Mar de Kara

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mar de Kara
Kárskoe more - Карское море
Localización administrativa
EstadoRusia Rusia
DivisiónKrai de Krasnoiarsk
Nenetsia
Iamália
Localización xeográfica
Océano / MarOcéano Ártico
ContinenteAsia
ArquipélagoNova Zembla e Severnaya Zemlya
Xeografía
Mares contiguosBarents e Laptev
Illas interioresArquipélagos de Nordenskiöld, illas do Instituto Ártico, illas Izvesti Tsik, illas Kirov e illas Kamennyye e illas de Uedineniya, Vize, Voronina, Bely, Dikson, Taimir e Oleny
AfluentesObi (5.410 km), Ienisei (4.093 km), Piasina (817 km) e Taimir (640 km)
Cidades ribeiregasDikson, Novy Port
Accidentes
Golfos e baíasGolfo de Ob, golfo do Ienisei, baía de Baidarata
PenínsulasPenínsula de Taimyr, Península de Yamal, Península de Guida
EstreitosKara e Yugorsky (mar de Kara)
Características
Superficie883.000 km²
Lonxitude máxima1.450 km
Anchura máxima970 km
Profundiade máxima600 m
Profundidade media30-100 m
Outros datos
Zona protexidaGran Reserva Natural do Ártico
Vía navegablePaso do Nordeste
1º naveganteCornelis Nay (1594)
Mapa

Localización do mar de Kara.

Vista satélite do mar de Kara

O mar de Kara (en ruso:Карское море, Kárskoe more) é un sector do océano Glacial Ártico, localizado ao norte de Siberia (Rusia).[1] Esténdese entre os arquipélagos de Nova Zembla e Terra do Norte. Ao sur ten como límite a costa setentrional de Siberia, na que destacan as penínsulas de Yamal e a de Taimir.[2]

A palabra "kara" deriva de kara, que en varias linguas turcas significa "negro" e tamén simboliza "norte".

Xeografía[editar | editar a fonte]

O mar de Kara está limitado ao oeste pola illa de Nova Zembla, ao leste polas illas Severnaya Zemlya, ao sur polo continente e ao norte por unha liña que partindo do cabo Kohlsaat, na Illa Graham Bell, discorre pola Terra de Francisco Xosé ata o cabo Molotov (cabo Ártico), o punto máis setentrional da illa Komsomolets, no arquipélago de Severnaya Zemlya.[3]

Está localizado entre o mar de Pechora -un brazo occidental do mar de Barents- ao oeste, co que está conectado polo estreito de Kara, e o estreito Yugorsky e o mar de Laptev ao leste.

Mide aproximadamente 1.450 quilómetros de longo e 970 quilómetros de ancho cunha área de ao redor de 880.000 km2 e unha profundidade media de 110 m, sendo a profundidade máxima de 600 metros.

En comparación co mar de Barents, que recibe relativamente as cálidas correntes do océano Atlántico, o mar de Kara é moito máis frío, manténdose conxelado durante máis de nove meses ao ano: practicamente, só é navegable en xullo e agosto. As súas augas reciben as augas doces dos ríos Obi (5.410 km), Ienisei (4.093 km), Piasina (817 km) e Taimir (640 km), polo que a súa salinidade é moi variable. Hai dous grandes golfos na zona, o golfo de Ob (de case 1000 km de lonxitude) e o golfo do Ienisei, máis pequeno.

A súa ribeira occidental pertence ao óblast de Arkhanguelsk, a central ao óblast de Tiumen e a oriental ao Krai de Krasnoiarsk. Os seus principais portos son Novy Port e Dikson, este último na boca do golfo do Ienisei. O mar de Kara é unha importante zona de pesca, aínda que tan só dous meses ao ano. Ultimamente realizáronse importantes descubrimentos de petróleo e gas natural -unha extensión da conca petroleira da Siberia Occidental- aínda que aínda non foron desenvolvidos.[4]

Illas[editar | editar a fonte]

Hai moitas illas e grupos de illas no mar de Kara. A diferenza dos demais mares marxinais do Ártico, nos que a maioría das illas atópanse ao longo da costa, no mar de Kara moitas das illas atópanse en mar aberto na súa rexión central, como as illas do Instituto Ártico, as illas Izvesti TSIK, as illas Kirov, a illa Uedineniya ou illas solitarias, como a illa Vize e a illa Voronina.

