primeira vez ao Ienisei superior en 1605, viaxando desde o río Obi, subindo o río Ket, e despois baixando o Ienisei até o río Sym.[18]

Durante a Segunda Guerra Mundial, a Alemaña nazi e o Imperio xaponés acordaron dividir Asia ao longo dunha liña que seguía o río Ienisei até a fronteira de China, e logo ao longo da fronteira entre a China e a Unión Soviética.[19]

Contaminación[editar | editar a fonte]

Estudos demostraron que o Ienisei sofre contaminación causada por descargas radioactivas procedentes dunha fábrica que produciu plutonio para bombas atómicas na cidade secreta de Krasnoyarsk-26, agora coñecida como Zheleznogorsk.[20]

Por outra parte, o río está contaminado en varios treitos, en particular polo tritio que se encontra nos sedimentos, no zoobentos, nos peixes e nas plantas do curso da auga. A fonte deste tritio sería o complexo mineiro e químico do Rosatom (State Atomic Energy Corporation Rosatom),[21] unha empresa pública rusa especializada no sector da enerxía nuclear, que agrupa a máis de 300 empresas e organizacións e emprega a 250 000 personas.[22][23][24]

Na literatura[editar | editar a fonte]

O Ienisei foi atravesado por Miguel Strogoff na novela homónima de Jules Verne.[25]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Yenisey-River na Encyclopædia Britannica.
  2. O río Ienisei ten unha lonxitude de 4093 km, aínda que adoita considerarse dividido en treitos, sendo a parte alta o Ienisei Superior, que á súa vez se forma pola unión do Grande Ieniséi (Bolshoi Ienisei) e o Pequeno Ieniséi (Mali Ienisei). O río Angara ten 1779 km, e une o lago Baikal co curso medio do río Ienisei. O maior afluente do lago Baikal é o río Selengá, cunha lonxitude de 992 km. O río Ider (ou Ideriin), que discorre por Mongolia, con 452 km, é o máis longo dos dous ríos que orixinan o río Selengá. O sistema total Ienisei-Angará-lago Baikal-Selengá-Ider ten 5539 km.
  3. "Yenisei River: Siberia’s blessing and curse". RT. 11 de xuño de 2010. Consultado o 4 de abril de 2019. 
  4. Alan Taylor (23 de agosto de 2013). "A Year on the Yenisei River". The Atlantic. Consultado o 4 de abril de 2019. 
  5. C. Michael Hogan (13 de maio de 2012). "Yenisei River". Encyclopedia of Earth. Consultado o 4 de abril de 2019. 
  6. "Yenisei River". Geology Page. 4 de febreiro de 2014. Consultado o 4 de abril de 2019. 
  7. 7,0 7,1 Freshwater Ecoregions of the World (2008): Yenisei. Consultado o 4 de abril de 2019.
  8. Stein, R.; Fahl, K.; Fütterer, D.; Galimov, E. M. & Stepanets, O. V., eds. (2003): "Siberian River Run-off in the Kara Sea: Characterisation, Quantification, Variability, and Environmental Significance". Proceedings in Marine Sciences. Elsevier, Amsterdam. 488 páxinas.
  9. Corvo cincento en: Penas Patiño, Xosé M., Carlos Pedreira López e Carlos Silvar (1991): Guía ds aves de Galicia. A Coruña: Bahia edicións. ISBN 84-8767-406-2, p. 286.
  10. Russell, D. E.; Gunn, A. (20 November 2013). "Migratory Tundra Rangifer". NOAA Arctic Research Program. 
  11. Kolpashikov, L.; Makhailov, V.; Russell, D. (2014). "The role of harvest, predators and socio-political environment in the dynamics of the Taimyr wild reindeer herd with some lessons for North America". Ecology and Society. Ecology and Society. 20 (1): 9.
  12. Baskin, Leonid M. (1986). "Differences in the ecology and behaviour of reindeer populations in the USSR". Rangifer. Special Issue (1): 333–340. Consultado o 4 de abril de 2015. 
  13. Permanent International Association of Navigation Congresses (1989): Ship Lifts: Report of a Study Commission Within the Framework of Permanent Technical Committee I. ISBN 978-2-8722-3006-8.
  14. Kozel, Ben (2003): Five Months in a Leaky Boat: A River Journey Through Siberia. Sydney: Pan Macmillan Australia Pty Ltd. ISBN 978-0-7329-1191-1.
  15. 15,0 15,1 Vajda, Edward J. "The Ket and Other Yeniseian Peoples". Consultado o 28 de agosto de 2019. 
  16. Halman, Talah (2011). A Millenium of Turkish Literature. Syracuse, New York: Syracuse University Press. p. 6. ISBN 978-0-8156-0958-2. 
  17. Blanchard, Ian (2001). Mining, Metallurgy and Minting in the Middle Ages: Asiatic supremacy, 425-1125. Stuttgart, Alemaña: Franz Steiner Verlag. pp. 271–272. ISBN 978-3-5150-7958-7. Consultado o 28 de agosto de 2019. 
  18. Fisher, Raymond Henry (1943). The Russian Fur Trade, 1550-1700. Berkeley / Los Ángles, California: University of California Press. 
  19. Weinberg, Gerhard L. (2005): Visions of Victory: The Hopes of Eight World War II Leaders. Cambridge, UK: Cambridge University Press.
  20. David Hoffman (17 de agosto de 1998). "Wastes of War: Radioactivity Threatens a Mighty River". The Washington Post. Consultado o 28 de agosto de 2019. 
  21. Bondareva, L. (2015): "Tritium content of some components of the middle Yenisei ecosystem". Radiochemistry 57 (5): 557-563. (Resume). Consultado o 28 de agosto de 2018.
  22. "Rosatom". Consultado o 28 de agosto de 2019. 
  23. Alexei Likhatchev (27-06-2018): Le monde ne pourra pas se passer de petits réacteurs nucléaires. Le Figaro. Consultado o 28 de agosto de 2019.
  24. "Rosatom Corp: Company Profile". www.bloomberg.com (en inglés). Consultado o 28 de agosto de 2019. 
  25. Jules Verne. "Le passage de l'Yeniseï". Consultado o 28 de agosto de 2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Abramova, Z. A. (1983): "Problèmes relatifs à l'étude du Paléolithique dans la région de l'Iénisséi (Sibérie)". L'Anthropologie. 87 (2): 207-213.
  • Devlet, M. A. (1996): "Mugur-Sargol, sanctuaire de l'âge du Bronze sur l'Iénisséi". Les Dossiers d'archéologie. 212: 58-63.
  • Vasil'ev S.A & Desbrosse R (1990): "Le Paléolithique final du bassin supérieur de l'Iénisseï d'après les fouilles près du village de Maïna". L'Anthropologie. 94 (4): 763-781.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]