Cultura de Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Cultura galega")

A Cultura de Galicia ten a súa orixe na cultura megalítica da fachada atlántica europea e na cultura castrexa. Os primeiros poboadores de Galicia son os nativos oestrimnios e outros pobos de orixe indoeuropea. A fusión destes pobos no noroeste peninsular dará lugar á cultura dos castros entre o macizo Galaico e o río Douro, cultura na que deixaron a súa impronta tamén os romanos. Ademais aínda hoxe é tema de discusión a pegada celta na cultura galega: aínda que se sabe que a súa presenza non foi tan importante como a que quixeron ver os autores románticos, hai trazos célticos de importancia, como influencias na cultura material, na toponimia, nos mitos relixiosos e pode que mesmo a lingua falada en todo o territorio galaico antes da romanización fose celta, aínda que disto non hai certeza.

Posteriormente, Galicia será invadida por varias vagas xermánicas. Nun primeiro momento os suevos farán de Galicia o primeiro reino independente de Europa, máis adiante, este reino será anexionado polos visigodos. Galicia recibirá tamén, no transcorrer da súa historia, a viquingos, bretóns e musulmáns. Coa chegada dos musulmáns á Península Ibérica dúas cidades galegas serán atacadas: Santiago de Compostela e Lugo. O reparto do antigo reino visigodo, que se fai entre árabes, sirios e bérberes, dálle a estes últimos a franxa noroeste. As condicións climáticas incomodan a este pobo, procedente do Magreb, así que deciden non asentarse, convertendo a Galicia en territorio fronteira con Al-Ándalus, onde o cristianismo faise un trazo diferenciador que dá forzas á reconquista.

Galicia, ao igual ca outros territorios da Península Ibérica, tamén chegaría a ter nalgunhas cidades unha importante comunidade xudía, principalmente na zona de Ribadavia e Ourense. Tamén cabe destacar na cultura galega a influencia cultural chegada dende América Latina, dende as Illas Británicas e dende o centro de Europa, grazas ao camiño de Santiago.

Cultural e lingüisticamente as comarcas españolas do Bierzo (Castela e León) e o Eo-Navia (Asturias) son análogas a Galicia. Tamén posúe patróns conxuntos coas rexións lindeiras portuguesas de Tras-os-Montes e Baixo Minho na música, nos costumes e nas tradicións.

A cultura galega, entón, é froito da fusión de elementos culturais achegados por moi diversos pobos, que se estableceron en Galicia ao longo da súa historia, coa cultura da poboación nativa.

Ferramentas persoais
Espazos de nomes

Variantes
Accións
Navegación
Imprimir/exportar
Caixa de ferramentas
Outras linguas