Atlántida

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mapa de Athanasius Kircher mostrando a suposta situación da Atlántida. (Mundus Subterraneus, 1669)

A Atlántida foi unha antiga illa ou continente mítico, cuxa existencia ou localización nunca foron confirmadas.

Historia[editar | editar a fonte]

Orixinalmente foi mencionada polo filósofo grego Platón en dous dos seus diálogos (Timeo e Critias). Cóntanos que Solón no curso das súas viaxes por Exipto, falou cun sacerdote que vivía en Sais, no delta do Nilo, que lle contou unhas tradicións ancestrais relacionadas cunha guerra perdida nos anais dos tempos entre os atenienses e o pobo de Atlantis. Segundo o sacerdote, o pobo de Atlantis (ou Atlántida) viviría nunha illa localizada alén dos piares de Heracles, onde o Mediterráneo terminaba e o Océano comezaba.

Segundo a mitoloxía grega a Atlántida formaba parte do reino de Poseidón, deus dos mares. Nas montañas do centro da illa vivía unha rapaza orfa de nome Clito, da que Poseidon se apaixonou e para poder cohabitar con ela formou unha barreira constituída por unha serie de murallas e fosos de auga arredor da vivenda da súa amada. Deste xeito viviron moitos anos e da súa relación naceron cinco pares de xemelgos. Ó máis vello deulle o nome de Atlas. Despois de dividir a illa en dez áreas anelares, deulle a supremacía a Atlas, dedicándolle a montaña desde onde Atlas espallaba o seu poder sobre o resto da illa. En cada un dos distritos (aneis terrestres ou cintos), reinaban as monarquías de cada un dos descendentes dos fillos de Clito e Poseidón, e reuníanse unha vez ó ano no centro da illa, onde se localizaba o palacio central e o templo a Poseidón, que tiñan os muros cubertos de ouro. A reunión marcaba o inicio dun festival cerimonioso en que cada un dos monarcas tiña que cazar un touro, para beberen do seu sangue e comeren da súa carne entre críticas e loanzas.

A Atlántida sería unha illa de extrema riqueza, quer vexetal e mineral. Non só era magnificamente prolífica en depósitos de ouro, prata, cobre, ferro etc. senón tamén en oricalco, un metal que brillaba como fogo.

Os Reis de Atlántida, construíron innumerables pontes, canais e pasaxes fortificadas entre os seus cintos de terra, cada un protexido con muros revestidos de bronce no exterior e estaño no interior, entre estes brillaban edificios construídos de pedras brancas, negras e vermellas. Tanto a riqueza e a prosperidade do comercio, como a inexpugnable defensa das súas murallas, se tornarían imaxes de marca da illa.

Pouco máis se sabe de Atlántida. Segundo Platón, foi destruída por un desastre natural (posiblemente un terremoto ou maremoto) preto de 9000 anos antes da súa era. Crese aínda que os atlantes foran vítimas das súas ambicións de conquistar o mundo ao seren decimados polos atenienses nesta tentativa.

Outra tradición completamente diferente chéganos de Diodoro Sículo, que conta que os atlantes eran veciños dos libios e que foran atacados e destruídos polas amazonas.

Atlántida somerxida, en ilustración da obra Vinte mil leguas baixo dos mares

Segundo outra lenda, o pobo que habitaba a Atlántida era moito máis evolucionado que os outros pobos da época, e ao prever a destrución inminente emigrou para África, sendo os antigos exipcios descendentes da cultura de Atlántida.

Teorías[editar | editar a fonte]

Hai diversas correntes de teóricos sobre onde se situaría Atlántida, e quen sería o seu pobo. A lenda que postula Atlántida, Lemuria e Mu como continentes perdidos, ocupados por diferentes razas humanas, aínda atopa bastante aceptación popular, sobre todo no medio esotérico. (Non confundir cos antigos continentes que, de acordo coa teoría da tectónica de placas existiron durante a historia da Terra, como a Panxea e o Sahul).

Algúns teóricos suxiren que Atlántida sería unha illa sobre a Dorsal Atlántica, que fora destruída por movementos bruscos da codia terrestre naquel local. Esa teoría baséase en supostas coincidencias, como a construción de templos en forma de pirámide na América, semellantes ás pirámides de Exipto, feito que podería ser explicado coa existencia dun pobo no medio do océano que separa estas civilizacións, suficientemente avanzado tecnoloxicamente para navegar á África e á América para dividir os seus coñecementos. Esta posición xeográfica explicaría a ausencia concreta de vestixios arqueolóxicos sobre este pobo.

Algúns estudosos dos escritos de Platón consideran que o continente de Atlántida sería na realidade a propia América, e o seu pobo culturalmente avanzado e cubertos de riquezas sería ou o pobo Chavín, da Cordilleira dos Andes, ou os Olmecas da América Central, cuxo uso de ouro e pedras preciosas é confirmado polos rexistros arqueolóxicos. Terremotos, comúns nestas rexións, poderían ter dado fin a estas culturas, ou polo menos poderían telas abalado de forma violenta por un período de tempo.

Para algúns arqueólogos e historiadores, Atlántida podería ser unha mitificación da cultura Minoica, que floreceu na illa de Creta ata o final do século XVI a.C.. Os antecesores dos gregos, os micénicos, tiveran, no inicio do seu desenvolvemento na Península Balcánica, contacto con esa civilización, culturalmente e tecnoloxicamente moi avanzada. Cos minoicos, os micénicos aprenderon arquitectura, navegación e o cultivo de oliveiras, elementos vitais da cultura helénica posterior. No entanto, dous fortes terremotos e maremotos no Mar Exeo destruíron as cidades e os portos minoicos, e a civilización de Creta rapidamente desapareceu. É posible que as historias sobre este pobo teñan gañado proporcións míticas ao longo dos séculos, culminando co relato de Platón.

Na cultura pop do século XX, moitas bandas deseñadas, filmes e debuxos animados retratan a Atlántida como unha cidade asolagada, poboada por sereas ou outros tipos de humanos subacuáticos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.