Canal de Suez

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Canle de Suez»)

Canal de Suez
canal de Exipto
Localización administrativa
EstadoExipto Exipto
DivisiónGobernacións de Suez, Ismailia e Porto Said
Localización xeográfica
Océano / MarMar Mediterráneo - Mar Vermello
ContinenteÁfrica - Asia
CoordenadasCoordenadas: 30°42′18″N 32°20′39″L / 30.705, 32.344166666667
Accidentes
Características
Lonxitude máxima163 km
Anchura máxima280-345 m
Profundidade media22,5 m
Outros datos
Construción1859-1869
Autoridade navegaciónSuez Canal Authority
Mapa

Localización e imaxe de satélite do canal de Suez

O canal de Suez (قناة السويس, Qanāt al-Suways en árabe) é un canal artificial de 193,3 km[1] que liga o mar Mediterráneo desde o porto exipcio de Port-Saïd ao mar Vermello polo porto de Suez atravesando o desértico istmo de Suez. Permite ás embarcacións iren da Europa á Asia sen teren que contornar a África polo cabo da Boa Esperanza. Antes da súa construción, as mercadorías tiñan que ser transportadas por terra entre o mar Mediterráneo e o mar Vermello.

Historia[editar | editar a fonte]

Na antigüidade[editar | editar a fonte]

Talvez durante a XII dinastía, o faraón Senusret III escavou un canal a través do Wadi Tumilat que unía o río Nilo co mar Vermello e lle permitía o comercio co Punt. Existe constancia da súa existencia desde o século XIII a.C., en tempos de Ramsés II, mais este canal desfíxose posteriormente. Segundo Herodoto, Neco II tentou sen éxito re-escavalo a finais do século VI a.C.. Porén, Darío I, o conquistador persa, si rematou as reparacións arredor do ano 500 a.C.

Foto satélite do Canal de Suez da NASA.

Este precedente do Canal de Suez foi restaurado por Tolomeo II arredor do 250 a.C. Durante o milenio seguinte foi modificado, destruído e reconstruído até o seu momento final, no século VIII d.C., baixo o califa abásida al-Manusr.

Construción do Canal de Suez moderno[editar | editar a fonte]

Ferdinand de Lesseps

Durante a conquista de Exipto, Napoleón considerou a posibilidade de construír o canal mais o proxecto foi abandonado logo de que unhas medicións erróneas indicasen que as augas do Mar Vermello eran máis altas que as do Mediterráneo, o que non permitiría un canal sen esclusas.

En 1854 e 1856, Ferdinand de Lesseps, que fora un diplomático vinte anos antes, obtivo a concesión da súa construción de Said Pasha, vicerrei do Exipto. Creouse unha empresa para a construción dun canal marítimo aberto aos barcos de todas as nacións de acordo cos planos creados polo enxeñeiro austríaco Alois Negrelli. A construción do canal iniciouse o 25 de abril de 1859. No final dos traballos, Exipto e Francia eran os propietarios do canal. E a Compañía do Canal de Suez (Compagnie Universelle du Canal Maritime de Suez) operaría o canal por un período de 99 anos.

Estímase que 1,5 millón de exipcios participaron na construción do canal e que 125.000 morreron, principalmente da cólera. Nun principio, a construción levouse a cabo sobre todo por medios manuais; sen auga potábel, os traballadores realizaban o seu labor en condicións moi duras, axudados por camelos cargados con cestos. Porén, reunir todos os meses 20.000 traballadores resultou sumamente difícil. Por outra banda, máis de 200 morrían cada ano e as tarefas detíñanse por causa de enfermidades contaxiosas. Aos cinco anos, o goberno exipcio suspendeu a contratación de traballadores e procedeu a mecanizar os traballos.

Construción do canal

O 17 de febreiro de 1867, o primeiro navío atravesou o canal, mais a inauguración oficial foi o 17 de novembro de 1869. O emperador Napoleón III de Francia estaba presente, e para a ocasión encargóuselle a Giuseppe Verdi a composición da ópera Aida, que non puido rematar a tempo, polo que se representou Figaro.

Unha obra conflitiva[editar | editar a fonte]

A influencia da abertura do canal no comercio marítimo foi tremenda. Xogou un papel fundamental na penetración e colonización de África e do Oriente Medio. A débeda externa que ocasionou a súa construción obrigou a Ismail Pasha, sucesor de Said Pasha, a vender a súa parte do canal ao Reino Unido en 1875, o que garantía así a rota británica para as Indias. Esa compra, conducida polo primeiro ministro Benjamin Disraeli, foi financiada por un empréstito do banco Rotschild. As tropas británicas instaláronse ás marxes do canal para protexelo en 1882. A Convención de Constantinopla declarou en 1888 que o canal sería unha zona neutral baixo protección británica.

Unha das primeiras travesías, no século XIX

Máis tarde, durante a primeira guerra mundial, os ingleses negociaron o Acordo Sykes-Picot, que dividía o Oriente Medio para afastar a influencia francesa do canal. No Tratado anglo-exipcio de 1936, o Reino Unido retivo o control do canal.

