Ramón Franco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ramón Franco en 1926.

Ramón Franco Bahamonde, nado en Ferrol o 2 de febreiro de 1896 e finado en Mallorca en outubro de 1938, foi un político, militar e aviador galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Era fillo do capitán da Mariña Nicolás Franco y Salgado de Araújo e de María del Pilar Bahamonde y Pardo de Andrade. Irmán de Nicolás, Pilar e Francisco Franco.

En 1914 foi destinado como oficial de infantería a Marrocos. En 1920 pasou á aeronáutica militar como alumno da escola de pilotos, obtendo o título de aviador e sendo destinado á base de hidroavións de Atalayón (Melilla). En 1924 recibiu a Medalla Militar polas suas actuacións na Guerra de Marrocos.

O hidroavión Plus Ultra no Museo Luján de Buenos Aires.

O 22 de xaneiro de 1926 tomou parte no voo do Plus Ultra entre Palos de la Frontera e Buenos Aires, a bordo do hidroavión Dornier Wal Plus Ultra, un dos primeiros voos trasatlánticos.

En 1930 sublevouse contra a monarquía de Afonso XIII no aeródromo militar de Cuatro Vientos. Despois de despegar cun avión e botar proclamas revolucionarias ameazando bombardear o Palacio Real[1], exiliouse voando até Lisboa.

Coa chegada da Segunda República foi rehabilitado e reposto no seu posto, pasando ademais a ocupar cargos de responsabilidade na dirección da Aeronáutica Militar. Porén, máis tarde foi destituído, e tras solicitar a baixa no exército dedicouse á política, obtendo a acta de deputado por Esquerra Republicana de Catalunya nas eleccións xerais do 28 de xuño de 1931, obtendo 91.731 votos.

Guerra civil[editar | editar a fonte]

En 1936, tralo Alzamento Nacional no que tomou parte o seu irmán, estaba como agregado aéreo na embaixada española en Washington D.C., e tras algunhas dúbidas incorporouse á zona dominada polos sublevados, facendo prevalecer a lealdade familiar ás ideas políticas. Porén, hai quen defende que se uniu aos sublevados tralo asasinato do seu amigo Julio Ruiz de Alda na prisión Modelo de Madrid.

Foi destinado ás illas Baleares e nomeado xefe de Aviación polo seu irmán, o que provocou unha protesta escrita do xefe da Aviación Nacional, Alfredo Kindelán, xa que o nomeamento fora levado a cabo sen consultalo, pois era evidente que se oporía.

Morte[editar | editar a fonte]

Morreu en 1938 durante un voo desde a base de hidroavións do porto de Pollença ao estrelarse o hidroavión de fabricación italiana CANT Z.506 Airone que pilotaba. Partiu da base con moi malas condicións atmosféricas e co avión cargado con case mil quilos de bombas, e ao adentrarse nunha tormenta e non ser quen de dominar o aparato, caeu en barrena sobre a mar.

A súa morte deu lugar a rumores sobre unha posible sabotaxe, ben procedente de quintacolumnistas republicanos ou de elementos próximos ao bando sublevado, que verían nel un personaxe molesto debido ao seu pasado, o seu prestixio na aviación e o seu parentesco co líder dos sublevados. Segundo a súa irmá, foi asasinado pola masonería porque quería publicar un libro antimasónico chamado La burla del grado 33[2].

Obras[editar | editar a fonte]

  • De Palos al Plata (1926).
  • Madrid bajo las bombas (1931).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Joaquín Bardavío e Justino Siniva: Todo Franco, Editorial Plaza & Janés, Barcelona 2000. ISBN 84-01-37719-6 Pg.277.
  2. Entrevista á irmá de Ramón Franco en Canal Sur (en castelán).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]