Epopea de Gilgamesh

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Relevo de Gilgamesh conservado no Museo do Louvre, París.

A Epopea de Gilgamesh, tamén coñecida como o Poema de Gilgamesh, é unha narración de orixe sumeria, na Mesopotamia, considerada como a narración escrita máis antiga da historia. Elaborouse mediante a escrita cuneiforme en táboas de arxila, o que favoreceu a súa conservación. A versión máis completa que se conserva consta de doce táboas, das cales once foron escritas cara a primeira metade do II milenio a. C. e a última, que constitúe unha narración independente das demais, cara á fin do I milenio a. C.

Orixe[editar | editar a fonte]

Os expertos opinan que a orixe cómpre procurala nunha serie de poemas sobre o heroe e rei mitolóxico Gilgamesh, máis tarde artellados nun poema acadio máis extenso. A versión máis completa da que se dispón actualmente procede da biblioteca do rei asirio do século VII a. C. Assurbanipal en Nínive, quen procurou coleccionar copias de todos os documentos escritos no mundo que el coñeceu. É posible que Gilgamesh existise realmente e fose un monarca sumerio do século XXVII a. C..

Argumento[editar | editar a fonte]

O poema trata das aventuras do rei Gilgamesh, tamén coñecido coma Istubar, e o seu amigo Enkidu. Xira en torno a dúas temáticas principais, a procura da gloria e a procura da inmortalidade, dominantes nas seis primeiras e nas seis últimas táboas, respectivamente.

A historia principia coa presentación do rei Gilgamesh de Uruk, o meirande Rei divino que, conta a narración, existiu. A súa severidade provoca que a deusa Ninhursag cree ao home salvaxe Enkidu, quen se adica a amolar aos pastores. O rei envíalle á prostituta sagrada Shamhat, quen civiliza a Enkidu.

Enkidu e Shamhat casan, e Gilgamesh acode á voda coa intención de facer valer o seu dereito de pernada, mais Enkidu resístese o que provoca a loita entre os dous personaxes. Finalmente, reconcílianse e Gilgamesh convence a Enkidu para viaxaren xuntos ao bosque para mataren ao xigante Humbaba e adquiriren así a gloria.

Na segunda parte, a da procura da inmortalidade, Enkidu enferma e, moribundo, descende aos infernos. Gilgamesh compadécese del e emprende unha perigosa viaxe para visitar aos dous únicos seres humanos que sobreviviron ao Diluvio universal, Utnapishtim e a súa dona. O sobrevivente rétao a permanecer esperto seis días e sete noites se quere a súa axuda, pero nada máis remata de lle facer a proposición, Gilgamesh fica durmido. Derrotado, emprende o regreso a Urk, non sen antes de que Utnapishtim lle fale de certa planta do fondo do océano que o fará novo outra vez.

Versións modernas[editar | editar a fonte]

A totalidade das táboas que se conservan da biblioteca de Assurbanipal, unhas 25.000 en total, atópanse no Museo Británico e foron traducidas por George Smith a partir de 1872. En 1984 traduciuse o poema ao inglés coa axuda do escritor John Gardner. En castelán existe a tradución de Fabián Chueca Crespo, La epopeya de Gilgamesh, publicada no 2008 pola editorial Random House Mondadori, a partir da versión inglesa de 1999 de Andrew George.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]