En 1951, Nasser repudiou o tratado e en 1956 nacionalizou a Compañía do Canal co obxectivo de financiar a construción do Encoro de Asuán, após o rexeitamento dos Estados Unidos e do Reino Unido de fornecer os fondos necesarios en represalia porque os exipcions adquiriran armamento da Unión Soviética. Os bens exipcios foron conxelados e a axuda alimentaria suprimida. Os principais accionistas do canal eran daquela os británicos e os franceses. Alén diso, Nasser denunciou a presenza colonial do Reino Unido no Oriente Medio e apoiou os nacionalistas na Guerra de Alxeria.[Cómpre referencia]

O Reino Unido, a Francia e Israel lanzáronse entón a unha operación militar, bautizada "operación mosqueteiro", o 29 de outubro de 1956. A Crise do canal de Suez durou unha semana. A ONU confirmou a lexitimidade exipcia e condenou a expedición franco-israelo-británica cunha resolución mediante a cal tamén se estableceu a presenza dunha forza das Nacións Unidas (UNEF). Como resultado dos danos e dos barcos afundidos, o canal fechouse até abril de 1957.[Cómpre referencia]

Após a Guerra dos seis días de 1967, o canal permaneceu fechado até 1975, cunha forza de paz da ONU que permaneceu estacionada até 1974.[Cómpre referencia] En 1973, durante a Guerra do Yom Kippur, o canal foi o escenario do ataque masivo do exército exipcio que tentou penetrar na Península do Sinaí, controlada por Israel.[Cómpre referencia] Posteriormente, os israelís cruzárono no sentido contrario.

Características[editar | editar a fonte]

O canal non posúe esclusas, pois todo o traxecto está ao nivel do mar, contrariamente ao que sucede no canal do Panamá. O seu trazado apoiase en tres planos de auga, os lagos Manzala, Timsah e Amer. A anchura media do canal é de 365 metros, dos que 190 m son navegábeis. Inicialmente, eses dous valores eran de 52 e 44 m. O canal é demasiado pequeno para dous carrís de tráfico, polo que os barcos atravésano en convois e usan canais de derivación. Hai 78 km de derivacións, nun 40% da lonxitude total do canal. De norte a sur estas son: a derivación de Port Said, de 36,5 km, a derivación de Ballah de 9 km, a derivación de Timsah, de 5 km, e a derivación de Deversoir, de 27,5 km.

O canal permite a pasaxe de navíos de 15 m de quilla somerxida (calado), mais hai traballos previstos a fin de permitir a pasaxe de supertankers de até 22 m para o 2010. Actualmente, eses enormes navíos deben descargar unha parte da carga nun barco pertencente ao canal para poderen atravesalo. Aproximadamente 15.000 navíos por ano atravesan o canal, representando 14% do transporte mundial de mercadorías. Unha travesía demora de 11 a 16 horas.[Cómpre referencia]

Desde 1980 unha estrada cruza baixo o canal no sur.

A nova canle[editar | editar a fonte]

A nova canle de Suez inaugurouse o 6 de agosto de 2015, as autoridades prevén que o número de barcos duplicarase en menos de 10 anos e que os ingresos aumentarán de 5.300 millóns de dólares en 2014 a máis de 13.000 millóns en 2023.

A nova canle de Suez discorre paralela á antiga e ten unha lonxitude de 72 quilómetros, dos cales 35 corresponden a escavación en seco e os 37 restantes a ampliación e afondamento. Ademais, hai unha superficie duns 76.000 quilómetros cadrados xunto á canle para atraer máis barcos. Permitira duplicar o tráfico marítimo na canle, a circulación dos barcos en ambos sentidos a vez e a redución dos tempos de espera para os buques. Esta nova ruta tamén contribúe a reducir o consumo de combustible e, polo tanto, os custos de navegación.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Características técnicas na web da Autoridade do canal de Suez". Arquivado dende o orixinal o 22 de marzo de 2009. Consultado o 14 de marzo de 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Britannica (2007) "Suez Canal", in: The new Encyclopædia Britannica, 15th ed., 28, Chicago, Ill. ; Londres : Encyclopædia Britannica, ISBN 1-59339-292-3
  • Galil, B.S. e Zenetos, A. (2002). "A sea change: exotics in the eastern Mediterranean Sea", in: Leppäkoski, E., Gollasch, S. e Olenin, S. (eds), Invasive aquatic species of Europe : distribution, impacts, and management, Dordrecht ; Boston : Kluwer Academic, ISBN 1-4020-0837-6, p. 325–336
  • Garrison, Ervan G. (1999) A history of engineering and technology : artful methods, 2nd ed., Boca Raton, Fla. ; Londres : CRC Press, ISBN 0-8493-9810-X
  • Karabell, Zachary (2003) Parting the Desert: The Creation of the Suez Canal, Knopf, ISBN 978-0-375-40883-0

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]