Casaquistania

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Casaquistania, Kazhakhstania, terreos casacos, bloque de Casaquistán ou bloque de Kazakhstán é unha rexión xeolóxica de Asia central que comprende a área centrada no lago Balkhash, norte e leste do mar de Aral, sur do cratón siberiano e oeste dos Montes Altai. A cunca de Junggar en Xinjiang, China, tamén formaba parte de Casaquistania, aínda que ás veces se denomina bloque de Junggar. Como os terreos casacos se orixinaron durante o Ordovícico tardio como parte do cinto oroxénico de Asia central tamén se denominan oróxeno casaco. Estes terreos xeolóxicos están localizados no que hoxe é Casaquistán, o nordés de Uzbekistán, o norte de Kirguizistán e o noroeste da China.[1] Hoxe Casaquistania está rodeada de tres grandes continentes antigos: no noroeste a zona de cizalla de Gornostaev sepáraa do cratón de Siberia co cal chocou durante o Carbonífero; ao noroeste están as terras do que foi Báltica, que se sitúa a carón do terreo xeolóxico casaco do val de Turgai, pero lonxe de Casaquistania; ao sur e leste estaba Gondwana que se estendía desde o polo sur ao ecuador. Non lonxe dos dispersos terreos casacos estaban os cratóns do sur da China, norte da China, e do Tarim, pero non se coñece como estaban situados eses bloques continentais en relación a Gondwana.[2]

Evolución tectónica[editar | editar a fonte]

A inicios do Paleozoico os terreos casacos estaban distribuídos por unha ampla rexión no norte e noroeste dos terreos de Mangyshlak, Karakum, Karakorum e Tarim.[3] Porén, a localización, orixe e afinidades faunísticas destes terreos xeolóxicos foron explicados aplicando dúas hipóteses competidoras: unha describe estes terreos como enormes arcos de illas chamados o arco de Kipchak; a outra considéraos unha serie de cintos máis ou menos paralelos. As análises faunísticass indican que algúns dos terreos probablemente se orixinaron en Gondwana en vez de en Báltica ou Siberia.[4] Unha análise de 2006 de braquiópodos indicou que as Montañas Chu-Ili debían formar un terreo xeolóxico independente perigondwánico no Ordovícico tardío localizado non lonxe dos cratóns do sur e norte da China.[5]

Estudos máis recentes indican que no Ordovícico tardío os terreos casacos formaban un arquipélago composto de grupos de arcos de illas e microcontinentes centrados no ecuador. As unidades principais desta ensamblaxe eran os terreos de Boshchekul (no norte de Casaquistán), Chingiz-Tarbagatai (leste de Casaquistán) e Chu-Ilu (sur de Casaquistán). O microcontinente Atashu-Zhamshi estaba localizado na marxe suroeste do arquipélago. Algúns dos terreos fusionáronse probablemente xa no Ordovícico medio, pero é moi improbable que Casaquistania se formase como un un só continente antes do final do período.[6]

Durante o Carbonífero e Permiano, Siberia chocou con Casaquistania formando as Montañas Altai, e posteriormente Báltica colidiu orixinando a oroxenia ural, creando a base da maior parte do que hoxe é Eurasia.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Popov & Cocks 2017, Introduction, pp. 323, 325
  2. Popov & Cocks 2017, Late Ordovician Global Geography, pp. 325–327
  3. Torsvik & Cocks 2009, pp. 8–9
  4. Popov & Cocks 2006, p. 247
  5. Popov & Cocks 2006, p. 254
  6. Popov & Cocks 2017, Abstract; Para consultar un mapa dos terreos casacos ver Popov & Cocks 2006, Fig. 1, p. 248; Para unha reconstrución do Ordovícico tardío ver Percival et al. 2011, Fig. 1, p. 414

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]