Confucianismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O Dacheng, o edificio principal do Templo de Confucio en Qufu
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.

O confucianismo[1] é o conxunto de doutrinas morais e relixiosas predicadas por Confucio entre os séculos VI e V a. C. É unha mestura do culto á natureza (As 5 Montañas sagradas) e ós antepasados.

Foi a relixión oficial de China ata 1912, cando foi proclamada a República. Estruturou o pensamento chinés xunto co taoísmo e o budismo.

O confucianismo desenvolve a preocupación humanista de Confucio, centrada na idea do home moralmente superior (jun zi) e dunha sociedade ben ordenada. Este home debe ser sabio, humano e animoso e estar impulsado polo concepto de xustiza, deixando ao lado o seu beneficio persoal. Outros conceptos asociados son o da rectitude, o termo medio e a virtude da humanidade (ren). Mencio afirmou que o home é bo por natureza; esta tendencia idealista contraponse á naturalista de Xun Zi, para quen o home e malo e egoísta. O confucianismo foi adoptado como ideoloxía oficial do estado no 136 a.C.. No século XI apareceu o neoconfucianismo, que introduciu o estudo da natureza e do principio do home e das cousas.

Os cinco clásicos (Liu Ching)[editar | editar a fonte]

Trátase da recompilación máis antiga. Durante a dinastía Qin viuse afectada pola queima de libros do ano 213 a. C. Debido a esa circunstancia desapareceu o Yuejing (Libro da música).[2]

  1. I Ching ou Yijing (Libro das mutacións)
  2. Shijing (Libro das odas)
  3. Shujing (Libro da historia)
  4. Lijing (Libro dos ritos)
  5. Chunqiu (Anais de primavera e outono)

Os catro libros[editar | editar a fonte]

Máis vinculada co propio é a recompilación posterior que se publicou por primeira vez como tal en 1190. As dúas primeiras obras correspóndense aos capítulos 42 e 31 do Li Chi.

  1. Gran Saber (en chinés, 大學)
  2. Doutrina da medianía (en chinés, 中庸)
  3. Analectas (en chinés, 論語)
  4. Mencio (en chinés, =孟子)

A sociedade no confucianismo[editar | editar a fonte]

Estatua de Confucio en bronce.

O confucianismo ve só o hombre realizado en tanto ser social que ocupa un posto e desempeña unha función, non como un ser illado. Na idea confucianista da sociedade utópica, a xerarquía non é só social, senón tamén moral. Na antiga China, a familia non era un núcleo reducido, senón un gran clan, moitos dos seus membros vivían baixo un mesmo teito, recoñecían un antergo en común e mantiñan vínculos con outros grupos da mesma orixe.

Unha familia así era unha prefiguración do Estado. Así, a familia era vista como un pequeno reino con xerarquías, protocolos e métodos de goberno, e o Estado como unha gran familia na que debe haber afectos, relacións e obrigas morais. Na familia, os membros están xerarquizados mediante un complexo sistema. Para o confucianismo, o aprecio, o amor e as relacións que había entre os membros debían estar graduadas segundo cada persoa, o seu posto etc. En consecuencia, había termos para representar o amor polos pais ou piedade filial (Xiao), o amor dos pais polos seus fillos (Ci) etc.

A aprendizaxe do home superior iniciábase na familia e o home poderá dificultosamente gobernar o Estado se non pode gobernar primeiro a súa familia.

A pesar do anterior, para os confucianistas todos os homes son de natureza basicamente igual, independente da súa posición ou lugar de nacemento. Porén, non poden manterse iguais xa que sería prexudicial para o bo funcionamento social.

Métodos do confucianismo[editar | editar a fonte]

Os medios para alcanzar a máxima excelencia ou Zhi shan eran dous: o estudo e a introspección, entendida como un ollar cara a dentro, é dicir, o coñecemento pleno dun mesmo.

O estudo dos textos antigos e das leccións dos sabios e a natureza é a base da mellora individual. Ademais, serve como soporte para a introspección porque o home debe ver que hai bo dentro del e desenvolvelo. A bondade natural humana, capital no ensino de Mencio, parte do mesmo principio de que o bo se atopa dentro do home e que debe ser descuberto empregando a introspección. Así, un home superior poderá obter Ren e Li.

O confucianismo tamén dá grande importancia aos ritos. Ao ser unha forma de conservar o pasado mítico que foi legado, o confucianismo apoia que se sigan practicando e dálles novos valores. Eran vistos polos confucianistas como un símbolo de xerarquía e de poder. Ademais, son un método de autodisciplina e dominio dun mesmo, ao facer que o individuo deba realizar algo dun xeito preciso.

Os ritos garantes que a sociedade e o Estado funcionen correctamente, xa que as accións do goberno deben ter orde e xerarquía.

Extensión do confucianismo[editar | editar a fonte]

O confucianismo sobreviviu á súa supresión durante a dinastía Qin grazas en parte ao descubrimiento de obras clásicas ocultas nas paredes da casa dun erudito. Despois de Qin, coa nova dinastía Han, o estudo das obras clásicas do confucianismo converteuse na base do sistema de exames do goberno e do plan educativo. Non se presentou ningunha tentativa seria para substituílo ata o movemento do Catro de Maio (4 de maio de 1919), no século XX.

Despois da súa reformulación como neoconfucianismo de Zhu no s. XI, con Wang Yangming e outros neoconfucianos, tamén se aceptou como filosofía de estado en Corea e no Xapón. Corea, coa dinastía Joseon, chamouse «estado confucianizado».

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para confucianismo.
  2. Yao, Xinzhong (21 de xuño de 2001). El confucianismo (en español). Ediciones AKAL. ISBN 9788483231333. Consultado o 18 de marzo de 2017. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Xinzhong Yao (2003). El confucianismo. Madrid: Akal Cambridge. ISBN 978-84-8323-133-3. 
  • González de Mendoza, J. (1944a). De cómo tienen por cierto que el ánima es inmortal, y que ha de haber otra vida en la cual será castigada o premiada, según las obras que en ésta hubiere hecho, y cómo ruegan por sus difuntos. En Historia de las cosas más notables, ritos y costumbres, del gran reino de la China. Madrid: M. Aguilar. (en inglés)

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]