Neve

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Cristal de neve
Valtavaara, Kuusamo, Norte de Finlandia

A neve[1] é un fenómeno meteorolóxico consistente na precipitación de pequenos cristais de xeo. Estes meteoros adoptan formas xeométricas con características fractais e agrúpanse en folerpas. Xa que está composta por pequenas partículas ásperas é un material granular. Normalmente ten unha estrutura aberta e suave, excepto cando é comprimida pola presión externa.

A neve fórmase comunmente cando o vapor de auga experimenta unha alta deposición na atmosfera a unha temperatura menor de 0 °C (32 °F), e posteriormente cae sobre a terra. A neve tamén se pode fabricar usando os canóns de neve, que consisten en aparellos que crean granciños minúsculos de xeo similares a unha fina saraiba.

Formación da neve[editar | editar a fonte]

Os cristais de neve fórmanse nas nubes, a temperaturas por embaixo dos 0º centígrados. O proceso faise en dúas fases[2]:

  1. Na primeira, as microgotas de auga cristalizan por efecto da acción de núcleos de conxelación que son po atmosférico, é dicir, impurezas de orixe orgánico mineral ou químico. Estes cristais teñen forma de prisma hexagonal, posto que, debido á estrutura atómica da auga (H2O), o hexágono é a forma máis estable, a que require menor enerxía[3].
  2. Na segunda fase, vai medrando pola anexión de gotas próximas que se lle van unindo, facendo medrar o hexágono inicial. A velocidade e xeito de crecemento determina a forma final do cristal.

É fama que non existen dous cristais de neve iguais. O naturalista americano Wilson A. Bentley (1865-1931), un granxeiro autodidacta de Vermont, dedicou 40 invernos ao estudo dos cristais de neve. Chegou a examinar máis de 5.000 fotografías obtidas no microscopio. Nunca atopou dous cristais iguais[4]. Se ben é certo que unha mostra de 5.000 exemplares, comparada coa cantidade case infinita de cristais de neve que existen non é proba suficiente.

En 1988, un equipo de investigadores de Wisconsin demostrou que o crecemento dun cristal de neve depende de factores tan irregulares (temperatura, presión atmosférica, vento, humidade ambiente) que é extremadamente improbable que existan dúas folerpas iguais. Tamén demostraron que, controlando con moita precisión as condicións ambientais en laboratorio, pódense conseguir dous cristais totalmente idénticos, se ben a súa forma non podía ser tan sofisticada como as que se dan na natureza[5].

Unha vez formado o cristal, vaixe unindo a outros ata formar folerpas, estas caen en forma de precipitación do efecto da gravidade. Se a superficie está suficientemente fría, non necesita estar a 0º ou menos, a folerpa mantense e temos unha nevarada. Se cae sobre zonas máis quentes, o contacto co aire desfai a folerpa máis o cristal e remata en choiva.

Neve artificial[editar | editar a fonte]

Caso distinto é o da neve producida por "canóns de neve". Estas máquinas botan finas gotas de auga que se conxelan xusto antes da súa expulsión[6]. Como é un proceso case instantáneo, a auga conxelada non fai formas hexagonais, nin hai agregación que forme os característicos cristais. Pola contra, son pezas de xeo amorfas.

Aspectos xeográficos[editar | editar a fonte]

Ocorrencia das nevaradas:      Países con localidades por baixo dos 1000 metros de altitude que teñen nevaradas tódolos anos.      Nestes países neva cada ano por riba dos 500 metros de altitude, mais cada certos anos pode nevar por baixo desta cota.      Nestes países pode nevar por riba dos 500 metros de altitude, as nevaradas por baixo desta cota son excepcionais ou non se producen nunca.      As nevaradas restrínxense aos 2000 metros de altitude ou máis.      Sen neve.

Zonas de neve[editar | editar a fonte]

Nas rexións de clima tropical non neva e considérase que os paralelos 35 N e S delimitan a zona onde só hai unha certa presenza de neve nas montañas. O volcán Cayambe, un cumio de máis de 5000 metros no Ecuador, recibe así mesmo precipitacións en forma de neve a pesar de que se atopa na latitude 0.

Canto máis preto dos polos, máis probabilidade de neve. Porén, a cantidade de neve que cae nas rexións polares é relativamente pouca mais consérase polo frío que vai. Ademais, normalmente as zonas costeiras do planeta vense menos afectadas pola neve que as do interior.

É nas rexións de clima temperado, continental e de montaña onde se producen as nevaradas máis importantes. Entre elas destacan os 130 centímetros de neve acumulada en 24 horas na estación suíza de Klosters en xaneiro de 1982, ou os 193 centímetros en 24 horas que se rexistraron en Silver Lake (Colorado) en abril de 1921.

Usos[editar | editar a fonte]

Hoxe en día, o uso máis común da neve é o deporte e o lecer. A afluencia a estacións de esquí[7], onde practicar deportes de inverno[8], supón o máis típico turismo estacional de inverno. En España, as estacións de esquí concéntranse nas zonas de montaña: Pireneos, Cordilleira Cantábrica, Sistema Ibérico e Sistemas Béticos. En Galicia, a única estación de esquí é a de Manzaneda, entre os concellos de Manzaneda e Pobra de Trives, en Ourense.

Este sector, tanto en Galicia como en España e, en xeral, nos países que contan con neve pero son de clima máis temperán, pódese ver grandemente afectado polo quentamento global, así[9]:

Se pueden producir alteraciones notables en los espacios que hoy acogen al turismo de invierno. Podrían desaparecer o reconvertirse hacia otras modalidades turísticas los complejos que se encuentran situados por debajo de los 2.000 metros (aunque este límite varía latitudinalmente), por falta o escasez del recurso nieve. Las estaciones de esquí se verán obligadas a subir en altitud y a incrementar sus inversiones en cañones para la producción de nieve artificial. De todos modos, la irregularidad de la innivación y el acortamiento de la temporada por el retraso en la aparición del manto nival y el empeoramiento prematuro de su calidad en primavera, no garantizarán la rentabilidad de las inversiones en determinados espacios geográficos.

De feito, xa no ano 1995, os Campionatos do Mundo de Esquí Alpino, que se ían celebrar en Serra Nevada, tiveron que adiarse para o ano seguinte, por causa da falta de neve[10].

Neveiras de montaña[editar | editar a fonte]

Ata a chegada da tecnoloxía do frío industrial e dos elecrodomésticos produtores de frío, despois, a neve era usada tamén para a conservación de alimentos, a fabricación de xeados, a refrixeración das casas e, incluso, en medicina[11].

Para poder dispoñer deste produto todo ou case todo o ano, a neve destinada a estes usos era recollida en neveiras de montaña, que eran construcións soterradas, ás veces aproveitando as propias irregularidades do terreo, en lugares sombrizos. A neve era depositada nestas neveiras, prensada e arrodeada de material illante, como palla, facendo capas de neve prensada e material illante. Unha vez depositada, íase sacando en bloques segundo as necesidades ou a demanda do produto[12], e trasladábase de noite ata os puntos de consumo. A industrialización deixou sen uso estas construcións e a actividade que nelas se realizaba, pero quedou lembranza na nomenclatura do fogar, posto que seguimos a chamarlle neveira ao frigorífico.

Un exemplo en Galicia deste tipo de construción, atópase nos Altos da Garrona, no concello de Xermade, Lugo[13].

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Neve Modificar a ligazón no Wikidata

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]