O grupo máis numeroso de illas do mar de Kara é, con moito, o arquipélago Nordenskiöld, con cinco grandes subgrupos e máis de noventa illas. Outras illas importantes son illa Bely, illa Dikson, illa Taymyr, illas Kamennyye e illa Oleni.

A pesar da alta latitude todas as illas non son glaciares agas da illa de Ushakov no extremo setentrional do mar de Kara.[5]

Historia[editar | editar a fonte]

O mar de Kara era antigamente coñecido como Océano Scythicus ou Mare Glaciale e aparece xa, con estes nomes, nos antigos mapas do século XVI. Dado que está pechado polo xeo a maior parte do ano mantívose en gran parte inexplorado ata finais do século XIX.

En 1556 Stephen Borough (1525-84), navegou no Searchthrift para tratar de chegar ao río Obi, pero foi detido polo xeo e a néboa á entrada do mar de Kara. Ata 1580 non houbo outra expedición inglesa, a de Arthur Pet e Charles Jackman, que tentaba atopar o paso do Nordeste, un paso cara ao Pacífico, tamén fracasou feito polo que en Inglaterra se perdeu o interese na procura de tal paso.

Ese interese foi recobrado a finais do século XVI polas Provincias Unidas dos Países Baixos, que enfrascadas na guerra dos oitenta anos contra España, buscaban unha ruta marítima entre o mar do Norte, bordeando a costa norte de Rusia, que lles permitira chegar o Extremo Oriente e dese modo alcanzar as Indias Orientais, onde tiñan intereses comerciais, sen utilizar a ruta tradicional rodeando Europa e África, controlada por España. En 1594, preparouse unha frota de catro barcos, desde a cidade de Enkhuizen, ao mando de Cornelis Corneliszoon Nay ao que acompañaban outros dous famosos navegante, Jan Huygen van Linschoten e Willem Barents. Nay conseguiu superar o estreito de Vaygach e penetrar no mar de Kara. Ao ano seguinte, 1595, Nay volveu ao mando dunha gran frota de sete barcos, pero atoparon o estreito conxelado e tiverón que desistir. Barents comandou un terceiro e último intento en 1596, con só dous barcos, co que tampouco logrou atravesar o estreito. Tras tentar bordear o extremo norte da illa de Nova Zembla, o seu barco quedou atrapado no xeo o 11 de setembro. Tras pasar ese inverno na illa, tentaron regresar ao ano seguinte nos botes, perdendo Barents a vida nesa viaxe de volta. Os Países Baixos tamén desistiron de atopar a ruta marítima do Norte.

En 1736-37, o almirante ruso Stepan Malygin levou a cabo unha viaxe á illa Dolgiy no mar de Barents. Os dous buques desta primeira expedición foron a Perviy, con Malygin ao mando e a Vtoroy, capitaneada polo capitán A. Skuratov. Despois de entrar no pouco explorado mar de Kara, navegaron ata a desembocadura do río Obi. Malygin tomou coidadosas observacións da ata ese entón case descoñecida zona da costa ártica de Rusia. Con este coñecemento foi capaz de trazar o primeiro mapa preciso das beiras do Ártico entre o río Pechora e o río Obi.

En 1878 o explorador sueco Adolf Erik Nordenskiöld, partindo desde Gotemburgo no barco Vega, navegou ao longo da costa siberiana, cruzou o mar de Kara, e a pesar das bolsas de xeo, logrou alcanzar os 180° de lonxitude a principios de setembro. Atrapado polo xeo no inverno no mar de Chukchi, Nordenskiöld esperou e fixo trocos co pobo local, os chukchis. O verán seguinte o Vega quedou libre e conseguiu chegar a Iocoama, no Xapón. Converteuse no primeiro navegante que franqueó o paso do Nordeste. O maior grupo de illas do mar de Kara, o arquipélago Nordenskiöld, leva o seu nome na súa honra.

1912 foi un ano tráxico para os exploradores rusos do Ártico. Nese fatídico ano o mar non se desconxelou totalmente e grandes témpanos de xeo bloquearon a ruta do nordeste. Tres expedicións que querían cruzar o mar de Kara quedaron atrapadas e non sobreviviron: a de Georgy Sedov, no buque Foka; a de Georgy Brusilov, no Santa Ana; e a de Vladimir Rusanov, no Gercules. Sedov tiña a intención de chegar á Terra de Francisco Xosé en barco, deixar un depósito alí e nunha zorra alcanzar o Polo norte. Debido á gran cantidade de xeo atopado o primeiro verán, o buque só puido chegar a Nova Zembla e invernou na Terra de Francisco Xosé. En febreiro de 1914 Sedov dirixiuse ao Polo con dous tripulantes e tres zorras, pero caeu enfermo e morreu na illa Rudolf.

Brusilov trataba de navegar a través do paso do Nordeste, cando foi atrapado polo xeo no mar de Kara e arrastrado á deriva, cara ao norte, durante máis de dous anos, ata chegar a unha latitude de 83°17 N. Trece homes, encabezados por Valerian Albanov, saíron do barco e comezaron a camiñar polo xeo a través da Terra de Francisco Xosé, pero só Albanov e un mariñeiro (Alexander Konrad) sobreviviron despois dun horrible calvario de tres meses. No mesmo ano a expedición de Rusanov perdeuse no mar de Kara. A ausencia prolongada de noticias sobre estas tres expedicións espertou a atención do público, e organizáronse algunhas pequenas expedicións de rescate, incluíndo cinco voos sobre o mar e o xeo, desde a costa noroeste de Nova Zembla, do pioneiro piloto Jan Nagórski.

Despois da revolución rusa de 1917, a escala e o alcance da exploración do mar de Kara aumentou considerablemente como parte da labor de desenvolvemento da ruta do mar do Norte. Aumentou o número de estacións polares, cinco das cales xa existían en 1917, proporcionando informes meteorolóxicos, recoñecemento do xeo e instalacións de radio. En 1932 había 24 estacións, en 1948 ao redor de 80 e na década de 1970 máis de 100. O uso de quebraxeos e, máis tarde, de aeronaves, xeneralizouse como plataformas para o traballo científico. En 1929 e 1930 o quebraxeos Sedov levou grupos de científicos a Severnaya Zemlya, a última gran peza de territorio non coñecido no Ártico soviético, e o arquipélago foi completamente cartografiado por Georgy Ushakov entre 1930 e 1932.

Particularmente dignos de mención son tres cruceiros do quebraxeos Sadko, que pasaron máis ao norte que a maioría; en 1935 e 1936 as últimas zonas inexploradas no norte do mar de Kara foron examinadas e a pequena e recóndita illa Ushakov foi descuberta.

No verán de 1942 varios submarinos e buques de guerra alemáns da Kriegsmarine entraron no mar de Kara a fin de destruír a maior cantidade de buques rusos que fose posible, na campaña naval coñecida como «Operación Wunderland». O seu éxito estivo limitado pola presenza de témpanos de xeo, así como o mal tempo e a néboa, que protexeron máis eficazmente os buques soviéticos que o que eles mesmos puideron facelo en condicións meteorolóxicas máis adecuadas.

Actualmente hai preocupación polos niveis de residuos nucleares que a antiga Unión Soviética verteu no mar, que incluíron seis submarinos nucleares e dez reactores nucleares, e o efecto que iso terá no medio mariño. Unha avaliación do Organismo Internacional de Enerxía Atómica mostrou que as emisións son baixas e localizadas.[6]

Reserva natural[editar | editar a fonte]

A Gran Reserva Natural do Ártico -a maior reserva natural de Rusia e de toda Europa- foi declarada o 11 de maio de 1993 pola resolución nº 431 do goberno da Federación de Rusia.

A sección das illas do mar de Kara (4.000 km²) da Gran Reserva Natural do Ártico inclúe as illas Kirov, illa Voronina, illas Izvesttadaliy TSIK, illas do Instituto Ártico, illa Svordrup, illa Ensomheden e unha serie de illas menores. Esta sección representa case totalmente a diversidade natural e biolóxica das illas do mar Ártico da parte oriental do mar de Kara.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definición de mar de Kara en thefreedictionary
  2. Ecured (ed.). "Mar de Kara" (en castelán). Consultado o 14 de abril do 2017. 
  3. International Hydrographic Organization, ed. (1953). "Limits of Oceans and Seas, 3rd edition" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08 de outubro de 2011. Consultado o 6 de febreiro de 2010. 
  4. RT, ed. (27 de setembro do 2014). "Rusia encuentra un nuevo yacimiento de petróleo en el mar de Kara" (en castelán). Consultado o 14 de abril do 2017. La petrolera estatal rusa Rosneft ha descubierto un nuevo yacimiento de petróleo en el mar de Kara, según informa Ria Novosti. 
  5. Arctic Glaciers; Ushakov Island
  6. Mar de Kara: el cementerio nuclear de la URSS Arquivado 07 de xuño de 2015 en Wayback Machine. (en castelán)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]